O persoal da sanidade viguesa chama á cidadanía a rexeitar na rúa as privatizacións do PP que ameazan o sistema público

Convocan unha manifestación este xoves día 11 e paros de catro horas durante tres xornadas

Vigo -

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo fai un chamamento á cidadanía e ás organizacións políticas e sociais da comarca para que participen na manifestación convocada o vindeiro xoves día 11 de decembro co obxectivo de rexeitar as privatizacións do PP e reclamar un hospital 100% público. Os representantes sindicais mantiveron hoxe unha xuntanza con distintos colectivos da cidade para trasladarlles o motivo da convocatoria e reclamarlles o seu apoio.

Ao remate da xuntanza coas organizacións que apoian a marcha (SOS Sanidade Pública, Rede de Mulleres, BNG, Marea de Vigo, EU, Anova, Favec e as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de Cangas, Moaña e Val Miñor), os responsábeis da Xunta de Persoal ofreceron unha rolda de prensa para animar á cidadanía a participar na manifestación convocada na cidade para o vindeiro xoves día 11 baixo o lema 'Hospital de Vigo 100 x 100 público. Privatización=Corrupción'.

O presidente da Xunta de Persoal, Manuel G. Moreira, da CIG, explicou que é moi importante que o conxunto da cidadanía entenda que cos plan privatizadores do PP, que contemplan a eliminación de numerosos postos de traballo no conxunto da área sanitaria viguesa, “o pacientes e usuarios/as da sanidade pública imos ter unha asistencia moito peor”. Diante disto, aposta por defender na rúa o sistema público “porque moitas persoas xa se están a decatar que deixou de ser universal e que o repago lles impide o acceso a moitos medicamentos”.

Ademais da manifestación do xoves 11, que partirá do Hospital Xeral ás 20.00 horas, o persoal sanitaria ten programadas outras mobilizacións. Entre elas, unha marcha como a celebrada hoxe para este venres ás 11.00 horas tamén dende o Xeral, ademais de ter convocados paros de catro horas para os vindeiros días 9, 10 e 11 en horario de 11.30 a 13.30 e de 18.30 a 20.30 horas.