CANLE DE DENUNCIAS DA CIG

A Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, estabelece a necesidade de que os sindicatos, entre outras entidades, dispoñan de sistemas internos de información que permitan denunciar posíbeis irregularidades que foran coñecidas nun contexto laboral ou profesional.

En cumprimento da devandita norma, a CIG implantou esta Canle de Denuncias, que permite a calquera informante comunicar accións ou omisións que poidan vulnerar o Dereito da Unión Europea ou ben seren constitutivas de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave.

A Canle de Denuncias Interna da CIG está deseñada e xestionada de forma segura. Garante a confidencialidade do informante na súa identidade e dos terceiros mencionados na comunicación, ben como do resto de actuacións e da protección de datos, impedindo o acceso a persoas non autorizadas.

Para o correcto funcionamento da Canle de Denuncias, os informantes deben actuar de boa fe, respectando a verdade, e coa certeza ou convencemento de estaren a actuar correctamente. Non está permitida a presentación de denuncias falsas e a CIG resérvase o dereito a tomar medidas legais contra quen as presente.

COMO PRESENTAR UNHA DENUNCIA?

No caso de teres coñecemento ou acceso a calquera irregularidade ou acto que resulte contraria á legalidade, podes presentar unha denuncia polas seguintes vías:

  • Mediante o formulario de contacto habilitado a seguir: https://cig.gal/canle-denuncias.html
  • Mediante correo electrónico: canledenuncias@cig.gal
  • Mediante escrito ou carta dirixida a "Canle de Denuncias da CIG, rúa de Miguel Ferro Caaveiro, 10 - 15703 Santiago de Compostela"
  • De forma presencial, solicitando unha reunión expresa con algún membro ou responsábel do sindicato nalgún dos locais da CIG.

Podes facer a túa comunicación de forma anónima, mediante calquera das vías anteriores.

Canto máis precisa e completa sexa a información que achegues, máis axil será o procedemento e resolución.

CONFIDENCIALIDADE E PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS

Todos os datos recompilados serán tratados con confidencialidade e non serán revelados fóra das canles formalmente establecidas. En todo momento serán preservadas todas as medidas de seguridade e garantías requiridas pola normativa vixente en materia de Protección de Datos.