A CIG-Saúde urxe a deter o traslado ao Novo Hospital de Vigo até que non se cumpra a Lei de Prevención de Riscos Laborais

Unha denuncia ante Inspección de Traballo pon de relevo os numerosos incumprimentos

Vigo -

A CIG-Saúde de Vigo vén de denunciar nunha rolda de prensa os “numerosos e flagrantes” incumprimentos da normativa legal en materia de prevención de riscos laborais por parte da xerencia do Novo Hospital de Vigo, “pondo en perigo a traballadores/as e usuarias/os”. Estas “graves deficiencias” motivaron xa unha denuncia ante Inspección de Traballo, ademais da exixencia por parte da federación de saúde da central nacionalista de paralizar o traslado de forma inminente. Segundo a central, os intereses económicos da contrata e maila falta de planificación prexudican, mais unha vez, os dereitos de doentes e profesionais.

A pesar das advertencias reiteradas á xerencia por parte da CIG-Saúde desde hai meses sobre a necesidade dunha avaliación inicial de riscos, o certo é que desde entón non se deron pasos para cumprir a normativa aplicábel. Así, e segundo se recolle no panfleto elaborado, “no Novo Hospital de Vigo non se contou coa UPRL, cos traballadores/as nin cos seus/súas representantes para o acondicionamento dos lugares de traballo, polo que as deficiencias atopadas son inumerables”.

De feito, e segundo indicaron, a dirección do centro argumenta incorrectamente que a avaliación debe facerse “unha vez estean os traballadores/as nos seus postos”. Ao tempo, xa se produciron varios percances, como a caída dun falso teito sobre un/unha doente ou a rotura de tuberías. O pano de fondo da problemática reside, en opinión do secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, na propria natureza privada do centro hospitalario e no importante recorte que sofreu o proxecto inicial.

Entre os numerosos déficits sinalados enumeran a ausencia de sinalización do plano de evacuación, as reducidas dimensións dos cuartos de hospitalización e das salas de traballo de enfermaría para plantas de hospitalización. Tamén o inconveniente circuito de cuñas a un “cuarto de suxo” cando nas habitacións non hai lava-cuñas, así como a ausencia de zonas de desncanso para o persoal, inapropiada zona de lavado do material de endoscopias, broncoscopias e uroloxía cunhas dimencións reducidas e escasa ventilación; circuito de suxo e limpo pola mesma porta, sala de RX sen un lugar de espera para pacientes pendentes de probas ou zonas de consultas con espazo moi reducido.

Durante a rolda de prensa amosaron imaxes dun almacén sen ventilación na área de anatomía patolóxica, onde se apilan produtos químicos, así como das ultra-reducidas dimensións das taquillas para o persoal. Así mesmo, sinalaron outros problemas causados pola falta dunha planificación axeitada, como a apertura de portas dos baños cara dentro, dificultando o resgate de doentes que se poidan esvaer no interior dos mesmos. Á extensa lista de incumprimentos súmase o malestar polo sistema de aparcadoiro privado, que penalizará a familiares, doentes e persoal hospitalario. Alén disto, a CIG-Saúde alerta de que ante a carencia de camas novas nos cuartos, a xerencia indicou que os usuarios poderían ser trasladados e ingresados nas súas camas actuais desde o Hospital Xeral.

Estas deficiencias, sumadas ao proceso de recorte e proceso privatizador do Novo Hospital son responsabilidade directa do SERGAS e da Xunta de Galiza, que para a federación de saúde debe paralizar o traslado até solucionar uns déficits que poden conlevar graves consecuencias sobre a usarios/as e traballadores.