A CIG-Santa Bárbara acorda presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza que confirma o ERE

A asemblea de afiliados/as da CIG na Fábrica de Armas tomou esta decisión por entender que existen graves contradicións

A Coruña -

O xoves tivo lugar unha Asemblea de afiliados/as da CIG-Santa Bárbara para analizar a Sentencia da Audiencia Nacional relacionada co ERE que supuxo o despedimento de todo o cadro de persoal e o peche da Fábrica de Armas da Coruña. Na mesma, acordouse por unanimidade presentar recuso de casación ante o Tribunal Supremo contra a resolución da Audiencia que desestimou as demandas presentadas e confirmou o despedimento colectivo impugnado.  

Esta sentenza, explica Xabier Rioboo, emitiuse logo de tomar en consideración das alegacións e probas de UGT e CCOO, tal como ordenou o Tribunal Supremo o pasado 28.01.2015, que anulou o primeiro fallo emitido pola Audiencia sobre o ERE, con data 08.07.2013.

A este respecto, a resolución volve recoñecer que habendo motivos (que recollía a demanda presentada pola CIG) para declarar nulo o ERE, estes non se teñen en conta debido a que a parte social non solicitou determinada documentación, aínda que empresa está obrigada por Lei a facilitala, polo que se entende que a representación social dispoñía de información suficiente. E iso, “a pesar de recoñecer que era fundamental para o desenvolvemento do período de consultas”.

Porén, apunta Rioboo, contrasta este argumento co feito de que a información económica desglosada por centros -que si se solicitou e tampouco foi facilitada pola empresa- tampouco é considerado significativo. Aínda cando na sentenza si se critica duramente esta actitude da empresa mesmo cualificándoa de absurda.

“Volve destacar o feito de que podendo ter denunciado (UGT, CCOO, CSIF ou o Comité Intercentros) en tempo e forma, non o fixeron (como si fixo a representación sindical noutros casos como Coca-Cola, Telemadrid, etc), a pesar de rematar, tamén, o período de consultas sen acordo”, censura. Ademais di que a súa presenza no xuízo debeuse ao chamamento efectuado na demanda de CGT, pero non foi autónoma, porque a súa acción propia podería incluso ter caducado.

"Non existe a voluntariedade nun ERE"

Na resolución indícase que ao ERE se adscribiu un 77% do persoal voluntariamente. “Aquí están incluídos 103 traballadores e traballadoras da Fábrica da Coruña”.

Neste senso, lembra que a formulación por parte de General Dynamics, desde o inicio do procedemento de despedimento colectivo, era o peche da FAC e o despido dos seus 172 traballadores e traballadoras.

“A proba diso é o listado definitivo de traballadores/as afectados/as, comunicado ao Comité Intercentros e á Autoridade Laboral (09.05.2013). No caso da Fábrica da Coruña figuramos todo o cadro de persoal (excepto os relevistas)”, subliña.

Polo que, engade Rioboo, “falar de voluntariedade na Fábrica da Coruña é absurdo. A voluntariedade nos ERE non existe. Un Expediente de Regulación é unha decisión unilateral da empresa e solicítao porque entende que, en base a unha causa económica, técnica, organizativa ou produtiva, necesita reducir o seu cadro de persoal. Do traballo ninguén se vai porque quere. Se así fora non tería dereito á indemnización”, conclúe.

Por todo isto é que se acordou na asemblea presentar o recurso de casación, ao  entender que existen graves contradicións, ao non ter facilitado a empresa determinada documentación, aínda recoñecendo que era fundamental para o desenvolvemento do período de consultas.