Buscar novas
CIG-Saúde denuncia as deficiencias do PAC de Monforte e pide o traslado a un local en condicións
Comparte espazo coas Urxencias do Hospital, xa que foi pechado para convertelo en circuíto Covid
CIG-Saúde de Monforte denuncia a situación na que se atopa o PAC da localidade, as graves deficiencias que existen e demanda da Xerencia que solucione estas eivas buscando xa unha localización axeitada para este servizo para poder darlle unha atención sanitaria de calidade ás e aos doentes. Lembran que no mes de marzo de 2020, debido á pandemia, a unidade do PAC foi pechada e o servizo levado para as Urxencias do Hospital Público de Monforte.
Neste cambio, o persoal non sanitario foi trasladado para Admisión e o sanitario para dous boxes de Urxencias. O motivo foi que se instaurou na instalación PAC o circuíto específico para ver os/as pacientes con posíbeis síntomas de Covid-19.
A Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte fai caso omiso ás demandas e aínda presume de 'que todo vai de marabilla'"
En principio, explican dende CIG-Saúde, comunicóuselles os traballadores e traballadoras que esta situación era transitoria debido á situación da pandemia e que volverían á súa unidade pechada cando a situación mellorase. Na reunión mantida a finais xuño entre a Xunta de Persoal do Hospital e a Dirección, informouse que o PAC sería traslado a outra zona do Hospital máis axeitada para o desenvolvemento da súa actividade asistencial. "Pero isto nunca aconteceu e a día de hoxe o PAC está pechado, nel faise o circuíto Covid e o persoal sanitario e non sanitario segue estando nas mesmas unidades mencionadas anteriormente".
Vicente Vázquez, responsábel de CIG-Saúde en Monforte explica que a central sindical denunciou en varios Comités de Atención Primaria en Lugo o que está acontecendo e as graves irregularidades que están pasando "e a Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte fai caso omiso e encima presumen 'que todo vai de marabilla'".
Sen triaxe e con falta espazo para doentes
Vázquez sinala que cando unha persoa acode ao Servizo de Urxencias é atendida polo persoal de Admisión que se divide en dúas unidades: Urxencias e PAC. Urxencias conforme o novo protocolo implantado atende:
- Os/as pacientes que acoden ao Hospital cun volante dun médico.
- Pacientes que veñen con orde do 061 para entrar en Urxencias.
- Casos sospeitosos por ser posíbel sintomatoloxía de Covid a quen que se derivará ao Circuítoo instaurado.
Todos os demais casos son atendidos polo PAC.
A sala de espera de Urxencias e PAC recortouse e hai só 7 asentos para pacientes cando estas unidades atenden a unha poboación de 40.000 persoas"
En todos os hospitais de Galiza na entrada de Urxencias existe a Triaxe de Manchester na que se fai a valoración na prioridade das urxencias. "Pero aquí no Hospital Público de Monforte non o hai e quen tría de inicio no primeiro contacto co/a paciente é o persoal non sanitario que está en Admisión", aclara. Na reunión mantida entre o antigo Xerente, Iván Sanz, e a Xunta de Persoal do Hospital a principios de outubro do 2020, este dixo que estaba pendente a súa implantación. Non obstante "a día de hoxe non a hai dita triaxe, non existe".
Debido as modificacións que se fixo no PAC, a sala de espera de Urxencias e PAC recortouse e hai só 7 asentos para pacientes, cando estas unidades atenden a comarca de Lemos, Quiroga e Chantada e mais todos os/as pacientes que poidan demandar atención urxente. "Falamos dunha poboación de máis de 40.000 habitantes aos que hai que engadir os desprazados que hai nas comarcas. Isto supón que as persoas que esperan ser atendidas estean nesa “mini-sala” con 7 asentos, na entrada do Hospital de pé ou fóra do recinto espalladas porque dentro non collen e non se pode manter as distancias de seguridade", advirte.
Confidencialidade nula para os/as doentes
Xunto a isto, indica que tal e como está distribuído o circuíto Covid o/a paciente pode saír nunha padiola. Para salvagardar a súa intimidade no trasladalo a Urxencias, o persoal pon un biombo e manda afastar a xente que está na entrada de Admisión para que non vexa quen sae. "Pero a medida, a pesar da boa vontade dos traballadores/as, é insuficiente porque a entrada de Admisión está en moitas ocasión chea de xente e ven o que está acontecendo".
Moitas veces a enfermería non ten box para atender pacientes porque están ocupados por pacientes de Urxencias e teñen que buscar algún recinto libre para atendelos"
No caso de Admisión, para comunicarse cos/as pacientes faino a través dun pequeno altofalante "xa que hai un cristal de seguridade e co ateigada que está a entrada coa xente que está esperando están escoitando todo o que di o paciente ao persoal non sanitario. Polo que a confidencialidade é nula".
Ademais, o Servizo está nun recinto minúsculo duns 3 metros de longo por 1,5m e nel están tres persoas. "Seguridade para evitar contaxios nula. Non reúne as condicións de habitabilidade e seguridade e saúde laboral".
