A CIG participa como convidada no VIII Congreso da UGTSARIO

Celebrouse no campamento de Wilaya Bojador (Tindouf) durante os días 3, 4 e 5 de decembro

Sahara -

Durante os pasados días 3, 4 e 5 de decembro, a CIG asistiu como convidada ao VIII Congreso da UGTSARIO, que baixo o lema “Mobilizar as forzas traballadoras para impoñer a soberanía total”, e como unha sentida homenaxe ao mártir Brahim Saika (morto na cadea marroquí, logo de non ser atendido axeitadamente por unha folga de fame, e detido por protestar contra o réxime de ocupación), se desenvolveu no campamento de refuxiados de Wilaya Bojador, en Tindouf (Alxeria).

En presenza dunha ampla representación do goberno saharauí e do Secretariado do POLISARIO, deron apertura ao Congreso, a Gobernadora de  Wilaya de Bojador,  Sra. Fatma Bal-la, o Secretario Xeral saínte, Mohamed Cheij Lehbib, que anunciou a súa renuncia para o seguinte mandato, e o Primeiro Ministro, Xefe do Executivo da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Abdelkader Taleb Omar, en nome do Presidente, que se atopaba nese intre na zona liberada (as terras do Sáhara Occidental que aínda están sen ser ocupadas por Marrocos), e que criticou os intentos do Reino de Marrocos de ir contra a OEA, Organización dos Países de África, polo seu recoñecemento da RASD.

Lembrou a situación de conflito e reclamou a súa inmediata resolución, así como a liberación de todas as persoas presas por Marrocos (máis de 600) e a aclaración sobre as máis de 200 persoas desaparecidas. Mostrou os seus agradecementos especiais a Alxeria, pola súa axuda e solidariedade na situación que están a padecer, así como ao resto dos países africanos, que levan mostrado o seu apoio e recoñecemento, e criticou a actitude dos gobernos españois, pedíndolles que asuman dunha vez por todas a súa responsabilidade no conflicto, tal e como llo demanda tamén a súa poboación que, maioritariamente é solidaria coa causa saharauí.

Proxectouse un documental sobre a resistencia da clase traballadora saharauí.

Rendéuselle unha homenaxe ao recén finado Fidel Castro, líder da Revolución Cubana, como exemplo a seguir na loita dos pobos pola súa soberanía, e tamén como agradecemento á grande colaboración que Cuba vén prestando ao Pobo Saharauí, tanto nos propios campamentos, como na illa, ofrecéndolles formación para toda a xente que leva acollido.

Logo da aprobación do Regulamento do Congreso e a elección da Mesa, comezou o programa coas intervencións dalgunhas das delegacións das organizacións convidadas. Por parte da CIG, amosouse o agradecemento polo convite, e comprometémonos a seguir colaborando con eles en todo o que poidamos, tal e como viñemos facendo ata agora, ben no seu propio territorio, ben facendo visíbel a súa loita, tanto no noso país, como en todos os foros internacionais nos que participemos. Como traballadores/as pertencentes a unha nación sen estado, tanto a xente da CIG, como a maioría da clase traballadora galega, e a sociedade en xeral, entendemos perfectamente a loita do pobo saharauí polo seu dereito de autodeterminación, e criticamos a actitude dos sucesivos gobernos do Estado Español, por desentenderse da súa responsabilidade con un pobo que foi a súa colonia, así como das institucións internacionais que, mirando para outro lado, permiten unha e outra vez o incumprimento das súas propias resolucións por parte do goberno de Marrocos. Desexámoslles o maior dos éxitos na celebración do Congreso, e mantivemos o noso compromiso de colaboración, agardando que poidamos ser convidados de novo ao seguinte congreso, e que este se celebre xa en territorio dunha República Árabe Saharauí Democrática, totalmente liberada. “Sáhara Horra!!!” (Sáhara Libre!).

Durante as seguintes xornadas, déronse os debates internos e as votacións correspondentes para elixir os novos órganos, estando as delegacións convidadas ausentes, e coñecendo máis de preto a situación nos campamentos e algúns proxectos de solidariedade significativos. Tamén desenvolvemos a 7º Conferencia Sindical Internacional de solidariedade cos traballadores, as traballadoras e o pobo saharauí, das que informamos a continuación.

Durante a última xornada continuaron as intervencións das delegacións que aínda non o fixeran o primeiro día, leuse a Declaración Final consensuada na Conferencia Internacional e déronse publicamente os resultados das votacións para elixir os máximos organismos, quedando elixida unha nova Executiva de 13 persoas (5 mulleres), e  como novo Secretario Xeral, Salama Brahim, entre un total de 9 candidaturas. A clausura do Congreso correu a cargo do  novo Secretario Xeral.

