VIII CONGRESO DA CSPLP- LISBOA

II Encontro de Mulheres da CSPLP e encontro en Defensa dos Dereitos dos/as Traballadores/as Migrantes dos países de CPLP

Lisboa -

 Durante os pasados días 14 e 15 de novembro celebrouse en Lisboa o VIII Congreso da Confederaçao  Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP), da que a CIG forma parte. A central sindical participou tamén no II Encontro de Mulheres, celebrado os días 12 e 13, e no Encontro en defensa dos Dereitos de Traballadores/as Migrantes.

 

INFORME

 O VIII Congreso celebrouse seguindo o programa e a orde de día establecidos na convocatoria:

1º) Sesión de apertura:

Debate e aprobación do Regulamento do Congreso. (Adxúntase documento)

Aprobación da acta do Congreso anterior.

Intervencións de apertura:

  • Intervención de apertura do Presidente Joao Tavares.
  • Intervención de Murade Murargy, Secretário Executivo da CPLP.
  • Intervención de Antonio Lisboa, Conselho de Administración da OIT e Secretario Internacional da CUT do Brasil.
  • (Intervalo)
  • Intervención de Vítor Ralalho, Secretario Executivo da Uniao das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLP).
  • Intervención de Mafalda Troncho, Directora do Escritorio de Lisboa da OIT.
  • Intervención de Maciel Santos, do Centro de Estudos Africanos da Universidade de Porto.
  • Intervención de Catarina Tavares, Secretaria Executiva Adxunta da CSPLP (Pola UGT de Portugal).
  • Peche da xornada de mañá polo Secretario Executivo, Arménio Carlos, cunha intervención moi crítica contra as outras institucións da CPLP, por non ter escoitado nin atendido as demandas das organizacións sindicais e mostrarse máis preocupadas polas que se lle fan desde a parte das patronais.

2º) Debate sobre a proposta que se aprobou traer ao Congreso como conclusión do II Encontro de Mulheres:

Entre outros acordos, logo da celebración do ancontro, propoñen ao VIII Congreso a creación dunha Comisión específica da Mulher, cunha Secretaría que formaría parte do máximo organismo da CSPLP. Logo dun amplo debate e continuas modificacións do texto proposto, aprobase por unanimidade a creación dunha secretaria específica da mulher, e a adptación dos estatutos a esta decisión.

3º) Presentación, discusión e votación das propostas de modificación de Estatutos.

Apróbase a modificación dos Estatutos coa fin de incluír a nova Secretaría da Mulher, e a posibilidade de crear Comisións Sectoriais ou Específicas, no ámbito dos países da CPLP, co seu respectivo Secretariado.

4º) Presentación, discusión e aprobación do relatorio de actividades e o Programa de Acción, coas mocións apresentadas.

Apróbanse as propostas apresentadas, con algunas engádegas aportadas no debate. (Adxúntanse os dous documentos)

5º) Intervencións dos e das participantes:

Cada representación fai unha breve intervención para explicar a situación dos seus respectivos países, no ámbito laboral, económico, político, social,…etc.

Sobre todas as exposicións, destaca a situación que se está a vivir na Guinea Ecuatorial, cun deterioro alarmante das liberdades en moitos ámbitos e, especialmente, no ámbito sindical.

E tamén foi extensa a intervención dos compañeiros e compañeiras do Brasil, que explicaron a situación política actual, logo do golpe institucional dado contra a Presidenta eleita, Dilma Rouset, e o acceso ao cargo de Temer.

6º) Elección dos órganos da CSPLP para o período 2016-2018:

Nomease unha Comisión Eleitoral, formada por María Fernanda Francisco (UNTA, Angola), como Presidenta, Xosé L. Rivera (CIG, Galiza), como 1º Secretario e María Julia Nogueira (CUT,Brasil), como 2º Secretaria (sustituída a continuación por apresentarse como candidata).

Apresentadas as candidaturas, e logo dun debate interpretativo dos estatutos, procédese ás votacións, con 18 votos a favor, e 1 voto en branco da proposta, quedando a composición dos distintos órganos do seguinte xeito:

SECRETARIADO EXECUTIVO:

  • Secretaria Executiva: Catarina María Branco Pereira, da UGT de Portugal.
  • Secretario executivo Adxunto: Arménio carlos Portugal, da CGTP-IN.
  • Presidente: José Pereira dos Santos, da ForÇa Sindical do Brasil.

CONSELHO FISCAL:

  • María Julia Nogueira, da CUT do Brasil.
  • Joao Pedro Isidro Barreiros, da CGTP-IN de Portugal.
  • António Luís Ferreira Correia, da UGT de Portugal.

COMISIÓN EXECUTIVA:

Queda composta por tantas Vicepresidencias como organizacións están representadas. Pola CIG consta como titular Xesús Seixo e como suplente Xosé L. Rivera.

Intervencións a cargo dos cargos eleitos do secretariado Executivo.

7º) Remate da xornada para asistir a unha recepción no Concello de Lisboa e posterior  acto na AssociaÇao Caboverdiana en Lisboa.

8º) Na xornada de mañá do día 15 de novembro celebramos unha reunión co Ministro de Trabalho de Portugal, nas dependencias do Ministerio.

 

ENCONTRO NA DEFENSA DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS MIGRANTES DOS PAÍSES DA CSPLP

 Durante a xornada de tarde do día 15 celebrouse este Encontro, que comezou coas intervencións do recén nomeado novo Presidente da CSPLP, un representante da CPLP, outra representante do Escritorio da OIT en Lisboa, e un sindicalista da CGTP-IN con experiencia de traballo con traballadores/as da emigración.

Seguiron as intervencións de todas as representacións das diferentes organizacións, que se centraron na situación específica desa problemática nos seus respectivos países. A CIG tamén o fixemos, centrándonos non só nos sectores laborais con maior índice de inmigrantes e a situación actual, senón no grande número de emigrantes que estamos a ter de novo nos últimos anos: máis de 220.000 persoas fuxiron da Galiza desde o 2010, e desas, máis da metade están entre os 18 e os 35 anos.

A xente nova, e xeralmente ben formada, tén que fuxir do país para buscar saída en outros lugares. Pero, ademais, fixemos unha análise das verdadeiras causas destes fenómenos migratorios, das actuacións coloniais por parte dos países poderosos e do grande capital, da perda de soberanía dos pobos afectados e, en definitiva, das grandes inxustizas que crean sobre as súas xentes, ben por conflitos bélicos, ben por sobrexplotación dos seus recursos, polo mero interés económico ou xeoestratéxico de quen os provoca.

Logo dun breve debate sobre o tema, dase por concluída a xornada.

(Adxúntase documento).

Logo participamos nun acto de solidariedade co pobo brasileiro, celebrado na sede do Conselho Portugués para a Paz e a Cooperación (CPPC).

Xosé L. Rivera Jácome.

Relacións Internacionais CIG

Volver