O peche de camas e a redución de persoal provocan un novo colapso nas Urxencias sanitarias de Vigo

A CIG-Saúde denuncia que os doentes agardan nos corredores e reclama o reforzo de todos os servizos

Vigo -

A política de recortes e privatizacións en materia sanitaria que está a aplicar a Consellería de Sanidade está a provocar un novo colapso no servizo de Urxencias hospitalarias da Área de Vigo. Dende a CIG-Saúde denuncian que os doentes agardan nos corredores mentres permanecen pechadas 25 camas e o persoal sofreu unha redución de máis do 50%.

Dende a federación de Saúde da central nacionalista explican o colapso dos servicios de Urxencias, con preto de 60 persoas agardando por atención médica nos boxes e nos corredores, afecta tanto tanto ao hospital Xeral como ao do Meixoeiro, e denuncian que coincide co “bloqueo” do 5º andar do Xeral, “onde permanecen pechadas 25 camas”.

Ademais, sinalan a baixa ocupación que se rexistra no centro médico nestas datas, con menos do 50% do persoal en activo,”algo que parece ter relación coa baixada de actividade cirúrxica programada nestes días, pero tamén coa política da Xerencia de non substituír ao persoal, utilizando o dos andares pechados para cubrir ausencias noutros servizos”.

Critican que haxa preto de 60 doentes agardando atención médica nos boxes e nos corredores do hospital Xeral e que “a Xerencia non pense en reforzar os servizos que o precisan, especialmente os de Urxencias, que xa dispoñen de escasos recursos humanos en todas as categorías, nin en abrir os recursos pechados, o que aceleraría os ingresos e melloraría a atención”.