Sanidade oferta a persoal público pasarse ás concesionarias privadas do novo hospital de Vigo “sen ningunha garantía laboral"

A CIG-Saúde acusa á consellaría de “traizón”por publicar este “despropósito” cando está convocada para este venres a xuntanza do grupo técnico que analizaría esta cuestión

Compostela -

A CIG-Saúde considera unha “traizón”, un “despropósito” e un “insulto” publicar este xoves no DOG unha resolución da Área de Xestión Integrada de Vigo pola que se “oferta aos empregados públicos de determinadas categorías de servizos non clínicos da dita estrutura organizativa a opción de pasaren a prestar servizos, de forma voluntaria, como persoal laboral na entidade concesionaria da explotación dos ditos servizos”. Denuncia que está convocada para mañá venres a xuntanza dun grupo técnico da mesa sectorial na que se avaliaría esta cuestión que será “unha inutilidade” e asegura que “non imos colaborar na destrución de emprego público”.

A CIG-Saúde non aforra críticas a respecto desta publicación no DOG. Por boca da súa secretaria nacional, María Xosé Abuín, cualifica a oferta de “despropósito” e asegura que no SERGAS “non teñen vergonza”.

De forma taxativa afirma que a administración o que pretende é “eliminar postos de traballo públicos, favorecer as concesionarias privadas e intentar que a Mesa Sectorial se converta nunha mesa de traballo para facilitar esta destrución de emprego”. Ante isto adianta que a CIG-Saúde “nin vai colaborar na destrución de emprego público, nin vai consentir que se precaricen as condicións laborais do seu persoal”.

Denuncia que a consellaría de Sanidade foi a administración que dixo que “se buscaría coas organizacións sindicais unha saída para que en Vigo no se perderan os 400 postos de traballo” e asegura que “é absolutamente mentira porque o que fan é -antes de xuntar sequera o grupo técnico- sacar esta orde para que a xente se vaia a traballar á empresa privada sen ningunha garantía”.

Chantaxe ao persoal contratado

Para a secretaria nacional da CIG-Saúde é especialmente grave que o persoal contratado pase a rexerse polas normas do mercado laboral e que transcorrido un tempo poida ser despedido aplicándoselle a reforma laboral, cunha indemnización mísera de 20 días por ano traballado.

Se este persoal non acepta a oferta de integración na empresa privada será cesado do seu vínculo de persoal estatutario. “A chantaxe do SERGAS é despedimento agora polo SERGAS ou en breve pola empresa privada”, denuncia Abuín.

O persoal afectado por esta oferta é o de lavandaría e lenzaría, restauración-cociña, limpeza, mantemento xeral e conservación de vías e xardíns. Ou sexa, e segundo se especifica na propia oferta, o de “determinadas categorías de servizos non clínicos”.

A CIG-Saúde xa alertara no seu día das consecuencias que tería este proceso. Unha situación que entenden que hoxe se confirma con este anuncio. Deste xeito, especifica que para o persoal interino o que se ofrece é que quede integrado no cadro de persoal da SCNHV (empresa concesionaria) con dependencia exclusiva da empresa. A normativa de aplicación sería entón a reforma laboral vixente: despido procedente con 20 días de indemnización por ano traballado, mobilidade xeográfica, modificación da xornada laboral.... “Se o interese da Administración fose o de garantir os postos de traballo deste persoal, esixiría da empresa unha cláusula de permanencia destas/es traballadoras/es, polo menos durante os anos que vai durar a explotación do servizo”.

Para o persoal fixo ofrecen unha excedencia cando menos irregular. A este respecto subliñan que “a excedencia do artigo 65 do Estatuto Marco é para prestar servizos baixo outro réxime xurídico, nun servizo creado ou participado cun mínimo do seu capital propio polo servizo de saúde. A SCNHV é unha explotación estritamente privada”. Ademais, matizan que “o que non lle din a este persoal é, que neste caso, esta excedencia ten os mesmos efectos que unha excedencia por interese particular, é dicir, non poderán retornar na súa categoría a un posto na área de Vigo, porque os servizos desaparecen da prestación pública e pasan a ser privados”.

Canto ao persoal en Comisión de servizos, a Administración quere que “crean que están a negociar coas organizacións sindicais a súa permanencia na área de Vigo de maneira indefinida, outra das súas mentiras. Este persoal en principio vai quedar na área de Vigo, e será reclasificado a outro posto de persoal de xestión e servizos”.

A este respecto Abuín asegura que se quixeran garantir a súa estabilidade o que tiñan que facer era convocar estas prazas e estabilizalas definitivamente en Vigo.

A CIG-Saúde esixe a retirada inmediata da resolución publicada hoxe no DOG e que na reunión da mesa sectorial convocada para mañá se aborde a defensa dos traballadores e traballadoras da sanidade pública “e non da empresa privada que bastante lucro vai tirar xa dos cartos públicos”.