Necesítanse máis boxes
"As/os pacientes do PAC son atendidos polo persoal facultativo en dous boxes e a enfermería ten un recinto moi pequeno para realizar as súas funcións. Tal como está organizado non é funcional para a realización da actividade asistencial por falta espazo", alerta Vázquez, quen destaca que xa ten acontecido que faltan boxes para atender as/os doentes por estar ocupados e teñen que esperan nos corredores de pé ou nas cadeira de rodas. O PAC componse de dous equipos (cada equipo ten un médico/a e persoal de enfermería e nas fins de semana e festivos hai un terceiro equipo de reforzo). "Faltan boxes para atender á xente. Urxencias necesita os seus boxes e o PAC tamén".
O responsábel de CIG-Saúde apunta que hai pouco se habilitou unha consulta duns 10m², que segue a ser insuficiente e que consta dunha mesa con ordenador e un lavamáns, pero non ten ventilación. "Moitas veces a enfermería non ten box para atender pacientes porque son ocupados polos pacientes de Urxencias e teñen que buscar algún recinto libre para atendelos", engade.
Falta de material asistencial no PAC
Hai que trasladar o PAC a un local en condicións para dar unha atención sanitaria de calidade, con garantías de seguridade e onde o persoal poida traballar dun modo axeitado"
O PAC depende organizativamente de Atención Primaria de Lugo e moitas veces fáltalles material asistencial para realizar as súas funcións. Isto debese a que non ten almacén propio (antes do cambio da localización si tiña) e llo teñen que solicitar á supervisora de garda coa perda de tempo que iso supón. Outro exemplo é que os ordenadores do persoal facultativo non teñen impresoras propias e teñen que imprimir no control de URX.
Xunto a isto, denuncia que a sala de estar na que están é moi pequena para albergar a tanto persoal "e máis nestes tempos que é tan importante manter as distancias de seguridade". Por outra banda, amañáronlles unha zona de cuartos que non ten saída de emerxencia, "porque as únicas vías de saída son a porta da sala ou as fiestras que dan ao patio de luces e se atopan a varias alturas sobre o nivel do chan".
"Pero o peor disto é que a Dirección de Lugo non atende as queixas dos traballadores e das traballadoras e non corrixe as graves deficiencias que hai neste servizo. Se o persoal puidera escoller, pedirían volver ao PAC de antes pero como non é posíbel solicitan que se traslade a un local en condicións para dar unha atención sanitaria de calidade, con garantías de seguridade para os/as doentes, medidas de seguridade antiincendios e anticovid e que os traballadores e traballadoras poidan traballar dun modo axeitado como Punto de Atención Continuada", asevera a CIG-Saúde de Monforte.
Concesionaria do 061 gasta varios miles de euros en cascos de protección pero equivócase de modelo
Ambulancias do Atlántico mercou material para identificar o persoal en situación de catástrofe sen contar cos delegados/as de prevención
Tras o requirimento da CIG en decembro de 2019, Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem, a empresa concesionaria do 061 nas localidades de Vigo, Cangas, Moaña, A Estrada, Silleda e Santiago comezou o reparto de cascos e gafas de seguridade individuais para cada traballador/a, de xeito que non teñan que compartir o seu uso como se viña facendo até o de agora. Sen embargo, ao non contar coa participación dos delegados/as de prevención na adquisición dos equipamentos de protección individual, tal e como esixe a lei, mercouno da cor equivocada (laranxa en lugar de azul) e sen sistema de iluminación.

Lonxe de se tratar dunha cuestión estética, a utilización de cascos da cor incorrecta nun escenario de múltiples vítimas pode provocar un caos organizativo, poñendo en perigo a coordinación e asistencia ante unha catástrofe.
Na actualidade, as instrucións técnicas do 061 para este tipo de situacións especifican claramente que o persoal de enfermería e medicina deben empregar cascos laranxas ou vermellos para identificar os responsábeis da dirección e da clasificación de vítimas, mentres que o persoal técnico en emerxencias empregará cascos de cor azul como responsábeis dunha primeira asistencia e traslado.
Por este motivo, no prego de prescricións técnicas de obrigado cumprimento polas empresas que teñen un contrato co 061 detállase especificamente que as ambulancias de Soporte Vital Básico disporán de dous cascos de cor azul con lanternas frontais adaptábeis que poidan utilizarse mantendo as mans libres.
A rápida identificación por cores resulta fundamental para unha pronta e axeitada actuación en situacións nas que sobre o terreo están misturados gran cantidade de espectadores, pacientes e intervintes de todo tipo. Por iso, de acontecer un incidente con múltiples vítimas a día de hoxe, os integrantes dos servizos de emerxencias non terían xeito de se distinguir entre eles/as, semellando que todos serían persoal de enfermería e medicina.
Ademais, de se producir de noite ou con escasa visibilidade, non poderían empregar as lanternas xa que estas non se suxeitan aos cascos recentemente adquiridos pola empresa filial do Grupo Orthem, tendo que ocupar as mans que se necesitan para as tarefas de asistencia e transporte de pacientes.
