Xubiladas/os e pensionistas da CIG concéntranse para reclamar uns orzamentos que garantan a atención á dependencia

Rexeitaron a política de propaganda de Rueda e demandaron un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas
Nacional - 20 Nov 2023

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG denunciou esta mañá, cunha concentración diante do Parlamento de Galiza,  as mentiras de Rueda sobre a dependencia, “para buscar votos”, ante a inminencia das eleccións galegas. Por iso manifestaron o seu rexeitamento a uns orzamentos para 2024 que non resolven as necesidades dun colectivo –o de persoas dependentes-, cada vez máis amplo, e reclamaron un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.

En representación das persoas xubiladas e pensionistas da CIG, Fernando Varela, pensionista de Ourense, lembrou as axudas automáticas anunciadas polo Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para persoas dependentes e denunciou que só se lembrou das súas necesidades ás portas das eleccións  “para buscar votos”. Axudas que lembrou, “nin sequera sabemos se van ter continuidade ou son só para 2024, ano das eleccións”.

Xunto a isto subliñou que, en todo caso, só se concederán ás persoas que teñen prestacións por coidado de fa miliares e de residencia quedando excluídas “todas as persoas dependentes que teñen solicitado o grao de dependencia e que aínda seguen agardando pola resolución”.

100 millóns de euros

Varela sinalou que estas axudas suporán, ademais, un gasto de 100 millóns de euros en 2024. Unha cantidade que considerou que debería ser investida “en recursos públicos de atención á dependencia” en lugar de ser axudas directas “concedidas sen ter en conta as condicións económicas de cada quen”.

Por iso rexeitou o anuncio propagandístico do presidente da Xunta, lembrando que a día de hoxe, o tempo de espera para o recoñecemento da dependencia é de máis de un ano desde a solicitude até que se ten a resolución. Canda isto advertiu que “ter a resolución da prestación tampouco significa que sexa efectiva, senón que aínda se pode agardar máis tempo desde a resolución até que se ten a prestación. Nalgúns casos mesmo anos”.

Milleiros de persoas agardando

De feito, apuntou que segue habendo máis de 2.500 persoas agardando por unha prestación, a maioría máis de 6 meses; que  maioría dos servizos teñen un copagamento, porque “as libranzas ou prestacións económicas, dificilmente chegan para cubrir nin o 50% do servizo ou a necesidade para a que se achega”.

Denunciou que na Galiza o peso das prazas públicas é mínimo, tal e como confirman os datos: existen un total de 286 centros residenciais que teñen un total de 21.952 prazas. Porén, “só hai 71 residencias públicas, con 5.016 prazas mentres que hai 215 residencias privadas con 16.936 prazas.

Deste xeito, afirmou, o total de prazas de residencias non acada máis que o 3,5% de persoas maiores de 65 anos, “o que queda moi lonxe do 5% que a OMS recomenda como mínimo”. E isto, matizou, “nun país que ten máis dun cuarto da poboación maior de 65 anos”.

Respecto dos centros de día, subliñou que hai un total de 237, máis 15 específicos para doentes de alzheimer, que suman un total de 9.698 prazas. “Nin sequera un centro de día por cada concello”, lamentou, engadindo que “hai concellos cunha poboación maior moi elevada que precisaría deste recurso”.

Neste sentido explicou que ademais, dos 252  centros de día existentes, só 97 son públicos, cun total de 3.464 prazas, máis 370 para doentes de alzheimer, mentres que 140 son privados e contan con 5.703 prazas, máis 161 para doentes de alzheimer, o que confirma que o peso das prazas públicas, máis unha vez “é mínimo”.

Diante desta situación, Fernando Varela demandou uns orzamentos axeitados para a atención á dependencia que inclúan a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos públicos, incluído o Servizo de Axuda no Fogar, para que as persoas dependentes poidan ter cubertas as súas necesidades en condicións dignas e de xustiza social.

Campaña informativa

Por iso o colectivo vén desenvolvendo unha campaña de reparto de folletos informativos para desenmascarar as políticas do PP en materia de dependencia e reclamar un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. Campaña na que xa desenvolveron repartos en cidades e vilas e no seo da que teñen previsto un novo mañá martes a partir dás 11:30 na Peregrina en Pontevedra e o mércores, ás 11:00 no Calvario, Vigo e na feira de Moaña; ás 12:00 no Obelisco, na Coruña e entre 11:30 e 13:0 na Rúa do Paseo en Ourense.