A CIG do Salnés reclama un servizo de transporte sanitario urxente axeitado ás necesidades reais desta área

Tan só existen dúas ambulancias para cubrir un servizo destinado a unha poboación de máis de 80.000 habitantes

A Coruña -

A Unión Local da CIG de O Salnés vén de denunciar as deficiencias no servizos do transporte sanitario urxente desta comarca. O Secretario comarcal da FGAMT-CIG en Pontevedra, Xabier Aboi, o responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, e os dous delegados da central no sector das ambulancias, Rodrigo Pazos e José Benito Charlín, presentaron esta mañá un informe comparativo no que se poñen de relevo todas as carencias existentes.

O responsábel da Unión Local do Salnés explicou que dende a creación da rede de transporte sanitario urxente do 061 no ano 98, os recursos existentes na comarca continúan sendo os mesmos, cando na área sanitaria de Pontevedra si se ten incrementado a dotación. De feito, só operan dúas ambulancias (unha con base en Cambados e outra en Vilagarcía) para os 81.000 habitantes desta comarca, mentres que para a zona sanitaria de Pontevedra (cunha poboación aproximada de 245.000 habitantes) están destinadas un total de 9 ambulancias.

Realizando unha ratio do número de vehículos por habitante, resulta que na zona de Pontevedra hai unha ambulancia por cada 27.000 habitantes, mentres que no Salnés esa ratio elévase até os 40.000 habitantes. “O Salnés, e en especial Vilagarcía, están discriminados en canto ao número de recursos do transporte sanitario urxente que lle correspondería ter para ofrecer á poboación un servizo axeitado”, lamentou Bouzas, para sinalar a continuación que, ademais da pertinente denuncia ao 061 e á Xunta, a CIG vai trasladar o seu informe aos Concellos afectados para que coñezan esta situación e se posicionen ao respecto.

Dos datos analizados, tamén se revela que na zona sanitaria do Salnés non existe ningunha ambulancia medicalizada e que cada vehículo realiza unha media de 2.900 servizos anuais.

A administración escúsase na existencia doutros servizos

Durante a comparecencia, o responsábel da Unión Local criticou ao 061 e á Xunta por escudarse na existencia doutros servizos de emerxencia, nomeadamente dos operativos de Protección Civil, para negarse a incrementar o servizo de transporte sanitario urxente na comarca. A este respecto, Bouzas valorou o labor realizado por este corpo, mais esixiu á administración galega que dote ao Salnés dos medios materiais e humanos que precisa, porque, entre outros motivos, os traballadores/as do 061 teñen unha preparación técnica e profesional moi específica e as ambulancias adscritas a este servizo deben cumprir uns requisitos hixiénico-sanitarios e de equipación, aos que non están obrigados os vehículos doutras institucións. 

No arquivo anexo podes visualizar os datos completos do informe.