Pese a que a empresa Ambulancias do Atlántico non facilitou información sobre a cifra exacta do custe da compra de cascos e gafas de seguridade, pódese calcular que o prezo de mercado deste modelo de materiais dirixido aos máis de 150 técnicos/as en emerxencias que a empresa ten destinados ao 061 en diferentes zonas de Galiza é de aproximadamente 6000 euros.
Obrigada a retirar material de protección en varias ocasións
Pese a que a empresa afirma contar cun experto en ébola con experiencia en catástrofes, esta non é a primeira vez que merca material de seguridade e despois non o pode empregar. En anteriores ocasións adquiriu monos de traballo reutilizábeis que obrigaban o persoal a rociarse con desinfectantes con eles postos. Mesmo chegou a adquirir máscaras e batas lavábeis que non cumprían as condicións mínimas de seguridade e tiveron que ser retirados ao carecer da certificación e homologación necesarias. Mesmo, en ocasións, as fichas técnicas dos equipos de protección non tiñan nin o nome do fabricante.
Dende o inicio da prestación do servizo para o 061, esta empresa caracterizouse por impedir a participación sindical en materia de prevención de riscos laborais coa intención de intentar que os seus delegados/as puidesen obrigar a dirección da empresa ao cumprimento das leis. De feito, xa foi sancionada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social de Vigo por este motivo. A liña de traballo da empresa é sempre a de intentar adquirir o material máis barato, a menor cantidade posíbel e o de peor calidade existente no mercado para obter o maior beneficio do contrato que ten co 061 a costa de poñer en perigo a seguridade e a saúde do persoal sanitario.
O Morrazo -
A CIG denuncia que a concesionaria do 061 castiga a Cangas sen sistema de desinfección de ambulancias
Ambulancias do Atlántico retira a máquina de ozono coa que se complementan estas tarefas
Os responsábeis da empresa Ambulancias do Atlántico, do Grupo Orthem, decidiron retirar o pasado día 16 de novembro a máquina xeradora de ozono coa que se complementan as tarefas de desinfección dos vehículos sanitarios tras a atención e o traslado polo persoal sanitario do 061 dos pacientes con signos de sospeita ou confirmación por Covid-19.
Pese a que a empresa alega que foi retirada para sometela a unha reparación, o persoal técnico da base de Cangas denuncia que tan só se trata da substitución dun fusible, para o que non se tarda un mes. Ademais, o prezo destas máquinas xeradoras de ozono teñen un custe de 75 euros, o que non xustifica que non se poida proceder a súa inmediata substitución.
A CIG denuncia que detrás desta decisión existe unha campaña de ataque ao sindicato nacionalista en vinganza polas decenas de reclamacións e denuncias que acumula a empresa diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social ou na propia Garda Civil. Na actualidade, existen xa actas de infracción e requirimentos da autoridade laboral con multas por vulnerar os dereitos fundamentais do persoal traballador e aos seus representantes sindicais, ademais de poñer en perigo a súa saúde e seguridade.
O obxectivo dos responsábeis de Ambulancias do Atlántico é o de impedir a participación dos delegados/as de prevención para evitar que reclamen os materiais e as medidas necesarias para evitar gastos e poder efectuar recortes, obtendo así máis beneficios da asignación que recibe do Sergas.
No seu afán por incrementar o seu beneficio a costa de abaratar o custe do servizo, o novo xerente enviado dende Murcia para poñerse á fronte da empresa, Diego Guirao, chegou incluso a ameazar por escrito a un delegado da CIG se continuaban as denuncias. Incluso intenta amedrentar a calquera afiliado/a ou representante do sindicato nacionalista co envío de notificacións de expedientes disciplinarios.
Sen ambulancia do 061 e sen persoal do PAC
O feito de que o centro de traballo de Cangas careza dun sistema de desinfección Covid propio obriga a que estás tarefas se realicen nas instalacións que Ambulancias do Atlántico ten na cidade de Vigo. Isto provoca que a ambulancia tarde moito máis en quedar novamente operativa, orixinando atrasos na asistencia á poboación que teña unha urxencia sanitaria.
O sindicato denuncia que nas instalacións de Vigo tan só dispoñen de tres máquinas xeradoras de ozono para nove vehículos, polo que resulta habitual que ademais da media hora que se tarda en facer a desinfección haxa que facer cola para que as máquinas queden libres.
Resulta habitual que o persoal técnico de emerxencias remate a súa asistencia a un paciente no PAC de Cangas e que se teña que trasladar a Vigo a realizar as tarefas de desinfección para logo regresar de novo ao Morrazo, quedando a zona sen servizo de ambulancia durante máis dunha hora.
Onte mesmo, o Punto de Atención Continuada de Cangas estivo sen un enfermeiro/a e sen un médico/a durante máis de dúas horas tras realizar un acompañamento a un paciente ao ter que quedar retido en Vigo mentres a ambulancia realizaba a desinfección. Pese a carga de traballo existente pola situación de pandemia e ao peche do PAC de Moaña para garantir un dobre circuíto de asistencia Covid, “ao Sergas non parece importarlle prescindir dun equipo médico”.
