Condenan a un ano e seis meses de prisión ao administrador único da empresa ourensá Comescor por alzamento de bens

A CIG-Industria valora moi positivamente a sentenza e agora agarda que o concurso de acredores sexa declarado culpábel

Vigo -

O Xulgado do Penal número 2 de Ourense vén de condenar ao administrador único da empresa Comescor a un ano e medio de prisión por alzamento de bens e a devolver máis de 36.000 euros á masa do concurso voluntario de acredores. Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente a sentenza e agora agardan a que o concurso sexa declarado culpábel.

O xuízo contra o administrador único de Comescor, empresa dedicada á fabricación de estruturas metálicas con sede no polígono de San Cibrao das Viñas, celebrouse o pasado 29 de outubro, aínda que non foi até o 9 de novembro cando se coñeceu a sentenza.

O fallo condena a un ano e seis meses de prisión ao administrador, que ademais terá que reintegrar á masa do concurso voluntario de acredores a cantidade de 36.334,31 euros.

Os feitos que motivaron a decisión xudicial remóntanse a xuño de 2012, cando o agora condenado aproveitou que os traballadores/as abandonaron o peche que mantiñan nas instalacións da empresa para levarse materiais e maquinaria que estaban intervidos xudicialmente.

Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente a sentenza e lembran que se atopan á espera da resolución do concurso de acredores, “que todo apunta que será declarado culpábel”.

Dase a circunstancia de que nesta empresa, na que a CIG conta con gran número de afiliados/as, traballou e exerceu como delegado o actual secretario comarcal da federación de Industria en Ourense, Indalecio Gómez López.