A CIG recoñece co Premio “8 de marzo” a loita das traballadoras de Cleanet

A secretaria confederal de Muller, Margarida Corral, advirte que en 2015 haberá que seguir mobilizándose polo emprego, contra a precariedade laboral, a desigualdade e a emigración

Compostela -

A loita das traballadoras de Cleanet en demanda dun dereito tan elemental como recibir un salario polo traballo desenvolvido e a súa resposta de clase aos abusos da patronal levou á CIG a lles outorgar, na súa IX edición, o Premio “8 de Marzo”. Así o explicou Margarida Corral, secretaria confederal de Muller, quen denunciou que foi “unha loita invisibilizada polo lugar no que se desenvolve, por tratarse dun sector tan patriarcal, antiobreiro e españolizador como é o das Forzas Armadas, mais que a fai merecedora do recoñecemento da nosa central sindical”.

Galería de imaxes

Corral subliñou que malia o conflito desenvolverse en todos os centros de traballo onde CLEANET ten a concesión, dado que o impago é xeneralizado en todo o Estado, foi en Galiza onde tivo un carácter máis intenso, “grazas á forza e a unidade das traballadoras que foron quen de soster unha folga indefinida no caso de Ferrol (que o vindeiro 8 de marzo chegará aos 113 días), ou no caso de Pontevedra, de 13 xornadas de folga repartidas entre setembro do pasado ano até o pasado mes de febreiro”.

Salientou que foi esa unidade a que posibilitou que mantivesen unha dinámica mobilizadora “a prol da súa dignidade como traballadoras”, combinando folgas con accións reivindicativas diante das instalacións militares, con sonoras pitadas coincidindo co izado da bandeira española ou de celebracións relixioso/militares, en sentadas e concentracións, xunto con diversas accións ante a autoridade laboral, recorrendo tamén a diferentes institucións públicas, a través de iniciativas presentadas por forzas políticas da oposición.

Xunto a isto, a secretaria confederal de Muller non quixo esquecer as outras loitas protagonizadas por mulleres ao longo de 2014, na defensa dos servizos públicos -convocadas polas federacións que conforman a Área Pública da CIG (CIG-Saúde, CIG-Ensino e CIG-Administración)- ou en sectores máis específicos como en ABANCA, onde as mulleres “traballando o mesmo cobran menos, teñen menos oportunidades de ascenso a postos mellor pagados e que se viron afectadas, en maior medida, polas lesivas medidas contempladas nos sucesivos EREs, en materia de xornada, que se foron aplicando na empresa”, denunciou.

A estes engadiu as presións e os continuos impagos ás traballadoras de CATERING CARANZA; os atrasos salariais en LINORSA, no Grupo Editorial La Capital, no Gran Hotel de Lugo, ou no Hotel Jorge Primeiro e a discriminacións a mulleres embarazadas ás cales se lles impide ou se lles dificulta o acceso a prestacións derivadas da súa situación de embarazo ou mesmo a un posto de traballo, como foi o caso dunha celadora que formaba parte das listas de contratación do SERGAS á que se lle denegou a sinatura dun contrato por estar embarazada de sete meses.

Non esqueceu tampouco a morea de despedimentos, regulacións de emprego, rebaixa das condicións laborais de boa parte das traballadoras galegas do sector do telemarqueting nin a aquelas que teñen que recorrer á vía xudicial para poder desfrutar dos seus dereitos relacionados coa conciliación da súa vida familiar, persoal e laboral, que son vítimas de acoso.

Como tampouco esqueceu denunciar os abusos da patronal, das mutuas, e mesmo do propio INSS, centrado en criterios economicistas á hora de denegar incapacidades e invalideces, prestacións por risco no embarazo ou na lactación, co consecuente efecto sobre a saúde e a contía e protección das prestacións das traballadoras.

Vitoria do feminismo

Con todo, e máis alá de conflitos laborais propiamente ditos, Corral quixo salientar a loita, ao longo de todo o ano 2014, “na defensa dos nosos dereitos específicos como mulleres”. A ese respecto salientou a vitoria que supuxo para o feminismo a retirada da “regresiva” reforma da Lei do Aborto e a conseguinte dimisión de Alberto Ruíz Gallardón como ministro de Xustiza.

Porén, advertiu, “aínda segue vixente a necesidade de continuar na loita pola liberdade e autodeterminación en relación á nosa sexualidade e sobre a libre decisión da nosa maternidade” e lembrou a recente proposta do Partido Popular, de esixir o consentimento paterno/materno ás mozas de 16 e 17 anos, para someterse a unha interrupción do embarazo. Un consentimento que, dixo, “non se require para realizar calquera outra operación cirúrxica ou mesmo para someterse a tratamentos agresivos” e que considerou “unha concesión ás presións da ultradereita e da xerarquía da igrexa, na contra dos dereitos sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres”.

En todo caso asegurou que tamén “esta nova afronta ímola gañar, como demostramos anteriormente, coa nosa acción mobilizadora, na morea de mobilizacións e actos públicos organizados dentro da Plataforma Galega polo dereito ao aborto,  e naqueloutras que se promovan a prol dos nosos dereitos por parte do movemento feminista galego, do que a CIG síntese e forma parte”.

7 mulleres asasinadas, vítimas da violencia machista

Margarida Corral tamén quixo lembrar ás 7 mulleres que foron asasinadas en Galiza en 2014, na honra das que a CIG expuxo, nos locais da central sindical das 7 cabeceiras de comarca, 7 siluetas identificadas co seu nome e o nome de quen as asasinou, no marco da campaña do pasado 25 de novembro. Unha campaña coa que, explicou “quixemos ir á orixe dos comportamentos machistas, visibilizando publicamente o feminicidio, mais identificando comportamentos, actitudes e ideas discriminatorias, que forman parte da cultura da violencia contra as mulleres, entendendo que para erradicar a violencia machista é preciso detectar o machismo, crear conciencia e mudar condutas”.

Traballo digno, salario xusto

A secretaria confederal de Muller rematou a súa intervención lembrando que o 2014 foi un ano de “confrontación contra este sistema capitalista, patriarcal e antigalego, que xera fame, miseria desemprego e desarraigo”. Unha loita que avanzou que continuará en 2015, “mobilizándonos polo emprego, contra a precariedade laboral e a desigualdade, contra a emigración e ante a falta de expectativas no noso país”.

E concluíu explicando que foi precisamente por esa situación de precariedade, desigualdade e falta de expectativas, polo que a secretaría da Muller escolleu como lema para este 8 de marzo “TRABALLO DIGNO. SALARIO XUSTO”. “Facémolo polas 100.000 mulleres cuxos ingresos anuais non lles dan para vivir dous meses ao ano, polas 68.000 que como moito ingresaron o Salario Mínimo Interprofesional. Polas 131.200 que están sen emprego. Polas 71.000 galegas que marcharon de Galiza desde o inicio da crise. Mais tamén por todas aquelas que aínda tendo emprego, viven unha situación de precariedade porque non cobran o seu salario, como é o caso das traballadoras que realizan a limpeza nas instalacións militares, até agora adxudicada á empresa CLEANET”, e que recibiron o premio 8 de marzo.