O INSS cambia o criterio para recoñecer a incapacidade permanente total para os traballadores con silicose de 1º grao

A CIG seguirá a reclamar un cambio normativo que protexa as persoas expostas a pó silicótico

Vigo -

O consello xeral do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), reunido no día de hoxe, aprobou proceder a un cambio de criterio sobre o o tratamento asistencial aos traballadores/as afectados/as de silicose de 1º grao. Deste xeito, recoñecerase a incapacidade permanente total para quen presente esta doenza e na súa empresa non exista un posto de traballo alternativo libre de pó. A proposta de modificación da actual normativa foi presentada pola CIG-Construción hai máis dun ano na reunión do grupo de traballo creado ao efecto.

Dende a federación de Construción da CIG lembran que até o de agora o INSS viña negando este recoñecemento, polo que os afectados/as se vían obrigados/as a longos procesos xudiciais con resolucións contraditorias.

A proposta de modificación da actual normativa foi presentada pola CIG hai máis dun ano na reunión do grupo de traballo creado ao efecto, sendo aprobada por unanimidade, para propoñer a súa ratificación polo consello xeral do INSS .

“Se ben a resolución non recolle todas as nosas pretensións, xa que instabamos a un cambio normativo e non só de criterio, significa un importante paso na conquista de dereitos para uns traballadores/as afectados/as por unha grave e irreversíbel doenza que non lles daba lugar a ningún tipo de protección social ante a obrigada perda do emprego”, explican dende a central.

Este recoñecemento é unha vella reivindicación sindical que, a instancias da CIG -e acompañada de mobilizacións dos traballadores/as- foi tratada en varias ocasións no Parlamento español sen que até o día de hoxe se visen resultados positivos.

A pesares do avance que significa a nova postura do INSS, a CIG seguirá a insistir na necesidade dun cambio normativo que clarifique e mellore a situación dos traballadores/as expostos/as a pó silicótico. No caso de Galiza trátase, fundamentalmente, daquelas persoas que traballan no granito e na lousa. A central leva anos loitando para e mellorar as condicións laborais dos empregados/as destes sectores.

Outros logros da CIG

Neste senso, salientan outros importantes logros: despois de longos procesos xudiciais a central foi quen de conseguir que en máis de 60 empresas do sector transformador do noso país se teñan recoñecidos coeficientes redutores da idade de xubilación similares aos do sector extractivo. Isto é, a posibilidade de xubilarse antes de cumprir a idade establecida na lexislación debido ás condicións nocivas do posto de traballo.

“Dase a paradoxa que mentres outros sindicatos asinan a prolongación da idade de xubilación, a nosa central loita para que se rebaixe, conseguindo logralo en determinados sectores como o da pedra”, sinalan.

Ademais, lembran que baseándose na abundante xurisprudencia tamén teñen solicitado ante o secretario de Estado da Seguridade Social que o INSS recoñeza directamente este dereito a reducir a idade de xubilación “sen obrigarnos a ter que xudicializar unha cuestión que vimos gañando dende hai máis de 10 anos nos tribunais e que está a dar lugar a situacións inxustas a discriminatorias”.

Finalmente, indican que “para nós estas melloras teñen un dobre valor xa que se consiguen nun momento de recorte xeneralizado de prestacións sociais”.