CIG-Saúde pide a remisión ao Consello Consultivo dos texto dos decretos das Axencias de Coñecemento en Saúde e Tecidos

Foi un compromiso adquirido pola consellaría a finais de xaneiro que aínda non se materializou

Compostela -

A CIG-Saúde vén de remitir un escrito a Sanidade para exixir que se trasladen ao Consello Consultivo os textos dos decretos da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde e a Axencia de Tecidos e Órganos. Lembra que así o anunciara a consellaría ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial presidida polo Xerente do SERGAS que tivo lugar a finais do pasado mes de xaneiro  e denuncia que porén, a día de hoxe, non se ten coñecemento algún sobre a tramitación destes decretos.

Con data 4 de maio de 2015, a CIG-Saúde dirixiuse ao Consello Consultivo de Galiza para que, ao abeiro do disposto no artigo 17 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e do Bo Goberno, este organismo dese traslado dos informes do Consello Consultivo da Galiza sobre os devanditos decretos.

En resposta a esta solicitude “con data 8 de maio de 2015 o Consello Consultivo informounos de que os devanditos decretos non tiveron entrada neste organismo consultivo”, explica a secretaria nacional María Xosé Abuín.

Ante isto, a CIG-Saúde solicita que se informe das razóns polas que a día de hoxe os devanditos decretos non foron sometidos ao ditame do Consello Consultivo de Galiza. A este respecto sinala que as funcións que a Lei asigna ao Consello Consultivo xiran, en esencia, arredor das materias que afectan ao dereito público, de xeito que a súa función ditaminadora sobre pro postas de resolucións o u proxectos de textos normativos xa elaborados se axusten ao ordenamento xurídico.

Subliña ademais que o Consello Consultivo está composto por xuristas de recoñecida competencia, cunha experiencia e desempeño efectivo de máis de 10 anos en dereito público. O ditame deste organismo foi enriquecedor nos decretos de integración do persoal laboral das fundacións no réxime estatutario, e no decreto de Xestión Clínica. "Agardamos que esta consellaría envíe os textos dos decretos ao ditame do Consello Consultivo de Galiza", conclúe María Xosé Abuín.