Vigo bótase á rúa de novo en defensa dunha sanidade pública “gravemente enferma”

Milleiros de persoas claman contra os recortes e as privatizacións que está a aplicar o PP

Vigo -

Varios milleiros de persoas botáronse á rúa este xoves en Vigo convocados pola Xunta de Persoal do Chuvi en defensa dunha sanidade pública que se atopa “gravemente enferma” debido á política de recortes e privatizacións que está a aplicar o Goberno do PP. Denuncian que arredor de 400 profesionais quedarán sen emprego ao deixar en mans de empresas a xestión dos servizos sanitarios e non sanitarios do cuarto hospital da cidade.

(Galería de imaxes)

O diagnóstico dos/as profesionais é moi claro: “A sanidade pública da Área de Vigo atópase na UCI, está gravemente enferma”. Así o denunciaron ao remate da manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi e que este xoves percorreu as rúas da cidade para rexeitar as políticas de privatización que está a aplicar o Goberno do PP.

Durante a marcha, que partiu pasadas as 20.00 horas do hospital Xeral para rematar unha hora despois na Porta do Sol, as consignas máis coreadas foron “A privatización é corrupción”, “Feijóo escoita Vigo está en loita”, ou “Servizos públicos e de calidade”. As alusións de apoio á auxiliar de enfermería infectada de Ébola tamén foron constantes durante o percorrido.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que agora comézanse a ver as consecuencias de construír o novo hospital baixo un modelo de xestión público-privado. “Primeiro privatizan os servizos non sanitarios (mantemento, lavandería, cociña), o que suporá que arredor de 400 persoas perdan o seu emprego, e despois irán a polos sanitarios, como o laboratorio central”.

Neste senso, criticou que o Sergas vaia investir máis no concerto cun centro médico privado como é Povisa que na construción do novo hospital, proxecto que multiplicou os seus custes ao pasar de 400 a 1200 millóns de euros.

Dende a Xunta de Persoal do Chuvi indicaron que os principais motivos da protesta son denunciar a falta de datos sobre o proxecto do cuarto hospital e reclamar información sobre os plans do Sergas con respecto ao persoal dos servizos non sanitarios que van ser privatizados -xa que a concesionaria non contempla a subrogación. “Comezan por privatizar estes servizos, entregándolle 50 millóns anuais a unha empresa, pero detrás vén o resto”.

Denuncian que a Área Sanitaria de Vigo está a servir como experimento da Xunta á hora de aplicar os recortes en materia de saúde. “Reduciron o cadro de persoal nun 14%, o que provocou que a lista de espera supere xa as 20.000 persoas”. Finalmente, anunciaron que o vindeiro luns realizarán concentracións ás portas do Meixoeiro a partir das 11.00 horas en solidariedade coa traballadora sa sanidade infectada de Ébola.