Diante disto, a CIG solicitará a intervención do 061, da Xerencia de Vigo e do propio Concello de Cangas para obrigar a Ambulancias do Atlántico a dispoñer dun sistema de desinfección na localidade que garanta a adecuada e pronta asistencia da poboación. Para iso, enviará unha solicitude ás tres administracións a fin de que poñan solución a este asunto.
Finalmente, o a central nacionalista esíxelle á actual concesionaria que estableza un protocolo coa participación da representación legal dos traballadores/as, tal e como esixe a Lei de Prevención de Riscos Laborais, para definir o mellor sistema de desinfección posíbel para as ambulancias. Na actualidade, o ozono non deixa de ser un complemento da limpeza de superficies que non ten demostrada a súa eficacia fronte á Covid e non está exenta de riscos para o persoal traballador.
O Morrazo -
A ausencia de test para detectar a covid, detrás dos contaxios entre o persoal de ambulancias da área de Vigo
A CIG leva meses denunciando a falta de medidas de prevención por parte de Ambulancias do Atlántico
A ausencia de test para detectar a covid e a falta de medidas de seguridade está detrás dos últimos contaxios detectados entre o persoal do servizo de transporte sanitario urxente da área de Vigo, tal e como denuncian os delegados/as da CIG. De feito, a central leva mesas alertando da escaseza de medidas de prevención por parte da empresa concesionaria, Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem.
Unha decena de traballadores/as do 061 de Vigo e Moaña atópanse illados tras os dous positivos por covid rexistrados na base de Moaña. O primeiro caso confirmouse a finais da semana pasada, “pero como dende abril só nos fixeron unha proba serolóxica o positivo non se detectou con rapidez e o técnico afectado contaxiou a outra compañeira”, segundo denuncian os delegados/as da CIG no servizo de transporte sanitario urxente.
De feito, sosteñen que a empresa “non fixo nada” e que foron os propios/as afectados/as os que tiveron que contactar con Atención Primaria e cos servizos sanitarios autonómicos.
Tanto o número de positivos como o de illados podería incrementarse nas próximas horas, tendo en conta que cando menos un dos contaxiados participou nunha xornada de formación da empresa xunto a outros/as compañeiros/as. Con todo, a empresa mantén unha política de opacidade e o servizo de prevención non informa os representantes sindicais.
Ao mesmo tempo, sinalan que esta situación é consecuencia da falta de medidas de seguridade por parte da concesionaria, tal e como veñen manifestando dende o mes de marzo con denuncias na Inspección de Traballo. Entre elas, a falta de limpeza dos centros de traballo (labores que non se fan a diario), o feito de que nos tempos de descanso teñan que compartir habitación (o que lles obriga a durmir coa máscara posta) e a ausencia de EPI axeitadas, como máscaras FPP3 para determinadas circunstancias.
Atasco na Inspección
Hoxe mesmo mantiveron unha xuntanza coa Inspección na que a autoridade laboral lles confirmou que existe un “atasco importante” para darlle resposta a estas denuncias, “aínda que nos asegurou que se puxo xa ao tema”. Con todo, trasladáronlles que carecen de competencias para obrigar as empresas a levar a cabo test entre o seu persoal.
“Detrás de todo isto o que se agocha é o intento da empresa de aforrar custes, que é o mesmo que busca o Sergas cando subcontrata o servizo; semella que dá igual o que nos pase porque non somos persoal do Sergas senón dunha empresa concesionaria”, lamentan.
Neste senso, lembran que aos traballadores/as dos centros sociosanitarios, de urxencias dos hospitais e das plantas con pacientes covid si que se lles realizan probas de control periódicas mediante o método diagnóstico pooling, ao igual que se fai en empresas como Citroën ou Ence. “Pero o que prima é a produtividade, e como nós non producimos nada pois non importamos”.
E non se lles someten a probas a pesar de que teñen contacto cos mesmos pacientes ca estes colectivos profesionais e que en moitas ocasións “temos que atendelos en espazos hostís, como en domicilios sen desinfectar ou con xente ao redor que incluso está sen máscaras, e practicamos probas en habitáculos reducidos que xeran aerosois”.
A guerra entre concesionarias do 061 deixa sen electricidade as bases de Cangas e Moaña durante máis de 24 horas
Técnicos de emerxencias de garda tiveron que pasar a noite en hoteis
A guerra existente entre as distintas empresas concesionarias do 061 deixou onte sen subministro eléctrico as bases de Cangas e Moaña, o que provocou atrasos no proceso de desinfección dos vehículos e a conseguinte inoperatividade das ambulancias. Ademais, o persoal de garda tivo que pasar a noite en establecementos hoteleiros das dúas localidades.

Delegados/as da CIG no sector de ambulancias denuncian que as prácticas de boicot que practican as empresas para dificultar o acceso aos concursos está detrás do corte de subministro eléctrico que se produciu onte nas bases de Cangas e Moaña.
Segundo revelou Ambulancia do Atlántico, a actual concesionaria, foi Ambuibérica, a empresa que antes se encargaba do servizo, a que solicitou o corte do subministro sen previo aviso.
