CIG-Saúde denuncia nos xulgados á consellaría de Sanidade por presunta prevaricación e malversación de caudais públicos

Os datos nos que se basea figuran no informe do Consello de Contas aprobado en xuño deste ano

Compostela -

A Executiva de CIG-Saúde compareceu este venres, en rolda de prensa, para dar conta da denuncia presentada no xulgado de Instrución de Compostela contra a consellaría de Sanidade por presunta malversación de caudais públicos ou prevaricación. CIG-Saúde entende que Sanidade está a beneficiar a determinados/as empregados/as públicos/as co pagamento de retribucións superiores ás propias da súa categoría profesional, que para iso incumpriuse a legalidade vixente e que, mentres se gastan os cartos de forma irregular, falta persoal para atender as necesidades asistenciais na sanidade pública galega.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, deu conta desta denuncia salientando que os datos que a avalan veñen recollidos no informe de fiscalizacións da FEGAS do Consello de Contas, aprobado en xuño deste ano. Segundo este organismo tres efectivos do Grupo C2 –auxiliares administrativos-, dous deles xefes de grupo e un condutor de instalacións, e os outros dous do Grupo A1 estiveron cobrando un complemento por programas especiais. “Os importes anuais (aboados mensualmente) son inferiores a 1.500 € para os perceptores do grupo A1, achegándose aos 3.000€ no caso do condutor de instalacións e situándose en 15.892 €anuais para os dous perceptores xefes de grupo”.

O Consello de Contas sinala ademais que no caso dos xefes de grupo, as súas retribucións anuais situáronse “na zona alta das percibidas polos grupos A1, permitindo unha equiparación retributiva co posto de xefatura de servizo” e que  “estes efectivos desempeñan as funcións de responsábeis das unidades de Xestión e Apoio Tecnolóxico e Desenvolvemento e Innovación, polo que os importes percibidos por este concepto veñen retribuír o desempeño destes postos que, doutra forma, non poderían percibir por non corresponder coa súa categoría profesional”.

En todo caso,  a denuncia non é nova. Tal e como sinalou Abuín, a CIG-Saúde xa presentou un escrito perante a consellaría de Sanidade -e con posterioridade e referido á mesma cuestión a CIG-Administración- perante a Dirección Xeral de Función Pública, denunciando que no directorio do Persoal do Sergas aparecía unha persoa auxiliar administrativo que figuraba como Xefe de Servizos da Unidade de Xestión de Tecnoloxía, Desenvolvemento e Innovación.

“A resposta da administración foi negar a evidencia”, lembrou Abuín quen denunciou que xunto ás citadas irregularidades “non aparece ningunha das retribucións que perciben na Orde de Confección de Nóminas, nin consta informe favorábel da Dirección Xeral de Función Pública e de Orzamentos, tal e como está previsto no artigo 25 na Lei de Orzamentos de Galiza”.

Para a CIG-Saúde é grave que a consellaría de Sanidade non fixera caso algún ás denuncias que fixo a CIG e moito máis aínda que non adoptara medida algunha malia coñecer o contido do informe do Consello de Contas desde o 15 de xuño deste ano.

“Unha fraude”

A CIG-Saúde entende que isto é unha fraude e que se incumpren tanto a Lei de Función Pública Galega como a Lei 55/2003 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde, porque nesta normativa “recóllese expresamente que postos son xefaturas do grupo A1 ás que non se pode acceder como auxiliar administrativo”.

Abuín entende ademais que estas prazas terían que ter sido convocadas por procedemento público. Por iso conclúe que “se están a vulnerar os principios de igualdade, mérito e capacidade e, sobre todo, estase cometendo unha fraude porque se permite que se estean ocupando xefaturas de servizo a auxiliares administrativos de postos que terían que estar no grupo A1”.

Orde de confección de nóminas paralela

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou que nunha recente xuntanza co conselleiro de Facenda, este chamara a atención sobre o incremento de gastos de persoal no SERGAS en 20 millóns de euros nos últimos anos.

Ante isto, Abuín sinalou que se os gastos de persoal do SERGAS se incrementaron en 20 millóns a pesar de terse amortizado máis de 3.000 prazas, do peche de camas no verán para non cubrir as ausencias de persoal, temos a maior taxa de precariedade laboral; contratos por horas, ausencias que non se cobren, peches de axendas en Primaria para non cubrir axendas de médicos e enfermeiras cando se van de vacacións, recortes salariais e demais “seguramente se publicasen esa orde de confección de nóminas paralela ao mellor atopabamos estes 20 millóns de € que se deberían destinar a gastos de persoal, pero para cubrir realmente as demandas asistencias na Sanidade Pública galega.”