25 de Novembro: a CIG convoca concentracións “pola erradicación da cultura da violencia machista”

As protestas realizaranse o martes pola mañá en todas as cidades, agás en Vigo, onde é o luns 24 de novembro

A Coruña -

A Secretaría da Muller da CIG ten convocada co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, unha xornada nacional de loita con concentracións nas sete cidades. As mobilizacións realizaranse o propio martes 25, agás no caso de Vigo que está convocada para hoxe luns 24, ás 19 horas no Marco, coincidindo co peche do curso de Empoderamento.

(Galería de imaxes do acto de Vigo)

Horarios e lugares das concentracións:

- A Coruña: ás 12 horas diante da Confederación de Empresarios/as, en Monelos.

- Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza.

- Compostela: ás 12 horas diante do Gadis da Rúa Nova de Abaixo (ao carón da praza de Vigo), en resposta ao acoso laboral contra unha traballadora logo de exercer o seu dereito á reducir á súa xornada de traballo por garda legal dun fillo con diversidade funcional.

- Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8 de Marzo.

- Ourense: ás 12 horas diante do local sindical.

- Lugo: ás 11:30 horas diante do edificio administrativo da Xunta, na Ronda da Muralla.

- Vigo: ás 19 horas no Marco o día 24 de novembro, coincidindo co peche do curso de Empoderamento.

Este ano, a campaña da CIG con motivo do 25 de novembro desenvólvese baixo o lema “Erradiquemos a cultura da violencia machista” e ten por obxectivo visibilizar publicamente este feminicidio, identificando comportamentos, actitudes e ideas discriminatorias, que forman parte da cultura da violencia contra as mulleres, entendendo que “para erradicar a violencia machista é preciso detectar o machismo, crear conciencia e mudar condutas”, en palabras da Secretaria da Muller da CIG, Margarida Corral.

A pretensión da central sindical é que cada quen, mulleres e homes, fagan unha auto avaliación, identificando actitudes habituais que agochan un claro ou sutil machismo, “xeitos non evidentes de reproducir roles sexistas”, tendo presente que o machismo non é só a agresión física a unha muller. “A violencia non só implica golpes, tamén inclúe as ameazas, a arrogancia, as descualificacións, a discriminación, o abuso verbal, o abuso emocional, o acoso...”, afirma.

Ademais, con esta campaña quérese lembrar as 7 mulleres galegas asasinadas a mans das súas parellas e exparellas. “Na súa honra, durante todo o mes de novembro nos locais sindicais da CIG das 7 cabeceiras de comarca temos colocado 7 siluetas dun metro sesenta de altura, identificadas co seu nome e o nome de quen as asasinou, en lembranza e homenaxe ás 7 vítimas do machismo”, explica Corral.

Por iso, nas concentracións tamén se portarán as 7 siluetas das 7 galegas mortas por mor da violencia machista.

Chamada a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista

Así mesmo, a Secretaría da Muller da CIG chama a participar tamén nas accións/mobilizacións convocadas polo movemento feminista na Galiza para este 25 de novembro e que terán lugar en:

- Vigo: martes 25, ás 20h manifestación dende a Farola de Urzaiz.

- Ourense: martes 25, ás 20.30h na Praza do Ferro.

- Ferrolterra: martes 25, ás 20h na Praza da Escola de Fene.

- Compostela: martes 25, ás 20h na Praza 8 de Marzo.

- Pontevedra: martes 25, ás 20h na Praza 8 de Marzo.

- A Coruña: martes 25, ás 19 h no Obelisco.

Nova sobre a presentación da campaña da CIG para o 25-N