O secretario comarcal da CIG-Ourense e un empregado de Aspanas irán a un xuízo de faltas acusados de desobediencia á autoridade

Os feitos denunciados pola Policía española terían sucedido durante a ocupación simbólica das instalacións da empresa nas termas de Outariz

Vigo -

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, e un traballador de Aspanas Termal terán que comparecer este luns nun xuízo de faltas tras seren acusados pola Policía española de desobediencia á autoridade. Os feitos denunciados terían sucedido durante a ocupación simbólica das instalacións da empresa nas termas de Outariz.

A comparecencia do responsábel comarcal da CIG-Ourense e do traballador de Aspanas está fixada no Xulgado de Instrución número 1 da cidade este luns 22 ás 10.30 horas e baséase na na denuncia presentada por un axente da Policía española tras a ocupación simbólica das instalacións da empresa nas termas de Outariz o pasado 22 de abril para reclamar o pago dos salarios pendentes.

Dende a CIG lembran que tras o sucedido ese día, e debido á actuación “desmedida e desafortunada” do citado policía, “formulamos unha queixa ante a Subdelegación do Goberno e solicitamos que se abra o correspondente expediente informativo e, no seu caso, se interpoña unha sanción”.