En consecuencia, as bases quedaron sen luz eléctrica pola mañá, o que provocou atrasos no proceso de desinfección dos vehículos e a conseguinte inoperatividade das ambulancias. Ademais, os técnicos de emerxencias de garda tiveron que pasar a noite en establecementos hoteleiros das dúas localidades ao non poder facelo nas súas respectivas bases.
Tal e como sinalan os delegados da CIG, o que hai detrás destas disputas é o aforro económico das empresas, o que provoca unha situación de precariedade con falta de equipamento de protección e uniformidade de alta visibilidade, así como deficiencias de limpeza das instalacións, entre outras cuestións. “Detrás de todas estas carencias que merman a calidade do servizo e poñen en perigo a traballadores/as e pacientes está única e exclusivamente o interese económico que teñen as empresas concesionarias do 061; recortan en medios para obter beneficios”.
En consecuencia, o persoal sanitario do 061 de Cangas e Moaña tivo que recorrer a unha donación do futbolista Iago Aspas para poder afrontar a atención con seguridade durante a pandemia. “A día de hoxe a empresa aínda non entregou pantallas faciais nin máscaras tipo FFP3”, lembran. Tampouco garante o subministro de uniformidade para substituír a que teñen rota e sen elementos de alta visibilidade. Despois de case un ano, a día de hoxe tan só dispón da metade das prendas, e unicamente para a metade do cadro de persoal.
Represión sindical
Ao mesmo tempo, lamentan o atraso da Inspección de Traballo en exercer a súa acción sancionadora diante das innumerables irregularidades que afectan aos traballadores/as e á prestación do servizo. De feito, despois da paralización polo confinamento e as vacacións de verán agardan ser citados pola autoridade laboral este mesmo mes para reactivar as denuncias interpostas.
Neste contexto, as compañías intentan desfacerse das persoas que consideran molestas para os seus intereses. O delegado de persoal e de prevención de Cangas sufriu a persecución da empresa concesionaria, que intentou despedilo abríndolle un expediente sancionador pola súa acción reivindicativa e de denuncia que finalmente tivo que ser retirado. Como consecuencia desta actitude, a Inspección de Traballo impúxolle unha sanción grave a Ambulancias do Atlántico por represión sindical ao delegado da CIG.
CIG-Saúde denuncia que o recorte de horarios no servizo de helicópteros do 061 limita a súa operatividade para atender urxencias
O helicóptero non estivo dispoñíbel por ter rematado o seu horario, ao longo do verán, para avisos de afogamentos, paradas, accidentes ou o tráxico suceso no rally de Carral
Os helicópteros da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 teñen recortada, desde o mes de marzo deste ano, a súa operatividade a tan só 12 horas. A CIG-Saúde denuncia que isto está a limitar a súa dispoñibilidade para atender urxencias nas que, se cadra, non se evitaría un fatal desenlace pero para as que si se porían ao alcance todos os medios dispoñíbeis. Segundo persoal do propio 061, o recorte da operatividade a determinadas horas do día vense repetindo ao longo deste verán para avisos de urxencias como paradas cardíacas, afogamentos ou mesmo no recente accidente do rally de Carral.
Rosario Rúa, representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061, lembra que desde o ano 1990 os dous helicópteros sanitarios galegos viñan funcionando todas as horas de luz do día (de Orto a Ocaso). Porén, co novo contrato o período de servizo é de orto +12 horas, ocaso -12 horas. É dicir, o helicóptero con base na provincia da Coruña (Santiago) comeza a funcionar á saída do sol e está operativo 12 horas e o outro, con base na de Ourense, está operativo 12 horas antes do solpor.
Rúa explica que desde o 19 de marzo até o 27 de setembro o orto sitúase ás 8:00 horas, o que implica que o helicóptero de Santiago funciona desde esa hora até ás 20:00 horas (12 horas en total).
A consecuencia deste recorte, afirma, é que “ a primeira hora da mañá toda a zona de Ourense está descuberta e a última hora da tarde é a costa e o eixo atlático os que están descuberto”.
Segundo a representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061 “isto foi o que ocorreu no accidente de Carral. Non houbo helicóptero porque o de Santiago xa rematara o seu horario e o de Ourense está a 35 minutos e, polo tanto, non é operativo”.
O caso de Carral non é o único para o que non houbo helicóptero dispoñíbel, pero si o que tivo un desenlace máis dramático, que “se cadra, neste caso, tería sido o mesmo de dispor deste medio”, especifica. “No decurso do verán houbo avisos doutras urxencias pasadas as 20:00 horas e non houbo helicóptero. A xente non o sabe porque ao final se solucionan con outros recursos máis lentos ou menos adecuados e así tápase esta irresponsabilidade”.
A CIG-Saúde considera grave que se recorte nestes medios que poden ser vitais en certos casos e subliña que o aforro pretendido é “unha miseria”. “Se dixeramos que se aforra unha barbaridade de cartos…, pero non, o certo é que só é o aforro do soldo dun piloto e un copiloto durante seis meses”, matiza Rúa.
A representante da CIG sinala ademais que as chamadas dos avisos quedan todas rexistradas e que hai constancia, polo tanto, de que hai servizos aos que non se pode ir por mor dese novo horario: un afogamento, un accidente de tráfico, unha parada en Ribeira, non sae na prensa… malia ser aínda de día.”
