A CIG-Saúde entrega no rexistro do SERGAS máis de 3.000 sinaturas en demanda de que se impulse a xubilación parcial anticipada

Lembra que a lei prevé contemplar a realidade específica do persoal dos diferentes colectivos

Compostela -

A CIG-Saúde presentou esta mañá, no rexistro do SERGAS,  máis de 3.000 sinaturas de persoal da sanidade pública galega en demanda de que se impulse o desenvolvemento da adicional sétima da Lei 40/2007, do 4 de decembro, na que se contempla a aplicación dos mecanismos de xubilación anticipada e parcial das/os empregadas/os públicos.

A CIG-Saúde explica que esa lei recolle que se contemplará a realidade específica dos diferentes colectivos afectados, incluída a do persoal ao que lle é de aplicación a Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Tal como admite a propia disposición adicional sétima da Lei 40/2007, do 4 de decembro, o persoal estatutario ten singularidades que o distinguen do resto do funcionariado, pola propia natureza do servizo público sanitario.

En concreto subliña a prestación continuada as 24hs do día e os 365 días do ano; o traballo en contacto coa enfermidade e a toma de decisións sobre a vida doutras persoas.

Xunto a isto sinala que os plans de ordenación de RRHH que publica a Administración enuncian problemas como unha pirámide de poboación envellecida, que incrementa o número de Incapacidades Temporais; a imposibilidade da Administración de asumir políticas de persoal que facilite deixar de traballar en horario nocturno ao cumprir 55 ou 60 anos ou de adaptar postos a persoas con problemas de saúde laboral.