Xornada de mobilizacións na Coruña, Compostela e Ferrol por un convenio digno no comercio vario

A patronal ten bloqueada a negociación aproveitando que o convenio remata a ultraactividade en xuño de 2019
Nacional - 29 Xun 2018

A CIG, CCOO e UGT realizaron este venres unha xornada de mobilizacións en defensa do convenio de comercio vario da provincia da Coruña. As organizacións sindicais denuncian que os salarios de convenio levan dous anos e medio conxelados pero na mesa de negociación a patronal só ofrece subas por debaixo do IPC e sen cobrar atrasos.

"O comercio coruñés non chega a fin de mes", "comercio vario, merda de salario", "rebaixas nos prezos e non nos dereitos", "queremos conciliar para ir traballar" ou "tempo parcial escravismo patronal" foron algunhas das consignas que se escoitaron nas protestas realizadas na Coruña (nos arredores da Praza de Lugo), en Compostela (diante do Zara da Praza de Galiza) e no Centro Comercial Odeón de Ferrol para esixir á patronal do sector que desbloquee a negociación do convenio colectivo e melloras nas condicións laborais e salariais.

Dende CIG-Servizos denuncian que as negociacións para o novo convenio comezaron hai máis de un ano, pero a patronal  mantense nunha actitude inmobilista aproveitando que o convenio remata a ultraactividade en xuño do próximo ano e ameazando coa súa desaparición.

O persoal do comercio vario (que regula as condicións laborais de grandes empresas do sector como Inditex, Cortefiel ou Mango) leva máis de dous anos e medio cos salarios conxelados, pero a patronal só ofrece subas por debaixo do IPC e sen cobrar os atrasos.

Exceso de xornadas parciais

As empresas tampouco queren asumir ningún tipo de sistema que permita reducir as elevadas taxas de contratación a tempo parcial e garantir un aumento das xornadas a tempo completo. "Isto provoca que gran parte das traballadoras (o 90% do persoal deste sector son mulleres) e os traballadores teñan uns salarios por debaixo do limiar da pobreza", subliñan dende CIG-Servizos.

Xunto a isto, a patronal pretende seguir aproveitándose dos contratos formativos para contar cunha ampla porcentaxe de persoal que só percibe unha parte proporcional do salario mínimo interprofesional, "mais traballa un montón de horas á semana, non libra as fin de semana, ten uns horarios infernais, etc.".

Loitar polo convenio

Dende CIG-Servizos denuncian tamén que a patronal quere seguir penalizando o persoal que cae de baixa, négase a conceder melloras para a conciliación familiar (tan só ofrecen excedencias sen soldo), no relativo ás licenzas propoñen un día máis por matrimonio e 8 horas/ano para o acompañamento de fillos/as a consulta médica e "por suposto non aceptan a solución definitiva da ultraactividade, ameazándonos cada vez que haxa que negociar coa desaparición do convenio".

Ante as pretensións da patronal de precarizar aínda máis o sector, as organizacións sindicais chaman as traballadoras e traballadores e pelexar e saír á rúa na defensa dun convenio digno e con dereitos.