A Xunta aplica outro recorte na asistencia sanitaria ao limitar a 12 horas a operatividade dos helicópteros do 061

CIG-Saúde denuncia que o Goberno do PP confunde “a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos”

A Coruña -

A CIG-Saúde alerta que, por primeira vez na historia dos helicópteros sanitarios (encargados de actuar en situacións de emerxencias sanitarias) non estarán activos dende a saída do sol até o ocaso, senón que por mor do novo contrato, pasarán a ter unha operatividade de 12 horas, “o que supón unha perda de operatividade para situacións de emerxencias de 394 horas ao ano”. 

A CIG-Saúde lembra que dende o pasado 1 de xullo os helicópteros sanitarios – que até entón estaban xestionados polo 112- pertencen á Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061, que acaba de remitir un comunicado ao persoal informando dos novos horarios destes aparatos. A partir de agora, terán recortada as súa operatividade naqueles días nos que o tempo entre a saída do sol e o ocaso é superior a 12 horas.  

Dende o 19 de marzo até o 26 de setembro os días duran máis de 12 horas, polo tanto, dende esa data, parte do día non estará cuberto para posíbeis emerxencias en lugares lafastados dos recursos medicalizados terrestres.

Se no ano 2014 a Consellaría xa recortaba este servizo repartindo a operatividade entre o helicóptero en Santiago e o que ten base en Ourense (unha aeronave comezaba a funcionar á saída do sol e estaba operativa 12 horas, mentres que a outra estaba operativa 12 horas antes do solpor), “neste 2015 úneselle outro novo recorte: nunca estará operativo o helicóptero antes das 7:30 e despois das 21:30 horas”.

Como exemplo do que este cambio implica, a CIG-Saúde explica que no caso dun accidente ocorrido na Costa da Morte ás 07:15 horas do mes de xuño non se disporá de ningún helicóptero operativo para enviar socorro, a pesar de ser xa de día. De igual maneira, un accidente de trafico saíndo das praias en Muros ás 20:00 horas ten o helicóptero mais próximo en Ourense.

No mesmo senso, unha emerxencia ocorrida no Barco de Valdeorras ás 08:00 horas ten o helicóptero sanitario a uns 40 minutos de voo, mentres que até agora estaba a 15 minutos. “Agora esquecemos os ‘20 minutos de ouro’”, denuncian, en referencia ao tempo recomendado como máximo para a atención ás emerxencias nas zonas rurais.

“A Xunta anuncia escandalosamente o novo edificio de xestión das emerxencias na Estrada, cun altísimo custe económico, como un gran logro, cando se recorta na atención a esas emerxencias”, critican

A CIG-Saúde considera este novo contrato un recorte na asistencia sanitaria á cidadanía, encadrado dentro da política do Goberno Galego do PP “que confunde a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos”.