A Xunta outorga máis do 50% do concurso de ambulancias a un fondo de capital risco dun exalcalde e exdeputado provincial do PP

O BNG demandará no Parlamento a paralización do concurso e que se analice se a oferta económica garante un servizo de calidade do transporte sanitario urxente en Galiza

Compostela -

O representante da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, e a deputada do BNG, Montse Pardo, comparecían este venres en rolda de prensa para denunciar as irregularidades no proceso de adxudicación do Servizo de Transporte Sanitario Terrestre Urxente. Un concurso que está xa en fase de adxudicación e que irá a parar, en máis dun 50%, a Ambuibérica, empresa participada maioritariamente por un fondo capital-risco que ten á fronte a un exalcalde e exdeputado provincial do PP en Valladolid.

Segundo explicaron, a mediados do ano 2014 a Xunta deu a coñecer o borrador para o concurso das ambulancias do 061, que contempla 11 ambulancias de soporte vital avanzado, coñecidas como medicalizadas; 101 ambulancias de soporte vital básico, as clásicas do 061, e outras 2 máis de apoio.

Este borrador estabelecía unha puntuación do 50% para a oferta económica e outro 50% para a oferta técnica e a concesión do servizo por un período de 4 anos, prorrogábel a 6, cun custo máximo de 121 millóns de euros, unha cantidade equivalente a 30,25 millóns de euros anuais.

Tal e como lembrou Xabier Aboi, nese momento a CIG xa advertiu que era “unha barbaridade dar a mesma puntuación á oferta económica que ás ofertas técnicas e asistenciais” entendendo que priorizar o económico sobre o asistencial supón “tratar a saúde como un negocio”.

O concurso foi ademais paralizado durante meses e posteriormente modificado. Así o explicou a deputada nacionalista, Montse Prado, quen sinalou que a adxudicación do anterior estaba prevista para o 15 de abril de 2014 e denunciou que “estamos a finais de xuño e está sen rematar”.

Prado explicou ademais que este concurso ten xerado malestar entre as pequenas empresas galegas do sector, polas condicións que lles solicitaban. “Téñeno cualificado como moi agresivo xa que mentres que se mantén a contía do anterior, porén exixen toda unha serie de melloras técnicas canto a instrumental médico, localización de datos…”

A isto engadiu que esas empresas denunciaban ademais que era moi axustado e que lles estaba resultando moi difícil poder ter os traballadores/as cos salarios que estabelece o convenio, polo que volver convocar o concurso coas mesmas contías económicas ía facer moi difícil afrontar os requirimentos que exixía.

Empresas beneficiadas

E así ocorreu porque, segundo explicou Aboi, coa apertura dos sobres do concurso descubriuse que moitas das empresas que tiveran máis puntuación na oferta técnica perderan na económica, na que se chegaron a  presentar propostas con baixas temerarias de case o 7% nalgunha comarca como Compostela. “Isto quere dicir que de 121 millóns que tiña de custo o concerto, as empresas rebaixaron máis de 3 millóns e medio para quedar co concurso”, sinalou.

A consecuencia disto foi que “a maior parte dos empresarios galegos desapareceron ou tiveron que aliarse baixo a ameaza de desaparecer do sector alentados desde a propia patronal polo Presidente da FederaciÓn Galega de Ambulancias, Enrique Blanco, que é, ao mesmo tempo, o enviado da empresa AMBUIBÉRICA”, explicou o representante da FGAMT-CIG.

O resultado final é que neste momento, coas concesións dadas, AMBUIBÉRICA –que tiña unha presenza testemuñal no sector en Galiza- pasa a ter máis do 50% do concerto, contando empresas propiedade dela ou participantes en UTES, quedando para o empresariado galego do sector unicamente as provincias de Ourense e Lugo.

AMBUIBÉRICA

A respecto de AMBUIBÉRICA, Aboi denunciou que é unha sociedade participada maioritariamente por un fondo de investimentos “Proa Capital de Inversiones”, que foi fundada en 2007 e que está dirixida polo exalcalde do PP en Mayorga (Valladolid), Carlos Magdaleno Fernández, que ademais aparece en moitas máis empresas co aínda presidente da patronal galega, Enrique Blanco. “Unha empresa que está en proceso de venda a un grupo francés PAI Partners, vinculado a Banca Paribas –unha das maiores bancas francesas-, por un valor de 300 millóns de euros. Venda que á súa vez está vinculada á conquista de concesións en Catalunya e Galiza”, denunciou.

Lembrou que esta empresa vén precedida de escándalos, conflitos e rescinsións de contrato noutras partes do estado e tanto el como a deputada nacionalista lembraron o caso de Euskadi, onde o deterioro asistencial, o despedimento de técnicos substituídos por alumnado e as rebaixas temerarias nos salarios xa provocaron a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento Vasco, na que están declarando sindicatos, traballadores e outros organismos.

Unha situación semellante sinalaron en Aragón, onde se chegaron a producir denuncias de viaxes por valor de case 200.000 euros, mesmo “utilizando os datos de persoas falecidas”, asegurou Aboi. Denuncias que tiveron como consecuencia que lle retirasen a esta empresa o concerto e que agora o tema estea nos xulgados por delito penal. Exemplos similares relataron en Catalunya, onde o asunto está tamén no xulgado, en Castela A Mancha ou en Cantabria.

Consecuencias laborais das baixas temerarias nos concursos

O representante da FGAMT-CIG denunciou que o modelo ao que recorren este tipo de empresas é sempre o mesmo: primeiro rebaixan a oferta económica para facerse co concerto, despois declaran perdas para rebaixar salarios e condicións laborais, ao tempo que negocian coa administración un incremento do montante económico. Entre mentres, prodúcese un importante deterioro da calidade asistencial.

Un modelo que Prado cualificou de “dumping empresarial” e que o representante da CIG denunciou por entender que o PP o “permite”, entregando “recursos públicos a empresas de fóra de Galiza, de capital risco e cunha forte vinculación ao propio PP”, afirmou.

Ante isto, o BNG xa anunciou que demandará no Parlamento de Galiza que se paralice o concurso e que se analice polo miúdo se realmente con esta oferta económica se ofrece e garante un servizo de calidade do transporte sanitario urxente en Galiza.