Profesionais das Emerxencias e Extinción de Incendios defenden en Compostela a xestión pública e homoxeneizada do sector

Bombeiros de todo o país denuncian a aposta do PP pola mercantilización deste servizo

A Coruña -

Bombeiros e bombeiras de toda Galiza manifestáronse este venres polas rúas de Compostela na defensa da xestión pública das emerxencias, extinción de incendios e salvamento.  Dende o colectivo reclámase a reorganización do mapa de actuación, a regularización das condicións de traballo e a recuperación para o público daqueles parques que hoxe están en mans de empresas privadas. Un modelo de xestión privatizado das emerxencias, denuncian, que só se dá en Galiza.

Galería de imaxes

A marcha, convocada pola Mesa Intersindical de Bombeiros de Galiza (da que forma parte a CIG), saía preto das 11:30 horas da explanada do estadio de San Lázaro e contou coa participación de profesionais dos servizos de extinción doutras comunidades así como cunha ampla representación do corpo de bombeiros/as forestais.

Seguindo o camiño francés, a marcha encabezada por unha faixa co lema “Rescátanos. Bombeiros servizo público”, dirixiuse á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, onde agardaban ser recibidos polo responsábel do departamento para trasladarlle as reivindicacións do sector: homoxeneización, xestión directa do servizo e desenvolvemento do estatuto que regule a figura do bombeiro profesional. Porén, só atoparon un edificio blindado pola policía.

Xabier Villar, representante da CIG na Mesa Intersectorial, explicaba que coa protesta deste venres quérese demandar o rescate do servizo de bombeiros “porque en Galiza levamos anos no camiño da xestión privada das emerxencias, creándose parques comarcais cuxa xestión está a cargo de empresas privadas”.

Esta privatización, alertou, deriva nun deterioro da calidade do servizo que se presta aos cidadáns e cidadás e nun empeoramento nas condicións de traballo.

Parques privatizados con poucos efectivos

Sobre a organización dos servizos de Extinción de Incendios e Salvamento en Galiza, apuntou que está conformado, basicamente, por parques públicos dependentes dos concellos no caso das cidades (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago); e en vilas de máis de 20.000 habitantes existen servizos con custe compartido entre o concello e a Xunta.

Xunto a estes, atópanse os parques comarcais, dependentes das Deputacións, pero de xestión privada. Estes parques, advertiu Villar,  dispoñen de menos efectivos que os públicos, “moi por debaixo do que sería razoábel en calquera intervención, tanto para a seguridade dos traballadores/s como dos/as cidadáns/ás”.

Estes servizos privatizados ou semiprivatizados dan cobertura a preto de 300 municipios e a un total de 1,6 millóns de galegos e galegas. “Unha superficie inabarcábel”, aseverou Villar. Pois as dotacións cativas levan a facer equipos de traballo de 3 persoas, para atender a unha media de 13 concellos por parque.

A este respecto, dende a Mesa Intersectorial lembran que a cifra de bombeiros que en Galiza dependen directamente da administración, sitúase nos 450 efectivos, para prestar servizo a uns 15 concellos con arredor a 1,2 millóns de habitantes. Para o resto do territorio hai 422 bombeiros distribuídos nos diferentes centros ou parques (actualmente 23).

Condicións laborais precarias

Paralelas as carencias dos servizos privatizados, engadiu o representante da CIG, van as condicións laborais, xa que as condicións de traballo dos/as profesionais destes parques están altamente precarizadas e son habituais “as ameazas, as represións e os despedimentos”.

Neste senso,Villar apuntou que nin están homoxeneizadas as condicións retributivas, nin as laborais, nin tampouco os procesos de contratación, pois mentres o persoal dos parques municipais é funcionario de carreira, nos parques de custe compartido é persoal laboral e nos xestionados por empresas privadas son estas as encargadas dos procesos de contratación.

A respecto do papel da Xunta, Villar indicou que o pasado 12 de febreiro a Mesa Intersindical pediu a apertura do proceso para a redacción do Estatuto do Bombeiro Profesional (recollido na Lei de Emerxencias de 2007 e que debería estar redactado hai anos), mais aínda non houbo resposta por parte do Goberno galego. “Seguen apostando polo modelo privado e non hai interese en mudar este camiño que tamén están a seguir na educación ou na sanidade”, denunciou.