Xa está dispoñíbel o terceiro número do suplemento Comprendermos da Fundación Moncho Reboiras

O caderno de pensamento para o debate e a acción dirixido por Manuel Mera céntrase nesta ocasión no centenario das Irmandades da Fala
Vigo - 10 Mar 2016
A Fundación Moncho Reboiras vén de poñer a disposición do público o terceiro número do Comprendermos, o caderno de pensamento para o debate e a acción publicado conxuntamente co semanario Sermos Galiza. Esta nova entrega do suplemento dirixido por Manuel Mera céntrase no centenario das Irmandades da Fala e inclúe unha entrevista co secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.

O tema central deste número é o nacemento, hai cen anos, das Irmandades da Fala, por constituír un feito determinante para o alargamento da conciencia nacional galega e da súa expresión política. O profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez fai un cumprido repaso das causas que deron orixe ás Irmandades da Fala, da súa inxente actividade en chave patriótica e do seu decisivo contributo á causa nacional galega.

Nesta nova entrega do Comprendermos abórdase tamén a situación e os retos do proceso de negociación colectiva, logo de finalizado o ciclo de eleccións sindicais 2011-2015, nas que a CIG se sitou como segunda forza en representación sindical, a escasos 160 representantes da primeira, sobre un total de 15.423 delegados/as. Na entrevista co secretario confederal de Negociación Colectiva da central, Antolín Alcántara, avalíase en profundidade este escenario sindical, así como o nivel de mobilización e protesta na Galiza, e a ameaza que representan os tratados de libre comercio actualmente en tramitación.

Finalmente, Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, analiza o impacto da actual crise capitalista (dende o 2008) sobre a evolución dos procesos de representación sindical, nun estudo comparativo dos datos das eleccións sindicais desde 2003 até hoxe. Nesa análise saliéntase a repercusión negativa que tivo o axuste neoliberal sobre a representación sindical da CIG nun primeiro momento e a clara tendencia á recuperación da mesma nesta etapa, augurando unha expectativa que pode colocar a central nacionalista no primeiro lugar no ciclo electoral que rematará en 2019.