A CIG-Saúde esixe a dimisión da conselleira e do xerente da EOXI de Vigo tras paralizar o traslado ao novo hospital

A central xa denunciara que consideraba precipitado o cambio antes de facer unha avaliación de riscos

Vigo -

Diante da paralización do traslado ao novo hospital de Vigo acordada polo Sergas o venres pasado ao parecer tras detectarse a presenza de xermes, e á espera de que se confirmen as circunstancias concretas e as medidas a tomar para garantir a continuidade asistencial dos pacientes que xa están no centro, a CIG-Saúde reclama a dimisión da conselleira de Sanidade e do xerente da EOXI. A central xa denunciara que consideraba precipitado o cambio antes de facer unha avaliación de riscos.

Dende a federación de Saúde da CIG de Vigo inciden unha vez máis que o único prioritario durante o traslado é garantir a seguridade dos pacientes e dos traballadores/as e lembran que “en días anteriores xa tiñamos denunciado que considerabamos precipitado realizar este traslado antes de facer unha avaliación de riscos, e por esta razón reclamabamos a súa paralización”. Ademais, presentaron un escrito na Inspección de Traballo no que sinalaban os riscos existentes tanto para os traballadores/as como para os pacientes e usuarios/as.

Así, consideran positivo que a Xerencia da EOXI tome agora conciencia dos problemas existentes e solicítanlle que explique con absoluta transparencia o que está a pasar. “Teñen que rematar dunha vez con actitudes intolerables de falta de respecto cos profesionais nas condicións do traslado, como o feito de trasladar os contedores de médula sen a supervisión dos profesionais”, indican.

Ao mesmo tempo, dende a CIG-Saúde póñense a disposición da Xerencia da EOXI de Vigo para colaborar, coa axuda do conxunto dos profesionais, na xestión desta situación para garantir o mellor trato para os pacientes e as mellores condicións de traballo dos profesionais.

Finalmente, consideran que unha vez solucionado o problema actual e garantida a seguridade e continuidade asistencia de pacientes e usuarios/as tanto o xerente como a propia conselleira de Sanidade terían que presentar a dimisión.