A CIG rexeita o comportamento machista dun ex representante da central na Universidade de Vigo

Denuncia que esta persoa, que nunca estivo afiliada, facía un uso impropio da lista de correo para verter comentarios ofensivos e sexistas

Vigo -

A CIG vén de rexeitar publicamente -mediante un comunicado asinado pola Executiva Confederal, a Executiva da federación de Administración e a Comisión Nacional das Mulleres- o comportamento machista dun ex representante da central na Universidade de Vigo. O sindicato denuncia que esta persoa, que nunca estivo afiliada, facía un uso impropio da lista de correo para verter comentarios ofensivos e sexistas.

Dende a CIG explican que levan máis dun ano traballando internamente para impedir que se empreguen as siglas da central para espallar “manifestacións inadmisíbeis” a través da lista de correo da Universidade e de calquera outro mecanismo de comunicación, “logo de que souberamos da existencia de varias mensaxes con contido discriminatorio remitidas por Sergio Pajares”. Indican que a denuncia interna fíxose por iniciativa da Comisión Nacional das Mulleres da CIG e foi asumida pola propia Executiva Confederal e pola Executiva Nacional da CIG-Administración Pública.

A raíz destas xestións, Pajares comunicou que deixaba de representar a CIG como membro da Xunta de Persoal. “En calquera caso, compre aclarar que nunca foi afiliado da nosa central sindical”, lembran. 

Na CIG entenden que dende hai tempo se está a facer un uso impropio da lista de correo, vulnerando as indicacións dadas no manual de usuario/a, “ao enviar mensaxes persoais, e en demasiadas ocasións, ofensivas, sexistas, espallando comentarios, ligazóns a webs e manifestacións cun contido hostil e discriminatorio (fundamentalmente contra as mulleres e contra o feminismo organizado)”.

Sosteñen que esta actitude vai contra as normas de uso da lista de correo, mais dende a Universidade “non se procedeu a eliminar estes contidos, nin se lle notificou ás persoas implicadas que serían dadas de baixa no caso de seguir enviando de xeito continuado e reiterado mensaxes que non responden ao propósito da súa creación”.

Ao mesmo tempo, inciden en que a central leva dados “pasos lentos mais firmes” na loita pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dende unha perspectiva de clase e feminista. “A loita das mulleres en todos e cada un dos espazos nos que o feminismo foi activo (na esfera privada; dentro das centrais sindicais, das organizacións políticas, das asociacións; da Administración; no mundo da xudicatura; nos servizos públicos, etc) fixo posíbel acadar a igualdade formal, sendo agora preciso procurar que a igualdade que logremos sexa a igualdade real, mudando comportamentos e actitudes que supoñen un obstáculo nesta conquista. “Este compromiso non é hipócrita nin baleiro de contido, é o posicionamento da nosa central sindical, das mulleres e dos homes que formamos parte da CIG”, aclaran. 

Diante disto, apostan por poñer fin, de xeito definitivo e público, coas especulacións que só contribúen a danar a imaxe de todas as persoas que dun ou doutro xeito intercambian información entre a comunidade universitaria. “O dereito á liberdade de pensamento e expresión implica unha responsabilidade no seu exercizo, e por tanto non pode empregarse como escusa para vulnerar o respecto aos dereitos e reputación do resto das persoas”.


Medidas disciplinarias

Tamén queren deixar claro que non van permitir que se ampare ou escusen actitudes e descalificacións contra as mulleres, que minimicen ou cuestionen a importancia do movemento feminista, que vinculen á CIG con manifestacións que reproducen e defenden estereotipos dunha masculinidade violenta, arrogante e heterosexual, que pretenden enmarcar a nosa central sindical nun conflito que nada ten que ver coas relacións laborais na Universidade. “De feito, na reunión da Executiva federal da CIG-Administración Pública do 8 de abril tomouse o acordo de deixar claro no ámbito universitario que Sergio Pajares non representa s nosa central sindical, e polo tanto, que non debe figurar na próxima candidatura da CIG ás eleccións sindicais na Universidade de Vigo".

Finalmente, anuncian que adoptarán as medidas disciplinarias que consideremos oportunas contra aqueles afiliados/as que desenvolvan actividades manifestamente contrarias aos principios e obxectivos que aparecen recollidos nos artigos 13 b) e 18 dos Estatutos da CIG.