A Agrupación Médica da CIG denuncia o “electoralismo” da medida anunciada por Feijóo para Atención Primaria

Manifesta o seu apoio ao decálogo reivindicativo proposto polo Foro de Atención Primaria

Compostela -

A Agrupación Médica da CIG vén de denunciar que o anuncio de Feijóo de pór en marcha o seguimento en atención primaria das altas hospitalarias é “electoralista”. Asegura que se trata dunha medida decidida sen ter en conta as/os profesionais e que en moitos casos será difícil de aplicar polas políticas de recorte do Partido Popular.

A Agrupación Médica da CIG manifesta, fronte a isto, o seu apoio ao decálogo reivindicativo proposto polo Foro de Atención Primaria e denuncia a falta de consenso na posta en marcha, por parte do PP, do seguimento en atención primaria das altas hospitalarias.

Considera ademais que, dados os recortes aplicados por Feijoo, será practicamente inviable a súa realización en moitos centros de saúde. Entende porén, que “o seguimento en atención primaria das altas hospitalarias é unha medida lóxica que xa debera executarse hai moito tempo” e lembra ademais que xa estaba contemplada no Plan de Mellora da Atención Primaria, que “foi eliminado ao chegar Feijoo ao goberno”.

Subliña, en todo caso, que son precisos recursos e coordinación para poder desenvolver esta proposta. “Ambas as dúas cuestión inexistentes neste intre”.

Explica que o PP considera que con que no hospital se emita un informe á alta do paciente con ‘instrucións’ de seguimento xa está todo solucionado. “A enfermeira chamará por teléfono ao domicilio do paciente e resolverá, xunto co médico, todos os problemas do paciente pero a realidade de moitos centros de atención primaria impedirá a súa implementación normal e con garantía de calidade”.

Entre as dificultades existentes sinala a falta de persoal, de substitucións do persoal, a precariedade laboral co abuso das medias xornadas e o aumento de funcións realizado nos últimos anos fai difícil a posta en marcha dun programa deste tipo, que se inicia coa posta en marcha dun informe hospitalario e despois xa atención primaria resolverá como poida.

Por iso denuncia que o anuncio de Feijóo, coincidindo precisamente co Día da Atención Primaria é electoralista e considera imprescindible reclamar consenso profesional nas medidas de xestión, dotar os centros de suficientes medios humanos e materiais e de capacidade sanitaria.