Respecto do dramático accidente de Carral matiza ademais que os propios técnicos das ambulancias din o mesmo, “botamos moito de menos un helicóptero porque estaba colapsado o tráfico”.
Rúa entende que de estar o helicóptero operativo “tería chegado primeiro, pero non se puido”, e por iso reitera que non se pode permitir que se manteñan ou se repitan estes recortes.
A Xunta outorga máis do 50% do concurso de ambulancias a un fondo de capital risco dun exalcalde e exdeputado provincial do PP
O BNG demandará no Parlamento a paralización do concurso e que se analice se a oferta económica garante un servizo de calidade do transporte sanitario urxente en Galiza
O representante da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, e a deputada do BNG, Montse Pardo, comparecían este venres en rolda de prensa para denunciar as irregularidades no proceso de adxudicación do Servizo de Transporte Sanitario Terrestre Urxente. Un concurso que está xa en fase de adxudicación e que irá a parar, en máis dun 50%, a Ambuibérica, empresa participada maioritariamente por un fondo capital-risco que ten á fronte a un exalcalde e exdeputado provincial do PP en Valladolid.
Segundo explicaron, a mediados do ano 2014 a Xunta deu a coñecer o borrador para o concurso das ambulancias do 061, que contempla 11 ambulancias de soporte vital avanzado, coñecidas como medicalizadas; 101 ambulancias de soporte vital básico, as clásicas do 061, e outras 2 máis de apoio.
Este borrador estabelecía unha puntuación do 50% para a oferta económica e outro 50% para a oferta técnica e a concesión do servizo por un período de 4 anos, prorrogábel a 6, cun custo máximo de 121 millóns de euros, unha cantidade equivalente a 30,25 millóns de euros anuais.
Tal e como lembrou Xabier Aboi, nese momento a CIG xa advertiu que era “unha barbaridade dar a mesma puntuación á oferta económica que ás ofertas técnicas e asistenciais” entendendo que priorizar o económico sobre o asistencial supón “tratar a saúde como un negocio”.
O concurso foi ademais paralizado durante meses e posteriormente modificado. Así o explicou a deputada nacionalista, Montse Prado, quen sinalou que a adxudicación do anterior estaba prevista para o 15 de abril de 2014 e denunciou que “estamos a finais de xuño e está sen rematar”.
Prado explicou ademais que este concurso ten xerado malestar entre as pequenas empresas galegas do sector, polas condicións que lles solicitaban. “Téñeno cualificado como moi agresivo xa que mentres que se mantén a contía do anterior, porén exixen toda unha serie de melloras técnicas canto a instrumental médico, localización de datos…”
A isto engadiu que esas empresas denunciaban ademais que era moi axustado e que lles estaba resultando moi difícil poder ter os traballadores/as cos salarios que estabelece o convenio, polo que volver convocar o concurso coas mesmas contías económicas ía facer moi difícil afrontar os requirimentos que exixía.
Empresas beneficiadas
E así ocorreu porque, segundo explicou Aboi, coa apertura dos sobres do concurso descubriuse que moitas das empresas que tiveran máis puntuación na oferta técnica perderan na económica, na que se chegaron a presentar propostas con baixas temerarias de case o 7% nalgunha comarca como Compostela. “Isto quere dicir que de 121 millóns que tiña de custo o concerto, as empresas rebaixaron máis de 3 millóns e medio para quedar co concurso”, sinalou.
A consecuencia disto foi que “a maior parte dos empresarios galegos desapareceron ou tiveron que aliarse baixo a ameaza de desaparecer do sector alentados desde a propia patronal polo Presidente da FederaciÓn Galega de Ambulancias, Enrique Blanco, que é, ao mesmo tempo, o enviado da empresa AMBUIBÉRICA”, explicou o representante da FGAMT-CIG.
O resultado final é que neste momento, coas concesións dadas, AMBUIBÉRICA –que tiña unha presenza testemuñal no sector en Galiza- pasa a ter máis do 50% do concerto, contando empresas propiedade dela ou participantes en UTES, quedando para o empresariado galego do sector unicamente as provincias de Ourense e Lugo.
AMBUIBÉRICA
A respecto de AMBUIBÉRICA, Aboi denunciou que é unha sociedade participada maioritariamente por un fondo de investimentos “Proa Capital de Inversiones”, que foi fundada en 2007 e que está dirixida polo exalcalde do PP en Mayorga (Valladolid), Carlos Magdaleno Fernández, que ademais aparece en moitas máis empresas co aínda presidente da patronal galega, Enrique Blanco. “Unha empresa que está en proceso de venda a un grupo francés PAI Partners, vinculado a Banca Paribas –unha das maiores bancas francesas-, por un valor de 300 millóns de euros. Venda que á súa vez está vinculada á conquista de concesións en Catalunya e Galiza”, denunciou.
