Delegados e delegadas da CIG demandan nas rúas de Compostela “Salarios dignos contra a carestía da vida”

Os preto de 2.000 traballadores/as corearon consignas como “Este IPC, para Rajoy e ZP”

Compostela -

Baixo o lema “Salarios dignos contra a carestía da vida” percorreron as rúas de Compostela preto de 2.000 delegados e delegadas da CIG desde a Alameda até a Praza de Praterías, que se quedou pequena para acoller a todas e todos os asistentes. Unha mobilización convocada para facer un chamamento á clase traballadora galega a loitar, nos convenios colectivos, contra a precariedade e por melloras salariais, superando así o tope de incremento para este ano, fixado no 2%.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, encargado de pechar o acto, denunciou a responsabilidade dos sindicatos estatais, CCOO e UGT, por asinar nos últimos sete anos coa patronal os chamados Acordos Interconfederais de Negociación Colectiva. Uns acordos de contención que estabelecen uns incrementos salariais en función do IPC previsto polo goberno, fixado ano tras ano no 2%, e que están a provocar a actual situación de perda de capacidade adquisitiva da clase traballadora dificultando, cada vez máis, que as familias poidan chegar a fin de mes.


Cláusulas de revisión salarial

Seixo tamén desmontou o argumento esgrimido polos sindicatos estatais respecto da existencia de mecanismos correctores, as cláusulas de revisión salarial, que supostamente permitirían recuperar, a final de ano, a perda de poder adquisitivo provocada por un incremento do IPC superior ao previsto inicialmente.

Así subliñou que, por unha banda “hai moitos convenios que non teñen cláusulas de revisión, hai outros nos que a precariedade chega até o 70 ou 80%, co que moitos traballadores e traballadoras non chegan a final de ano contratados na mesma empresa, polo tanto de aplicarse esas cláusulas eles non se beneficiarían, pero aínda que chegaran, que traballador cun contrato en precario reivindica os atrasos do convenio?” e, pola outra, que, “mesmo de telo, os propios traballadores fixos teñen moitas dificultades para reclamar a aplicación destas cláusulas”.


Control da inflación

O secretario xeral da CIG denunciou ademais que “o que se está a facer é sacar recursos dos traballadores/as para incrementar os beneficios da patronal” sob pretexto de controlar a inflación. Por iso lembrou que xa hai informes da UE que desmenten esta versión oficial concluíndo que non son os incrementos salariais os que provocan a inflación. “O que si provoca inflación é a falta de control sobre os prezos de bens e servizos, a falta de control sobre os beneficios empresariais, a falta de control sobre un sistema impositivo inxusto baseado fundamentalmente nos impostos indirectos que gravan os prezos dos produtos básicos. Iso si que provoca un incremento da inflación”, asegurou.

Por iso anunciou que fronte a vía de subvencionar ás empresas “contra o que xa nos temos manifestado”, a CIG ten acordado rachar coa liña oficial de contención salarial, tanto nos convenios de empresa como nos convenios de sector. Algo que xa se viu facendo nos últimos anos naqueles convenios nos que é maioritaria, e salientou os casos do Metal e da Construción de Pontevedra, “convenios moi significativos nos que se deron loitas de moitos días e nos que se conseguiu non só incrementar os salarios de forma significativa, senón tamén reducir xornada e introducir medidas efectivas para facer fixos de empresa a moitas e moitos traballadores temporais”.


Cara a converter á CIG na primeira central sindical en Galiza

E por iso tamén fixo especial fincapé na necesidade de que se continúe a mudar a correlación de forzas, de cara a converter á CIG na primeira central sindical en Galiza para condicionar a dinámica sindical porque “alí onde está a CIG favorécese a participación dos traballadores e traballadoras, que son os verdadeiros protagonistas, os que teñen que dicir que é o que se reivindica, que é o que se asina e o que non. Así o éxito está garantido, cando menos na maioría dos casos”.


Marco Galego de Negociación

En todo caso, unha das máximas da CIG na que o propio secretario xeral fixo fincapé foi na necesidade de contar cun Marco Galego de Negociación, subliñando que “é fundamental facer á clase traballadora galega partícipe das súas negociacións, temos que conseguir que toda a negociación colectiva se dea no noso país. Os compañeiros de Telemárketing saben ben o difícil que é defender unhas condicións minimamente dignas nos convenios estatais, absolutamente manipulados polas centrais sindicais estatais, nos que estamos permanentemente condenados a pactos por detrás, á venda dos nosos intereses por detrás e iso só o podemos mellorar nos nosos convenios se conseguimos rachar as dinámicas estatais e que todos os convenios colectivos se negocien en Galiza”.

Antes de finalizar, Suso Seixo lembrou algunhas das loitas que están a protagonizar en distintos puntos de Galiza traballadores e traballadoras galegos como os afectados polo peche de Meirama, os de Telemárketing ou os de Serrabal e Ferroatlántica, entre outros. Cómpre salientar ademais a presenza dos deputados nacionalistas Bieto Lobeira, Carlos Aymerich e Fernando Blanco, na marcha.

A manifestación rematou co himno galego e coas consignas que xa foran coreadas ao longo do percorrido da manifestación: “Este IPC para Rajoy e ZP”, “Salarios dignos, na nosa terra” ou “Queremos traballar, non esmolar”, aínda que o máis repetido foi, sen dúbida o “Coa CIG na rúa, a loita continúa”.