A Alianza Social Galega chama a mobilizarse en todas as cidades galegas contra a reforma da Lei de Seguridade Cidadá

Denuncia que o obxectivo do PP, con esta reforma, é reprimir a mobilización social contra as súas políticas de recorte de dereitos sociais e laborais

Compostela -

A Alianza Social Galega ten convocadas manifestacións en todas as cidades galegas, o vindeiro domingo día 23 de novembro, contra a reforma da Lei de Seguridade Cidadá. Considera que deste xeito, o goberno español pretende converter o conflito social nun problema de orde pública, “camiñando cara un Estado de carácter policial” coa finalidade de impor un sistema económico, laboral e social “totalmente negativo para as clases populares e os países periféricos”.

A ASOGA denuncia que esta reforma “é un paso atrás nos dereitos máis básicos” porque criminaliza a protesta social, as liberdades públicas e as vías de participación democrática “retrotraéndonos ao franquismo”. Engade que “o PP e o Goberno de Rajoy actúan con dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a realidade plurinacional do estado, pero mantén una actitude de moita permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos e o capital financeiro”.

Para a ASOGA do que se trata, con esta reforma, é de reprimir a contestación social fronte ás actuacións inxustas do goberno do PP, entre as que salienta as reformas laborais e sociais, as súas políticas económicas, os constantes recortes de dereitos e unha crecente precariedade das condicións de traballo alén da privatización e redución dos servizos e prestacións públicas e a imposición dunha fiscalidade regresiva.

Alerta de que pasan a tipificarse como delitos toda una serie de acción sociais que até o de agora non tiñan esa consideración atacando frontalmente dereitos fundamentais como o de reunión, manifestación e folga.

Xunto a isto as medidas que se introducen con esta reforma recortan o dereito á titela xudicial ao que só se poderá acudir una vez se teña imposto a sanción, gravándose ao ter que afrontar os gastos de ir ao xulgado. Substitúese a infracción penal pola administrativa, á marxe das garantías xurisdicionais, eliminando a da presunción de inocencia e permítese a discrecionalidade e arbitrariedade dándolle presunción de veracidade á actuación policial.

Ademais aumentan as infraccións, pasando de 30 a 57, e as contías das sancións, que se fixarán sen considerar o patrimonio das persoas afectadas, desde 1.000 euros polas leves até os 600.000 € polas moi graves, pasando polos 30.000€ das consideradas graves. Sancións que serán inmediatamente executivas.

Censura informativa previa

E se isto non fora abondo, a reforma introduce una censura informativa previa, que é contraria á Constitución, limitándose a captación, difusión de sons e imaxes dos axentes da policía nas súas actuacións públicas, socavando o dereito a recibir una información veraz e plural co que se “imposibilita e amedrenta o traballo xornalístico, promove a impunidade no abuso policial ao impedir posíbeis probas gráficas de intervención desproporcionada das forzas de seguridade”.

Por isto a ASOGA fai un chamamento a participar nas diferentes mobilizacións convocadas para manifestar o rexeitamento a esta reforma e demandar a súa retirada.

Manifestacións:

- A Coruña: 12:00 horas, Praza de Pontevedra

- Ferrol: 12:00 horas, Praza de España

- Santiago: 12:00 horas, Alameda

- Lugo: 12:00 horas, edificio sindical

- Ourense: 12:00 horas, Praza Maior

- Pontevedra: 12:00 horas, Praza da Ferrería

- Vigo: 11:30 horas, Vía Norte

- Arousa: 12:00 horas, concentración na Praza Ravella

- Monforte: 12:00 horas, Praza de España

- Cangas: 12:30 horas, concentración na Praza do Concello.