 

Percorrido pola realidade dos campamentos saharauís de refuxiados/as

 Durante os días de estancia nos campamentos, e durante as xornadas nas que se estaban a dar os debates internos do Congreso, as e os asistentes puidemos afondar un pouco máis no coñecemento das condicións en que está a vivir a poboación saharauí dos campamentos, así como algunhas iniciativas de atención á poboación, ben propiciadas polos propios saharauís, ben por accións solidarias procedentes do exterior. Neste senso, cabe destacar a colaboración que vén de Alxeria, a través do goberno e doutras organizacións, doutras organizacións do Estado Español e, moi especialmente, de Cuba, un verdadeiro exemplo nas políticas de cooperación internacional.

  • Visita ao centro educativo da Fundación Simón Bolívar, do que Venezuela puxo as instalacións, Cuba os/as docentes e o Sáhara o mantemento. Atende a un total de 360 alumnos/as de ensino secundario, 160 en réxime de internado.
  • Centro educativo en lingua inglesa promovido por institucións relixiosas de USA.
  • Centro de Atención a persoas con Discapacidade de Smara, unha iniciativa levada a cabo por un antigo pastor de cabras, ao que lle chaman Castro, e que dirixe el mesmo neste intre con un grande nivel pedagóxico e un enfoque realmente integrador.
  • Sede da UGTSARIO e os seus talleres ocupacionais de carpintería e soldadura.
  • Hospital Nacional de Bachir Saleh, o centro hospitalario máis grande e importante que teñen para os campamentos de refuxiados, con todo tipo de especialidades e cirurxía. (Por certo, observamos que, segundo nos comunicou algún persoal sanitario, teñen carencia de desfibrilador que funcione axeitadamente. Intentaremos facer algunha xestión coa Federación de Saúde da CIG para ver se é posible enviarlles un).
  • AFAPREDESA, A Asociación de Familiares de Presos/as e desaparecidos/as Saharauís, que traballa pola súa liberación e esclarecemento das desaparicións de familiares.
  • A Asociación Saharauí de vítimas das minas, que Marrocos ten espalladas polos territorios ocupados e cercanías.

Pero,…sobre todo, é impresionante observar as condicións en que, durante anos, está vivindo toda a poboación saharauí dos campos de refuxiados/as, con grandes carencias de infraestruturas e de servizos básicos, sobre todo relacionados coa hixiene (a auga é un elemento escaso naquelas latitudes), e ata coa propia alimentación, tendo que depender de que moitos produtos lles veñan de fóra e estando moi supeditados á solidariedade. E o que máis cumpre destacar é a actitude que, diante de todas estas dificultades, adopta a xente que habita os campamentos, non só polo seu espírito de loita incansable, senón pola grande hospitalidade que mostran coas persoas que alí nos achegamos, acolléndonos nas súas casas e compartindo con nós todo o que teñen, cunhas doses de dignidade xa difíciles de atopar neste mundo “civilizado” e ostentoso no que nós vivimos. Reiteramos as nosas grazas (Sucram) ás familias que nos acolleron, así como as persoas da organización que fixeron moi doada a nosa estancia durante eses días.

 

VII Conferencia Sindical Internacional de solidariedade cos traballadores/as e o pobo saharauí

 Durante a xornada de tarde do día 4 de decembro, celebramos esta Conferencia na sede da Unión Nacional de Mulleres Saharauís, na que celebran habitualmente cursos de formación.

Logo de nomear unha Mesa que coordenara a Conferencia, con representantes de organizacións sindicais de Europa, África e América, o responsable de relacións internacionais da UGTSARIO, Kasisa, expuxo brevemente os obxectivos desta conferencia:

  1. Solicitar un pronunciamento conxunto e público de apoio á súa causa.
  2. Denunciar as actuacións de Marrocos coa constante violación do dereito internacional, e as actitudes represoras contra a poboación saharauí.
  3. Denunciar a pasividade dos organismos internacionais e esixir o respecto ás resolucións e sentenzas existentes.
  4. Denunciar a existencia do muro da vergoña que Marrocos construíu en territorio do Sáhara Occidental, e as restricións de acceso aos territorios ocupados.
  5. Esixir a liberdade de presos/as saharauís polo goberno de Marrocos e a anulación das condenas ditadas por tribunais militares contra o dereito de manifestación.
  6. Denunciar a postura de boicot pretendida polo goberno de Marrocos a nivel internacional, nomeadamente, diante da OEA.
  7. Esiximos un compromiso do Estado Español na resolución dun conflito no que se desentendeu das súas responsabilidades.
  8. Fixación dunha data definitiva para a celebración dun referendo de autodeterminación entre a poboación saharauí.
  9. Denunciar a espoliación dos recursos naturais do pobo saharauí polo Reino de Marrocos.
  10. Facer algún tipo de actuación coas empresas que participan dese espolio.
  11. Facer unha convocatoria conxunta de mobilizacións nos países de procedencia das organizacións presentes.