Lembrou que esta empresa vén precedida de escándalos, conflitos e rescinsións de contrato noutras partes do estado e tanto el como a deputada nacionalista lembraron o caso de Euskadi, onde o deterioro asistencial, o despedimento de técnicos substituídos por alumnado e as rebaixas temerarias nos salarios xa provocaron a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento Vasco, na que están declarando sindicatos, traballadores e outros organismos.
Unha situación semellante sinalaron en Aragón, onde se chegaron a producir denuncias de viaxes por valor de case 200.000 euros, mesmo “utilizando os datos de persoas falecidas”, asegurou Aboi. Denuncias que tiveron como consecuencia que lle retirasen a esta empresa o concerto e que agora o tema estea nos xulgados por delito penal. Exemplos similares relataron en Catalunya, onde o asunto está tamén no xulgado, en Castela A Mancha ou en Cantabria.
Consecuencias laborais das baixas temerarias nos concursos
O representante da FGAMT-CIG denunciou que o modelo ao que recorren este tipo de empresas é sempre o mesmo: primeiro rebaixan a oferta económica para facerse co concerto, despois declaran perdas para rebaixar salarios e condicións laborais, ao tempo que negocian coa administración un incremento do montante económico. Entre mentres, prodúcese un importante deterioro da calidade asistencial.
Un modelo que Prado cualificou de “dumping empresarial” e que o representante da CIG denunciou por entender que o PP o “permite”, entregando “recursos públicos a empresas de fóra de Galiza, de capital risco e cunha forte vinculación ao propio PP”, afirmou.
Ante isto, o BNG xa anunciou que demandará no Parlamento de Galiza que se paralice o concurso e que se analice polo miúdo se realmente con esta oferta económica se ofrece e garante un servizo de calidade do transporte sanitario urxente en Galiza.
Os traballadores de Ambulancias do Eume acordan suspender as horas extras en protesta polos atrasos salariais
A empresa, que presta o servizo do 061 en Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero, está en concurso de acredores
A FGAMT-CIG compareceu este martes en rolda de prensa para informar da situación laboral que están a padecer os traballadores de Ambulancias do Eume, que presta o servizo do 061 en Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero. O persoal sufre continuos atrasos no cobro dos salarios e nestes momentos a empresa –que está en concurso voluntario de acredores- ten pendente de pagarlle as nóminas de xullo, agosto, setembro e outubro do pasado ano.
O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, acompañado de Francisco Cartelle, explicou que a nefasta xestión do empresario e a acumulación de débedas coa Seguridade Social, Facenda, os traballadores, os provedores e incluso coa UTE na que está integrada, levaron á situación concursal actual.
Porén, dende que o pasado mes de febreiro o administrador nomeado polo Xulgado do Mercantil da Coruña se fixera cargo da xestión de Ambulancias do Eume, os atrasos no pago dos salarios continúan. “E iso que o administrador se comprometeu coa CIG e co delegado de persoal a que o abono das nóminas se ía facer puntualmente”, apunta Pastoriza.
A este respecto engade que, a pesar de que a Fundación 061 ingresou o pasado 18 de abril as cantidades correspondentes aos servizos de marzo, “non foi até hoxe que o administrador ordenou o ingreso dos salarios, curiosamente o día que tiñamos convocada rolda de prensa. Este tipo de atrasos inxustificados non os entendemos”, critica.
Aos atrasos, haille que sumar as catro nóminas que a empresa aínda ten pendentes de pagar, correspondentes aos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2014. Sobre isto, Xesús Pastoriza indicou que o administrador concursal tamén se comprometeu hai un mes a entregar as certificacións aos traballadores para que poidan acudir ao FOGASA reclamar as cantidades, “pero segue sen facilitalas”.
Medidas de presión
Á vista dos reiterados incumprimentos, os traballadores acordaron unha serie de medidas para facer fronte a unha situación que cualifican de “insostíbel”. En primeiro lugar, vanse persoar no Xulgado do Mercantil 1 da Coruña poder acceder a toda a documentación relativa ao proceso, mais tamén para trasladar as queixas polas actuacións do administrador nomeado. “E non descartamos pedir a súa revogación”, advertiu o representante da CIG.
Doutra banda, os traballadores van suspender a realización de horas extraordinarias. Decisión que comunicarán mediante escrito ás partes implicadas: empresa, 061, UTE e administración concursal. A negativa a traballar por riba da xornada mensual máxima estabelecida (160 horas ordinarias e 50 de presenza) podería supor “que cara a finais de mes a ambulancia quede inoperativa e o servizo de urxencias sanitarias de Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero sen cobertura”.
Neste senso, Pastoriza subliñou que até o de agora o servizo foi atendido á perfección porque “o persoal estivo facendo traballo moi por riba do que lle corresponde. Pero a situación é insostíbel: débenlle salarios, dietas, horas, sofren atrasos nos cobros e mesmo se atopan con problemas para coller as vacacións”.
Para garantir o respecto das condicións dos traballadores e a prestación do servizo de transporte sanitario urxente nesta zona, dende a FGAMT-CIG demándase a intervención inmediata tanto da Fundación 061 como da Administración concursal “e que non continúen permitindo esta situación na empresa”.
