A Xunta continuará destruíndo emprego público e minguando os salarios do seu persoal no ano 2015

Confírmase o mantemento das reducións salariais e laborais para os/as empregados/as públicos/as que dependen da Xunta de Galiza

Compostela -

A Área Pública da CIG considera que a xuntanza da Mesa Xeral do persoal da Xunta de Galiza –convocada esta tarde para tratar dos aspectos referidos ao Capítulo de Persoal da Administración Pública Galega nos orzamentos para o ano 2015- foi a constatación da “inutilidade” do diálogo social e da necesidade de mobilizacións. No decurso da mesma confirmouse o mantemento das reducións salariais e laborais para as e os empregados públicos e que o goberno galego manterá as políticas de destrución de emprego público e perda de poder adquisitivo.

A Área Pública da CIG acusa o Goberno galego de pretender dar apariencia de negociación ao que son medidas unilaterais de destrución de emprego público e recorte continuo de dereitos laborais e socias. “A este Goberno non lle chega o guión establecido polos presupostos do estado español para o ano 2015, senón que afonda nas diferenzas laborais e salariais para o persoal das administracións públicas galegas así como para a destrución de emprego e servizos públicos na Galiza”, asegura.

Manifesta, ante isto, o seu profundo rexeitamento ante as decisións tomadas polo goberno da Xunta que reafirman a conxelación da rebaixa salarial para o persoal das administracións galegas. “Nin tan sequera respectan o contido do anteproxecto de orzamentos do estado español que indica que farán a devolución do 25% da paga extra de decembro de 2012, indicando que Galiza farao entre os anos 2015 e 2016,  e non contemplando, nin falando para nada, da recuperación da parte “roubada” polo goberno galego durante os anos 2013, 2014 e que continuará a roubar no ano 2015”.

Perda dun 30% do poder adquisitivo

Coa confirmación de estas políticas salariais para o ano 2015 a Área Pública da CIG denuncia que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas elévase a máis do 30% dende o ano 2010. Por iso exixe rematar con estas políticas de austeridade nas que o goberno Galego “compite por ser o máis rápido e avanzado en realizalas”.

Fronte a isto reclaman que, con urxencia se adopten as medidas racionais e necesarias que non contemplan os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2015, entre as que salientan:  

  • Recuperar todo o emprego público destruído. Plan de recuperación da perda de emprego destruído estes anos así como reposición servizos públicos destruídos.
  • Establecer as taxas de reposición no 100% en tódolos sectores da administración. Contemplar o 50% só en servizos esenciais afonda máis na desaparición dos servizos públicos e fomenta a súa privatización. É moi grave que no resto dos sectores a taxa sexa do 0% estando aquí incluídos os servizos socias entre outros moitos servizos.
  • Recuperar os dereitos laborais, económicos e sociais perdidos nos últimos anos polo persoal da administración pública galega.
  • Apostar por uns servizos públicos universais e de calidade que sexan capaces de manter a cohesión social. Reforzar os mesmos e romper coa súa privatización.
  • Redución da partida orzamentaria destinada a altos cargos, asesores e cargos políticos na administración.

Para CIG-Área Pública, esta “non é unha discusión de carácter xurídico como pretende facer ver o goberno galego, que cando lle interesa recorre á lexislación do estado español e cando non, afonda na capacidade lexislativa que ten o propio goberno galego. Trátase dun problema de vontade política, cousa que este goberno galego non ten”. Unha vontade política de cambio das políticas “neoliberais, privatizadoras e de exterminio de todo o que teña carácter de servizo público”.

Diante deste panorama a Área Pública da CIG seguirá apostando pola mobilización das e dos traballadores dos servizos públicos e da sociedade en xeral para mudar estas políticas de raíz, en defensa dos postos de traballo, das condicións laborais e do mantemento e reposición dos servizos públicos, tan necesarios no momento actual.