Perto de 120 traballadoras e traballadores da conserveira Alfageme, situada na rúa Tomas Alonso de Vigo, sairon no cuarto de hora do bocadillo cortar o tránsito e reclamar o pago dos salarios que se lles debe tanto do mes de novembro, como a paga extra. Queren que se lles faga este pagamento antes de que marchen de vacacións o vindeiro venres 18. Continuarán con estas mobilizacións de xeito diario até a fin de semana.
Co traslado parado, sen o aval bancario demandado pola dirección, xa que aínda está pendente unha auditoría externa, o persoal de Alfageme atópase a poucos dias de coller as súas vacacións de nadal, e sen teren cobrado aínda nin o salario de novembro nin a paga extra que lles correspondería en decembro.
"Queremos cobrar"
Diante desta situación decidiron convocar unha concentración no tempo do bocadillo e cortar o tránsito durante estes quince minutos. Cunha faixa na que se podía ler "Si ao emprego, non á especulación", e un cento de carteis co lema "Queremos cobrar", as traballadoras e traballadores desta conserveira trasladaban o seu malestar pola actual situación.
"Están deixando morrer á empresa"
"Entre uns e outros están deixando morrer á empresa", denunciaba Herminia Caride, delegada da CIG no Comité de Empresa de Alfageme en Vigo, quen engadia que "hai demanda, e nós continuamos traballando, mais desde a dirección alegan falta de liquidez para mercar máis material, polo que isto vai decaendo cada vez máis".
O mércores tamén se concentrará o persoal de Ribadumia en Vigo
O mércores 16 de decembro acudirán ás 10.45 fronte á factoria de Alfageme en Vigo as traballadoras de Ribadumia, que tamén están co mesmo impago de salarios, que afecta a todo o grupo, polo que se achegarán a estas concentracións para sumar máis voces polo cobro dos cartos que se lles deben.