A Xunta aplica outro recorte na asistencia sanitaria ao limitar a 12 horas a operatividade dos helicópteros do 061
CIG-Saúde denuncia que o Goberno do PP confunde “a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos”
A CIG-Saúde alerta que, por primeira vez na historia dos helicópteros sanitarios (encargados de actuar en situacións de emerxencias sanitarias) non estarán activos dende a saída do sol até o ocaso, senón que por mor do novo contrato, pasarán a ter unha operatividade de 12 horas, “o que supón unha perda de operatividade para situacións de emerxencias de 394 horas ao ano”.
A CIG-Saúde lembra que dende o pasado 1 de xullo os helicópteros sanitarios – que até entón estaban xestionados polo 112- pertencen á Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061, que acaba de remitir un comunicado ao persoal informando dos novos horarios destes aparatos. A partir de agora, terán recortada as súa operatividade naqueles días nos que o tempo entre a saída do sol e o ocaso é superior a 12 horas.
Dende o 19 de marzo até o 26 de setembro os días duran máis de 12 horas, polo tanto, dende esa data, parte do día non estará cuberto para posíbeis emerxencias en lugares lafastados dos recursos medicalizados terrestres.
Se no ano 2014 a Consellaría xa recortaba este servizo repartindo a operatividade entre o helicóptero en Santiago e o que ten base en Ourense (unha aeronave comezaba a funcionar á saída do sol e estaba operativa 12 horas, mentres que a outra estaba operativa 12 horas antes do solpor), “neste 2015 úneselle outro novo recorte: nunca estará operativo o helicóptero antes das 7:30 e despois das 21:30 horas”.
Como exemplo do que este cambio implica, a CIG-Saúde explica que no caso dun accidente ocorrido na Costa da Morte ás 07:15 horas do mes de xuño non se disporá de ningún helicóptero operativo para enviar socorro, a pesar de ser xa de día. De igual maneira, un accidente de trafico saíndo das praias en Muros ás 20:00 horas ten o helicóptero mais próximo en Ourense.
No mesmo senso, unha emerxencia ocorrida no Barco de Valdeorras ás 08:00 horas ten o helicóptero sanitario a uns 40 minutos de voo, mentres que até agora estaba a 15 minutos. “Agora esquecemos os ‘20 minutos de ouro’”, denuncian, en referencia ao tempo recomendado como máximo para a atención ás emerxencias nas zonas rurais.
“A Xunta anuncia escandalosamente o novo edificio de xestión das emerxencias na Estrada, cun altísimo custe económico, como un gran logro, cando se recorta na atención a esas emerxencias”, critican
A CIG-Saúde considera este novo contrato un recorte na asistencia sanitaria á cidadanía, encadrado dentro da política do Goberno Galego do PP “que confunde a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos”.
Técnicos de emerxencias sanitarias trasládanlle aos grupos parlamentarios a necesidade dunha ambulancia medicalizada no Salnés
As xuntanzas celebráronse en Santiago no marco da campaña da FGAMT-CIG de Pontevedra para esixir maior cobertura no transporte sanitario público
Técnicos/as de emerxencias sanitarias trasládáronlle hoxe aos catro grupos políticos con representación no Parlamento galego a necesidade de que a comarca do Salnés conte cunha ambulancia medicalizada. As xuntanzas celebráronse hoxe en Santiago de Compostela no marco da campaña da FGAMT-CIG de Pontevedra para esixir maior cobertura no transporte sanitario público.
Os profesionais de emerxencias sanitarias estiveron no Parlamento galego acompañados de Xavier Aboi, responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, con quen acudiron a entrevistarse con representantes dos grupos parlamentarios do BNG, AGE, PSOE e PP.
As xuntanzas celebráronse a iniciativa da federación de Transporte da central nacionalista, que puxo en marcha unha campaña para reclamar maior cobertura no transporte sanitario nas comarcas de Pontevedra e do Salnés.
Os técnicos/a de emerxencias sanitarios explicaron que está totalmente xustificada a necesidade de que O Salnés conte cunha ambulancia medicalizada, “xa que se cumpren todos os ratios que así o establecen, tanto de poboación (preto de 160.000 habitantes) como de número de concellos e de superficie”. Por este motivo din non entender como é posíbel que a Xunta siga sen dotar a comarca deste vehículo, “máis cando está pendente de adxudicar o servizo do 061”.
Ao mesmo tempo, sinalaron que a ausencia da ambulancia medicalizada provoca que cada vez que se produce unha urxencia vital os sanitarios/as teñen que dirixirse ao Punto de Atención Continuada para recoller o persoal necesario, “polo que se deixa sen cobertura estes centros”.
Tamén denunciaron que a falta dunha ambulancia deste tipo fai necesario que se teñan que levar a cabo transferencias en rota de pacientes (cambialos/as dunha ambulancia a outra en pleno traslado). Os profesionais advirten que este tipo de recursos, que son considerados excepcionais nos protocolos, son cada vez máis habituais.
Diante disto, o BNG comprometeuse cos técnicos/as sanitarios e co representante da FGAMT-CIG de Pontevedra a presentar unha iniciativa no Parlamento reclamando a ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés, así como mocións nos distintos concellos afectados.
I feel so free!