A dirección de Povisa intenta que as folguistas de fame abandonen as instalacións do hospital no primeiro día de protesta

Gardas de seguridade do centro médico vigués advertíronlles de que serían desaloxadas/os e obrigáronas/os a retirar carteis e pancartas

Vigo -

A dirección do hospital Povisa de Vigo intentou sen éxito que as tres traballadoras/es de Povisa que hoxe iniciaron unha folga de fame para reclamar a readmisión de 13 compañeiros/as abandonasen as instalacións do centro médico. Varios gardas de seguridade advertíronlles de que serían desaloxadas/os e obrigáronas/os a retirar a mesa na que teñen as bebidas, así como carteis e pancartas alusivas ao conflito laboral.

(Galería de imaxes)

Nada máis comezar a folga de fame indefinida contra os despedimentos, arredor das 10.00 horas, a seguridade do hospital vigués comunicoulles que non tiñan permiso para pemanecer no interior do recibidor e anuncioulles que serían desaloxadas/os.

Pero non sería até pouco antes das 15.00 horas cando varios axentes de seguridade privada se dirixiron de novo ás folguistas para instalas a abandonar o edificio, ao que se opuxeron lembrándolles que son representantes sindicais no exercicio dos seus dereitos.

Entón optaron por esixirlles que retirasen tanto a mesa na que teñen as bebidas -o único alimento que teñen pensado inxerir até que a dirección non dea marcha atrás aos despidos- como os carteis e pancartas alusivas ao conflito laboral. Do contrario procederían eles mesmos á súa retirada.

Compañeiros/as dos folguistas optaron por colocalas entón no exterior do hospital, aínda que posteriormente volveron introducir a mesa para poder ter a man tanto as analíticas dos folguistas e as tomas de constantes como o tensómetro e damais utensilios para o control do pulso. Diante disto, o novo xefe de seguridade de Povisa optou por retirar el mesmo a mesa a pesar de que foi advertido de que presentarían denuncia, optando por devolvela pouco tempo despois.

As tres traballadoras/es en folga de fame, que teñen previsto pasar a noite nas instalacións do hospital, están a recibir constantes mostras de apoio e solidariedade por parte tanto de compañeiros/as do centro médico como de cidadáns en xeral. Tanto o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, como o da federación de Saúde, Manuel G. Moreira, así como varios membros da Executiva Confederal da central nacionalista achegáronse até Povisa.

 MÁIS INFO: Persoal de Povisa iniciará unha folga de fame indefinida contra o despedimento de 13 compañeiros/as