Xunta de Persoal e Comité denuncian o avance da privatización de servizos na Seguridade Social

A Administración do Estado recorta cadro de persoal ao non convocar OPE e logo ampárase nesta carencia de efectivos para adxudicar contratos a empresas privadas
A Coruña - 17 Mar 2016
A Xunta de Persoal e o comité de empresa da Administración Xeral do Estado na provincia da Coruña realizaron este mércores actos reivindicativos, consistentes nun reparto de folletos informativos diante das oficinas da Seguridade Social, para visualizar “a problemática da privatización de servizos que até o de agora eran prestados por empregados e empregadas públicos/as e que nestes intres xa están en mans de empresas privadas”. 

Este desmantelamento ten unha dobre vertente: por un lado prodúcese unha redución do cadro de persoal da Seguridade Social pola inexistencia de ofertas de emprego público; e por outro constátase o incremento de empresas privadas en todas as áreas da Seguridade Social para cubrir estas carencias.

Así, alertan, “a xestión de vidas laborais, xestión da tarxeta sanitaria para o estranxeiro, loita contra a fraude das prestacións, fichas de datos históricos de cada afiliado/a, funcións dos/as auxiliares de servizos xerais, e un longo etcétera están agora en mans de empresas privadas”. Externalizacións que a CIG-Administración xa ten denunciado en diversas ocasións.

Un exemplo desta situación atópase na Xerencia de Informática da Seguridade Social. Neste organismo desenvólvense e xestiónanse bases de datos importantes  que manexan información delicada, como as bases de cotización, prestacións por desemprego, datos de mutuas, baixas médicas, nóminas, vidas laborais e pensións. 

“A pesar do carácter confidencial desta información, o persoal externo contratado pola Xerencia xa supera con creces ao propio persoal”, advirten. A representación dos traballadores e traballadores cifra nun 64% o cadro de persoal deste organismo que xa corresponde a empresas  privadas.

A este respecto, Xunta e Comité lembran que xa no ano 2010, o Tribunal de Contas puña a atención na adxudicación dun contrato por importe de 106 millóns de euros para a contratación de servizos informáticos, “cando en realidade o que está a facer a Xerencia de Informática, segundo manifesta o Tribunal,  é satisfacer as carencias de persoal informático propio”.

Sobre isto, a representación social destaca que, en todos os informes feitos polo Tribunal de Contas (o último publicado no ano 2015), menciónase sempre a dependencia  tecnolóxica deste organismo da seguridade Social, “en mans de empresas privadas de servizos informáticos,  provocado precisamente pola carencia de persoal. Concluíndo que isto é un problema de carácter estrutural e que a contratación deste tipo de servizos  ‘puidera derivarse  nunha contratación de persoal  efectuada a marxe da lexislación reguladora do acceso a función pública e da normativa laboral’”.

A Atención Telefónica de da Tesourería da Seguridade Social tamén sufriu sorte similar e foi adxudicado a Extel Contact Center (filial da empresa de traballo temporal Adecco) nun contrato valorado en 10,4 millóns de euros. Nos próximos dous anos esta compañía encargarase de atender as consultas e de realizar os trámites  que até agora viña realizando o propio persoal da Tesourería. Unha atención directa, subliñan, que contaba “cun grado de satisfacción positiva do 95% dos usuarios e usuarias”.

A finais do ano  2015 tamén saía publicado no BOE que a Intervención Xeral da Seguridade Social poderá  contar  con apoio externo para as auditorías das contas anuais das mutuas colaboradoras co Sistema. Esta contratación  vaise facer tamén por mor da falta de medios persoais da Intervención Xeral. Ademais, autorízase a celebración deste contrato con empresas privadas de auditoría por un prazo vixente superior a un ano, xa que estes traballos teñen carácter recorrente e periódico.