A CIG-Saúde impugna o Decreto de creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e os seus Estatutos

María Xosé Abuín considera moi grave que siga a quedar fóra un dos alicerces máis importantes en coñecemento en saúde: o persoal investigador

Compostela -

A CIG-Saúde vén de presentar perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza un recurso impugnando o Decreto de Creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e os seus Estatutos. Considera que o seu articulado, no referido a designacións de responsábeis da áreas desta Axencia incumpre a normativa vixente no SERGAS.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que “durante todo o proceso de tramitación deste decreto, na Mesa Sectorial demandamos que os cargos directivos da Axencia foran persoal do SERGAS e se seleccionasen segundo o recollido no Decreto 206/2005 para xefaturas de servizo”.

A CIG-Saúde denunciou, desde que se deu a coñecer o primeiro borrador do Decreto desta Axencia, a ilegalidade do sistema de selección de persoal directivo, por permitiren que persoas alleas ao Sergas, e sen ningún requisito previo de titulación –calquera universitario de grao-, puideran acceder a unha xefatura de servizo mediante contrato de alta dirección. Fronte a isto, a CIG-Saúde demandaba que se respectase a lexislación vixente no Sergas e se recoñecese ademais o valor humano e en coñecemento que hai no Servizo Galego de Saúde.

A modo de exemplo, Abuín explica que, de aplicarse esta normativa na designación de xefes de servizo no SERGAS, daría como resultado que un persoal non sanitario, con titulación de  grao, puidera acceder a unha xefatura clínica sen ter coñecemento algún en saúde e non como agora, que para acceder a esas xefaturas ten que ser persoal facultativo en caso de que sexan sanitarias, ou non se non o son.

A argumentación esgrimida polos/as responsábeis da consellaría de Sanidade na propia Mesa Sectorial e diante de todas as organizacións sindicais para xustificar ese sistema de selección foi, segundo sinala Abuín, que “o decreto de creación da Axencia permite nomear persoal alleo ao SERGAS, e que non se corresponda cos requisitos actualmente exixidos, porque no Servizo Galego de Saúde non hai coñecemento suficiente, por iso hai buscalo fora”.

A semana pasada, na xuntanza mantida co novo conselleiro, a CIG demandou un cambio no decreto da Axencia en todo o articulado referido a nomeamentos de responsábeis “como un xesto dirixido ao persoal do Sergas para visualizar que no Servizo Galego de Saúde sobra coñecemento”, di a secretaria nacional da CIG-Saúde. A falta deste xesto foi o que levou á CIG-Saúde a presentar este contencioso.

A secretaria nacional considera que sendo grave todo isto, “máis grave é que na Axencia siga a quedar fóra un dos alicerces máis importantes en coñecemento en saúde, como é o persoal investigador”.