Berro unánime nas rúas de Vigo a prol dunha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade

Milleiros de persoas participaron na manifestación convocada pola Xunta de Persoal

Vigo -

Milleiros de persoas participaron esta tarde na manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) para reclamar unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade. A marcha, celebrada baixo o lema 'Hospital 100 x 100 público. Privatización = corrupción', tardou preto de hora e media en percorrer a distancia entre o Xeral e a Porta do Sol, onde se deu lectura a un manifesto antes de interpretar o himno galego.


(Galería de imaxes)

A manifestación arrincou do hospital Xeral pasadas os 20.00 horas e rematou hora e media despois na Porta do Sol. Durante o traxecto berráronse consignas como “Privatización é corrupción', 'Novo hospital, público e gratuíto', 'Sergas atende a sanidade non se vende' ou 'A culpa de quen é? do PSOE e do PP'.

Arredor das 21.30 horas a mobilización rematou na Porta do Sol coa interpretación do himno galego. Antes, o presidente da Xunta de Persoal, Manuel G. Moreira, da CIG, deu lectura ao seguinte manifesto:

A sanidade pública universal, gratuíta e de calidade que todas e todos defendemos está a sufrir continuas agresións tanto do Goberno do Estado como da Xunta de Galiza.

Rematan co principio da sanidade pública universal, deixando sen dereito á asistencia sanitaria ás mulleres e homes que non teñan a condición de asegurado. Poñen un imposto á enfermidade con copagos e repagos, e fan que algúns pensionistas e enfermos/as crónicos/as teñan que elixir entre comer e tomar os medicamentos.

Privatizan a sanidade pública, e lla entregan as empresas “amigas” para que fagan negocio coa enfermidade e o sufrimento das persoas, convertendo os nosos dereitos no seu negocio.

Á área sanitaria de Vigo, non só non é allea a esta situación, senón que a padece con especial virulencia. Desde sempre, a Área sanitaria de Vigo padeceu un déficit de infraestruturas sanitarias e de persoal que fixo imposible unha axeitada atención. Por isto somos a Área sanitaria de Galicia con maior lista de espera.

A incapacidade para dar resposta as necesidades asistenciais da poboación da Área de Vigo foi utilizada para xustificar que unha parte dela pasara a mans da sanidade privada: Povisa, ou a creación de determinados experimentos de xestión, como Medtec, agora reconvertido en Galaria da que non se poñen de acordo se se integra ou non no Chuvi.

O novo hospital de Vigo, supuña unha oportunidade para reverter esta situación, proxectouse un hospital ben dimensionado, que por primeira vez puidera solventar todas esas carencias, un hospital de futuro para as próximas xeracións.

Pero a Consellería de Sanidade mudou a situación e adxudica un contrato de 1.300 millóns de euros á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A. para proxectar, construír e explotar os servizos do novo hospital de Vigo. O proxecto Público custaba 400 millóns de euros.

Para realizar esta adxudicación contou coa axuda (previo pago de 220.000 euros) da consultora PwC, consultora con fortes vínculos co poder e na que traballou o ministro De Guindos.

A Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A. está formada por Acciona (39%), Puentes y Calzadas (21%); Altair (15%); Concessia (15%), unha financeira integrada por bancos arruinados (entre eles Bankia e CAM, entidades rescatadas con cartos públicos; OCASA (Obras, Caminos y Asfaltos S.A.) (10%) hoxe en quebra, o que obrigou ao resto das empresas a asumir a súa parte no capital, nela tivo un alto cargo o conselleiro Agustín Hernández, esta empresa subcontratou parte da obra a Hierros Santa Cruz, propiedade de Telmo Martín, membro relevante do PP, concelleiro en Pontevedra e deputado (o máis rico do Congreso).

Por se isto non fora suficiente, o cambio de modelo acompañouse dun drástico recorte do proxecto inicial, reduciuse o número de camas, a unidade de investigación pasou a ser algo meramente testemuñal, e agora, a piques de rematar a obra, resulta que tampouco hai espazo para ao laboratorio central e queren facer un Hospital para o futuro sen laboratorio Central.

A eliminación do Laboratorio do novo hospital, xa confirmado, foi denunciado en reiteradas ocasións polos/as profesionais e suporá un grave atentado contra a saúde da poboación de Vigo, encarecendo o servizo, xa que haberá que ter un medio de transporte para as mostras, e non garantirá que as mesmas cheguen en condicións óptimas. Todo isto coa intención de privatizar os laboratorios descapitalizando á sanidade Pública para encher os petos das empresas amigas.

Nesta folla de ruta de privatización dos servizos públicos enmárcanse, tamén, outras medidas adoptadas polo goberno da Xunta, tales como o intento de privatización de Esterilización ou o decreto de xestión clínica.

No que a privatización da Esterilización se refire, é preciso recordar que, ademais dunha descapitalización do coñecemento na Sanidade Publica, suporía a destrución duns 167 postos de traballo públicos e unha menor garantía na calidade da prestación.

Por outra banda, o Decreto de Xestión Clínica, supuxo un golpe máis á sanidade publica, coa súa pretensión de que sexan precisamente as/os profesionais os que asuman a responsabilidade dos recortes nas prestacións dos/as usuarios/as, constituíndo micro empresas que a medio prazo poidan ser privatizadas, para facer, unha vez mais, negocio coa saúde de todas e todos.

A cambio dun Novo Hospital privatizado e recortado en tamaño e servizos, pechan o H. Xeral, o Cíes, o Rebullón, os Centros de Especialidades de Coia e a da Doblada. E manteñen o concerto con Povisa.

Como consecuencia teremos menos sanidade pública e máis negocio para os seus amigos. Farán negocio con todo o que poidan, até o aparcamento será de pago.

Coa privatización corren o risco de desaparecer ou precarizar as súas condicións moitos postos de traballo, o que dará un peor servizo á cidadanía.

Neste momento moitos centos de compañeiras e compañeiros dos servizos de Cociña, Lavandería, Lencería, Costura, Mantemento, Reprografía e imprenta, ven como periga o seu futuro laboral.

A administración o que pretende é eliminar postos de traballo públicos e favorecer ás concesionarias privadas, e intentan que a Mesa Sectorial se converta nunha mesa de traballo para facilitar esta destrución de emprego. E diante da resposta das organizacións sindicais que formamos a Xunta de Persoal de non colaborar na destrución de emprego público, nin de consentir que se precaricen as condicións laborais do persoal, a resposta é mandar á policía ao interior dos centros sanitarios, nunha actitude autoritaria que nos recorda tempos que críamos pasados.

Non podemos permitilo

A sanidade pública é hoxe máis necesaria que nunca e non podemos deixar que a destrúan, polo noso futuro, polo futuro das nosas fillas e fillos.

Por iso precisamos do apoio de todas e todos para reclamar o remate dos recortes e privatizacións da sanidade pública e que se recuperen os seus valoras fundamentais: a universalidade, a equidade e a gratuidade na prestación.