Denuncian que a falta de diálogo do Sergas cos profesionais pon en risco novos servizos do recén estreado hospital vigués

A CIG-Saúde alerta sobre a problemática que afecta a Unidade de Transplante de Proxenitores Hematopoiéticos

Vigo -

A CIG-Saúde vén de denunciar diante da opinión pública que a Unidade de Transplante de Proxenitores Hematopoiéticos do novo hospital de Vigo -integrada no servizo de Hematoloxía, cuxos pacientes foron trasladados/as onte ao recén estreado centro médico- “ten o seu futuro en risco por non terse escoitado os requirimentos das e dos profesionais no deseño e construción do novo hospital”.

Dende a central sinalan que tanto as habitacións para o illamento dos pacientes como o seu contorno non cumpren as condicións mínimas “nin para as condicións de traballo das e dos profesionais nin para unha estancia confortable e nun ambiente o máis relaxado posible para as e os pacientes, nin na dotación de espazos adecuados para as e os familiares que permanecen longos períodos no hospital”.

Lembran que as e os profesionais da Unidade de Transplante comunicáronlle á dirección da EOXI de Vigo esta situación, sen obter resposta até uns días antes de producirse o traslado. “Na mesma recoñecen os problemas existentes e ofrecen unha solución provisional que consiste en inutilizar unha das seis habitacións de illamento para usala para paliar o déficit de infraestruturas no contorno da unidade, co que se perdería unha destas habitacións, quedando unicamente cinco cuartos fronte aos nove que reclamaban as e os profesionais”.

Diante disto, a CIG-Saúde demanda da dirección da EOXI que tome as medidas necesarias para que esta unidade funcione nas mellores condicións posibles e sempre tendo en conta os requirimentos das e dos profesionais. “As medidas provisionais postas en marcha para permitir o traslado ao novo hospital deben de garantir a seguridade das e dos pacientes, polo que esiximos que se tomen as decisións necesarias para dotar esta unidade das condición de traballo definitivas coa maior rapidez posible”.

A federación demanda tamén explicacións da Consellería de Sanidade pola súa responsabilidade nas condicións en que se atopa o novo hospital de Vigo, “que non cumpre coas expectativas nin da cidadanía nin das e dos profesionais”.

Finalmente, explican que a Unidade de Transplante de Proxenitores Hematopoiéticos (UTPH) encárgase de realizar todas as modalidades de TPH en idade adulta: TPH autólogo (de células do propio paciente), TPH aloxénico de doante emparentado e non emparentado, TPH de proxenitores de Sangue de Cordón Umbilical, Infusión de Linfocitos de Donante, Extracción de Proxenitores Hematopoiéticos de Medula Ósea e Sangue Periférica Autólogos ou Aloxénicos para pacientes propios e para o Rexistro de Donantes de Médula Ósea (REDMO).