 

 

DECLARACION FINAL

 As organizacións sindicais abaixo asinantes, procedentes de África, América e Europa, participantes na 7ª Conferencia Sindical Internacional de Solidariedade cos Traballadores, as Traballadoras e o Pobo Saharauí, realizada no marco do 8º Congreso da UGTSARIO, na Wilaya de Bojador dos Campamentos de Refuxiados Saharauís o día 4 de decembro de 2016, facemos pública a seguinte declaración.
Confirmamos a nosa solidariedade coa xusta loita do Pobo Saharauí polos seus dereitos sociais e políticos, a súa liberdade, autodeterminación e independencia, e apoiamos a intifada pacífica que veñen levando a cabo na defensa dos mesmos. 
Os Campamentos de Refuxiados seguen sendo un exemplo de resistencia fronte á ocupación e manteñen no alto a lexítima reclamación dun Estado Saharauí independente. Pola súa banda, nos Territorios Ocupados o pobo saharauí enfróntase á férrea represión do Estado Marroquí que viola continuadamente os Dereitos Humanos, mediante a desaparición de persoas, encarceramentos, torturas, asasinatos (como o do sindicalista Brahim Saika), procesos xudiciais sen garantías e non recoñecemento -entre outros- dos dereitos sindicais, de asociación ou de manifestación, asediando á poboación saharauí, ocupando as súas vivendas e reprimindo todo tipo de manifestacións.
Fronte á clara determinación do pobo saharauí e o seu goberno por exercer o dereito á autodeterminación, o reino de Marrocos segue bloqueando a realización do referendo, mentres que a Comunidade Internacional continua coa súa política de dobre linguaxe e de dobre vara de medir: aproban Resolucións favorables ao dereito do Pobo Saharauí á súa autodeterminación, pero manteñen acordos comerciais co Reino de Marrocos sobre un territorio que non lle pertence, e miran cara a outro lado cando nega a realización do referendo, cruza o muro da vergonza invadindo a zona liberada do Guerguerat ou viola grave e continuadamente os Dereitos Humanos.
Neste contexto, as Organizacións Sindicais asinantes desta Declaración
 

MANIFESTAMOS:

  1. O noso apoio e solidariedade cos traballadores, traballadoras e persoas desempregadas saharauís nos territorios ocupados. Denunciamos a política marroquí de discriminación dos mesmos. Manifestamos o noso apoio e solidariedade cos traballadores de Fos Boucraa e doutras empresas, como Cubertas e Tellados, ex-funcionarios, etc., coas súas xustas demandas e reivindicacións.
2. Denunciamos o asasinato do sindicalista Brahim Saika, quen foi detido arbitrariamente por forzas de ocupación marroquís acusado de organizar unha protesta pacifica contra a situación das persoas desempregadas saharauís. Tras ser sometido a torturas e iniciar unha folga de fame como protesta, non foi atendido adecuadamente para salvarlle a vida e a falta de asistencia médica fixo que falecese o pasado 15 de abril, sendo enterrado sen o consentimento da familia por non realizarlle autopsia que aclarase a causa da morte.
3. Denunciamos a espoliación dos Recursos Naturais do Pobo Saharauí (pesca, agricultura, fosfatos, area, enerxías renovables...) que supón, segundo estudos de organizacións internacionais, uns ingresos aproximados de 4.000 millóns de euros anuais ao Reino de Marrocos pola venda duns recursos naturais que non lle pertencen. Neste sentido, denunciamos ás empresas que explotan os recursos naturais do Sahara Occidental. Esiximos a intervención de Nacións Unidas para preservalos fronte ao roubo e o espolio marroquí.
4. Esiximos á Unión Europea que respecte a sentenza do Tribunal Xeral da UE de decembro de 2015 que anula os Acordos Comerciais da UE con Marrocos por incluír ao Sahara Occidental. Por iso, esiximos que se revoguen e non se asinen acordos comerciais (pesqueiros, agrícolas e outros) co reino de Marrocos que supoñan a espoliación dos recursos naturais do Sahara Occidental.
5. Denunciamos a existencia do muro da vergoña construído por Marrocos, con máis de sete millóns de minas que están xerando vítimas entre a poboación civil e divide ao Sahara Occidental, polo que esiximos a súa destrución.
6. Denunciamos a invasión marroquí do Guerguerat, o que supón o incumprimento dos acordos de alto o fogo do ano 1991, poñendo en grave risco a paz e a seguridade da rexión, ante a pasividade e o silencio da Comunidade Internacional.
7. Esiximos que as autoridades marroquís abran as fronteiras dos territorios ocupados para permitir a libre entrada e circulación das persoas: sindicalistas, xornalistas, observadores, organizacións internacionais, representantes da ONU… para que poidan tomar contacto directo coa realidade. Denunciamos as expulsións e a limitación de movementos imposta por Marrocos ás persoas nadas no Sáhara Occidental.
8. Denunciamos a expulsión da Vicepresidenta do Parlamento Africano, a saharauí Selma Beiruk, á que non se lle permitiu asistir ao cumio COP22 de Nacións Unidas sobre o cambio climático celebrada hai unhas semanas en Marrakech.
9. Esiximos a liberdade dos presos políticos saharauís e a anulación das condenas ditadas por un Tribunal Militar por participar no campamento de Gdeim Izik do que estes días conmemoramos o seu sexto aniversario. 
10. Esiximos ao Goberno Español que asuma as súas responsabilidades ao ser a potencia administradora do Sahara Occidental neste proceso de descolonización inconclusa, con maior motivo ao asumir durante este mes de Decembro a Presidencia do Consello de Seguridade. Así mesmo esiximos ao Goberno de Francia que cese as súas complicidades co Reino de Marrocos e a súa negativa permanente no Consello de Seguridade de Nacións Unidas a que a MINURSO exerza a súa misión de vixilancia dos dereitos humanos.
11. Rexeitamos a pasividade coa que actuaron a Comunidade Internacional e o Consello de Seguridade das Nacións Unidas ante a inxustificada expulsión da MINURSO por parte do Estado marroquí, e esiximos a plena restauración dos seus efectivos e funcións, incluíndo entre as mesmas a vixilancia do respecto aos dereitos humanos.
12. Facemos un chamamento ás Nacións Unidas para que interveñan ante a tráxica situación política e humanitaria que sofre o Pobo Saharauí.
13. Esiximos a Nacións Unidas que fixen a data para a celebración do referendo de autodeterminación sistematicamente bloqueado por Marrocos, adoptando as medidas necesarias para a súa celebración. Dando así cumprimento, entre outras, á Resolución nº 621 do ano 1988 do Consello de Seguridade, que encargaba á ONU establecer os medios necesarios para asegurar a organización e supervisión do referendo de autodeterminación do Sahara Occidental.

 

COMPROMETÉMONOS:

 

 

1º) A seguir fortalecendo as nosas relacións, apoio e solidariedade coa UGTSARIO, central sindical que lexitimamente representa aos traballadores e as traballadoras saharauís, e favorecer a súa presenza nas Conferencias, Encontros e Congresos sindicais nacionais e internacionais.
2º) A denunciar publicamente ás empresas que explotan os recursos naturais saharauís, como Kosmos Energy, Cairn Energy, Lifosa, Siemens, Enel... e calquera outra que os explote ou os intente explotar.
3º) A denunciar publicamente a celebración do novo xuízo pola protesta de Gdeim Izik, fixado para o vindeiro día 26 de decembro. Esiximos o sobresemento da causa e a liberdade dos encarcerados.
4º) A manter o envío de Misións Sindicais aos Territorios Ocupados, en coherencia coa nosa defensa da solidariedade internacional, para desenmascarar as violacións dos Dereitos Humanos, defender o seu respecto e o cumprimento dos dereitos políticos, sociais e laborais dos traballadores e as traballadoras saharauís.
5º) Fomentar a visibilidade da causa saharauí nas nosas organizacións, entre os nosos afiliados e afiliadas, e nas nosas sociedades, contribuíndo á difusión de resolucións, manifestos, documentos, uso de redes sociais, etc. Suscitar a defensa dos dereitos humanos e da causa saharauí naqueles foros e encontros que conten tamén con participación sindical. 
Campamentos de Refuxiados Saharauís. Bojador, 4 de decembro de 2016


Sindicatos asinantes:

 AFRICA:

Alxeria :

UGTA

Ghana:

TUC

Nixeria:

ASUU
Movement for Liberation of Western Sahara
Nigerian Labour
TUC

Sáhara Occidental:

UGTSARIO
OUSA (Unión de Sindicatos Africanos)

AMÉRICA:

Arxentina:

CTA dos Traballadores
CTA-Autónoma

Brasil:

Força Sindical

Quebec/Canadá:

CSN

EUROPA:

Estado Español:

CCOO
Confederación Intersindical
UGT
USO

Eukal Herria- País Vasco:

ELA
ESK
LAB
STEILAS

Galiza:

CIG

Francia:

CGT

Italia:

CGIL
UIL

Xosé L. Rivera Jácome.
Relacións Internacionais CIG

 

Volver