A CIG outorga ás traballadoras e traballadores de Urbaser o Premio do “Día da Clase Obreira Galega”

Suso Seixo alerta do perigo que corren dereitos acadados ao longo da historia do movemento obreiro e aposta por avanzar cara o socialismo

Compostela -

A loita dos traballadores e traballadoras de Urbaser, que non só tiveron que enfrontarse á empresa senón tamén ao concello de Lugo, e que provocou unha folga que se prolongou durante nin máis nin menos que 58 días, foi considerada pola CIG merecente do Premio do “Día da Clase Obreira Galega”na súa IX Edición. En conta tívose a capacidade de sacrificio, a solidariedade e a unión do persoal, que lonxe de botarse atrás, diante das presións ás que foi sometido, continuou firme e unido nas súas reivindicacións.

Galería de imaxes

Así o salientou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que foi o encargado de entregarlles o galardón. “Os conflitos de Urbaser e Cleanet, son ilustrativos da capacidade de loita e de sacrificio do proletariado galego. Estamos a falar de conflitos duros, de moitos días de folga e de confronto con dous grandes poderes do Estado: a oligarquía e as forzas armadas”, dixo. Dous conflitos dos que subliñou que, precisamente por esa capacidade de loita das traballadoras  e traballadores  “estamos a saír vencedores”.

Para Seixo ambos os conflitos exemplifican a loita por dereitos esenciais da clase traballadora que “nunca están garantidos” no sistema capitalista neoliberal como “a xustiza, a igualdade e a democracia”. Dereitos que, lembrou, están a ser recortados agora e que foron conquistados ao longo da historia do movemento obreiro, “cunha enorme dose de sacrificio, de solidariedade e de organización”. Algo que entende que está a ser cuestionado de forma permanente “fomentando o individualismo, a insolidariedade e o desprestixio das organizacións sindicais e de clase en xeral”.

Entre outros denunciou os recortes dos dereitos laborais, o empeoramento das  condicións de traballo, a perda calidade de vida e o risco no que está o sistema de protección social até o de agora existente.

O secretario xeral da CIG lembrou ademais o carácter universal de dereitos como o ensino, a saúde, a vivenda, a protección por desemprego, a enerxía, a auga ou as pensións e subliñou que “moito do que coñecemos como estado de benestar, é froito da correlación de forzas entre o traballo e o capital, nun momento histórico determinado”.

Advertiu que “para nada estamos a falar dunha situación estábel” e apostou por “rachar con este sistema e loitar por formas de organización económica e social que estean ao servizo da clase traballadora, das maiorías sociais” e que, polo tanto, desde o punto de vista estrutural non reproduzan o reparto desigual da riqueza, a desigualdade e a división de clases. Un modelo de referencia que, concluíu, “para nós segue a ser o socialismo”.

Seixo rematou a súa intervención animando a traballar para que a campaña que a CIG vén de pór en marcha en defensa de “Salarios e Empregos dignos e contra a pobreza” sexa un éxito e para traballar arreo para que as mobilizacións do 10 de marzo e do Primeiro de Maio, xunto con aquelas que se desenvolvan ao longo de 2015 teñan unha importante participación.

Homenaxeados

O acto de entrega dos Premios do 8 e 10 de marzo comezou coa intervención da escritora e sindicalista Marta Dacosta, quen lembrou as orixes destas dúas datas e denunciou “os padecementos do pobo galego” tomando de Rosalía de Castro a súa presentación do libro “Follas Novas”.

Xunto a isto subliñou que “seguimos baixo a ditadura do capital, que creou esta crise económica” e que  “volve facer presentes as palabras que Daniel Castelao escribiu en 1937 no seu Sempre en Galiza”, ao que posteriormente citou.

Tras da visualización dun vídeo no que se fai un percorrido polos conflitos protagonizados pola CIG máis salientábeis do ano 2014 deu comezo o acto propiamente dito que arrincou coa lembranza dos compañeiros Xosé Lois Martín Freire, “Paiosaco”, Xurxo Cordero e Alfredo Bocija, finados o pasado ano, dos que Marta Dacosta salientou o seu compromiso co sindicalismo nacionalista desde as súas orixes.

A respecto de Xosé Lois Martín Freire, coñecido como “Paio”, sinalou que foi un home entregado dende moi novo á causa do sindicalismo galego, participando activamente no proceso de organización da clase traballadora galega. Participou na constitución do Sindicato Obreiro da Construción, formou parte destacada da CTG, e posteriormente da INTG e da CXTG, organizacións que converxerían na actual CIG. Foi ademais o primeiro Secretario Comarcal da CIG da Coruña, destacado membro da Executiva Nacional da Federación de Servizos, e no momento de falecer era membro do Consello Confederal da CIG.

Dascosta salientou tamén o papel de Xurxo Cordero, delegado da CIG en Navantia-Fene, que destacou na súa loita contra o desmantelamento do sector naval da ría de Ferrol, a mal chamada reconversión naval. Cordero formou parte da INTG e da CXTG e foi durante un corto período o responsábel do SGM. Dende 1986 foi delegado en Astano e ocupou diversos cargos dentro da Federación do Metal da CIG, da que foi responsábel de Política Industrial, e formou parte do Consello Confederal da CIG.

De Alfredo Bocija lembrou que foi traballador e membro do Comité de Intelsa (auxiliar de Telefónica), empresa na que se desenvolveu unha importante loita a comezos dos anos 80 na comarca da Coruña en defensa do mantemento dos postos de traballo. Desde o ano 1989 foi Secretario da Federación do Metal na Coruña, primeiro na INTG e tras da unificación coa CXTG, continuou ocupando este cargo na Unión Comarcal da até o ano 2010. Ademais, foi membro da Executiva Nacional da Federación do Metal e da Executiva Comarcal da CIG da Coruña, así como membro do Consello Confederal da CIG do que deixou de formar parte no último Congreso Confederal.