Bombeiros galegos desenvolven accións contra a privatización do servizo e para chamar a participar na manifestación de Santiago

As mobilizacións, convocadas pola Mesa Intersindical, tiveron lugar por todo o país baixo o lema 'Rescátanos'

Vigo -

Os distintos corpos de Bombeiros de Galiza, tanto de xestión directa como indirecta, desenvolveron hoxe accións coordinadas por todo o país para rexeitar a privatización do servizo e chamar á cidadanía a participar na manifestación convocada en Santiago de Compostela o vindeiro 15 de maio. As protestas convocadas pola Mesa Intersindical e Bombeiros -onde participa a CIG- desenvolvéronse baixo o lema 'Rescátanos'.

As mobilizacións, que consistiron no despregamento de faixas co lema 'Rescátanos' (como se pode observar nas imaxes que acompañan esta información, que corresponden a Vigo e Verín) teñen por obxecto reclamar o apoio da cidadanía na defensa da xestión pública das emerxencias, extinción de incendios e salvamento. Este é precisamente o lema escollido para a manifestación que se celebrará en Compostela o vindeiro 15 de maio e que partirá de San Lázaro ás 11.00 horas e rematará na Praza do Obradoiro.

Dende a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galiza explicaron que coas protestas de hoxe pretenden denunciar “o que nos toca facer día a día no noso traballo, que é suplir a falta de coordinación derivada do actual modelo coa nosa iniciativa persoal” e demostrar que “só dende a coordinación e a xestión eficaz podemos obter o obxectivo das nosas funcións”.

Segundo critican, a xestión das emerxencias no noso país foi sempre “un mostro de Frankenstein conformado por corpos distintos, individuais e non coordinados” debido a unha “crónica falta de regulación homoxeneizadora”. Así -sosteñen- nas dúas últimas décadas esta falla de regulación levou mesmo a deixar un servizo básico coma este nas mans de empresas privadas que converten en negocio a necesidade, “creando cidadáns de segunda en canto á atención que se pon en salvagardar as súas vidas, seguridade e bens”.

Ao mesmo tempo, lembran que a lei 5/2007 prometía comezar a poñer fin a esta situación impulsando a homoxeneización dos servizos nun prazo de tres anos e a elaboración dun regulamento de bombeiros que permitise avanzar na coordinación dos distintos corpos. “Pero isto non só non se levou a cabo senón que se afondou na heteroxeneización do modelo creando corpos novos no canto de reforzar os existentes”.