A CIG outorga o Premio do Día da Clase Obreira Galega a traballadores/as de Albada

Seixo salienta a importancia da central sindical, que o día 19 de marzo cumpre 20 anos desde a súa constitución, como ferramenta para a clase traballadora galega

Compostela -

A CIG celebrou esta venres a VIII Edición do Premio do Día da Clase Obreira Galega, co que se recoñeceu ás traballadoras e  traballadores de Albada a súa loita en defensa dunhas condicións de traballo dignas. O persoal desta empresa coruñesa protagonizou unha folga de máis de tres meses para conseguir un novo convenio. Grazas a isto conseguiron evitar as pretensións da empresa: baixada brutal de salarios, incremento da xornada e máis despedimentos. Ao remate da entrega dos Premios conmemorouse tamén o 20 aniversario da constitución da CIG.

Galería de imaxes da entrega de premios

Galería de imaxes

O secretario xeral, Suso Seixo centrou a súa intervención de clausura na conmemoración do 20 aniversario da CIG. Lembrou que o día 19 deste mes cúmprense 20 anos da constitución da central sindical, tras da fusión da INTG e a CXTG, unindo de novo nunha soa organización ao sindicalismo nacionalista nado a principios dos 70. Por iso fixo un especial recoñecemento ás persoas que foron membros da Executiva ao longo destas dúas décadas e salientou que durante este tempo a central sindical "tivo que facer un esforzo tanto interno como externo enorme" para consolidar, fortalecer e facer da central sindical unha "ferramenta eficaz e importante para a defensa da clase traballadora galega".

Sinalou que nestes 20 anos se conseguiu consolidar unha organización sindical cunha ampla implantación en toda Galiza, "situándonos en todos os sectores en niveis moi similares ao sindicalismo españolista e converténdonos na primeira forza canto a afiliación".

No plano interno destacou o esforzo realizado para superar as "vellas feridas" e estabelecer os mecanismos de funcionamento interno “garantes do respecto á democracia e pluralidade interna e a convivencia”, para pór en valor o propio proxecto da CIG, “sen outras dependencias que non fosen formar parte do movemento nacionalista galego e servir á clase traballadora galega".

No plano externo subliñou que houbo que dar resposta ás sucesivas contrarreformas laborais e as súas consecuencias, con mobilizacións nas que a CIG tivo un claro protagonismo. Salientou ademais o importante traballo desenvolvido na negociación colectiva para mellorar as condicións salariais e laborais, reforzar o Marco Galego de Relacións Laborais e enfrontarse aos acordos confederais estatais e denunciou o Pacto Social e as mal chamadas mesas de diálogo social, polas súas graves consecuencias para os intereses da clase traballadora.

Lembrou que a CIG tamén promoveu, neste período, mobilizacións en defensa dos servizos públicos, dos sectores produtivos, da nosa cultura, da nosa lingua ou do noso medio ambiente, entre outras. Mobilizacións e posicionamentos que, dixo, "fixemos sendo fieis á nosa condición de sindicato de clase e nacional, mantendo unha postura firme fronte ao poder político e económico dominante e opresor, garantindo a nosa independencia económica e organizativa, plenamente conscientes de que eses aspectos son básicos para conquistar os nosos obxectivos de facer realidade algún día unha Galiza soberana e sen explotación".

Para o secretario xeral, hoxe as circunstancias económicas e políticas, cunha forte crise económica e financeira, institucional e social "sitúanos de novo diante dun escenario que nos vai obrigar a perfeccionar e mellorar os métodos de traballo e o modelo organizativo" e a ofrecer alternativas ás políticas económicas e o modelo "ultraliberal", tanto no plano laboral como financeiro, fiscal, de modelo produtivo ou en políticas sociais.

Isto obriga, ao seu entender "a dar un debate ideolóxico sobre os modelos de organización económica e social que favorezan os intereses das clases populares e garantan un reparto equitativo da riqueza", pero ademais, no caso de Galiza, á necesidade de acadar "soberanía nacional"

Homenaxe a Muruzábal

A escritora e sindicalista da CIG-Ensino, Marta Dacosta, foi a encargada de conducir o acto. Ao seu inicio, e antes de dar paso aos premiados lembrou ao compañeiro Muruzábal, finado en xullo de 2013, do que salientou o seu papel na “primeira liña de defensa da clase traballadora e das liberdades e encabezando recordadas protestas, como a que o levou, xunto con outro compañeiro, a pecharse no alto da cheminea da central térmica de As Pontes, para denunciar a situación laboral na que se atopaban os traballadores/as das subcontratas de Endesa”.

Mais tamén subliñou a súa activa participación no proceso de organización de sindicatos unitarios, impulsando en 1979 a constitución do Sindicato Obreiro da Construción e participando tamén na constitución da CTG e, posteriormente a INTG e a CXTG, organizacións que converxerían na actual CIG. Ou a súa defensa dos intereses da clase traballadora como avogado laboralista, alén do seu papel como un dos fundadores, en 1980, da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM).

Tras desta lembranza, foi Seixo, quen entregou unha figura de Julia Ares á súa familia.

No decurso do acto proxectáronse varios vídeos, nomeadamente un no que se fai un percorrido polo conflito de Albada e outro que dá conta da loita das traballadoras da Residencia Valle Inclán, que recibiu o premio 8 de marzo.

Loita de Albada

Representantes do Comité de Albada foron os encargados de recoller o Premio de mans de Suso Seixo, que salientou a importancia deste conflito, non só pola súa dureza e duración, senón tamén polos logros acadados.

O 28 de xullo, os traballadores e as traballadoras da planta de tratamento de residuos de Nostián-ALBADA (116 persoas empregados/as), iniciaban unha folga indefinida contra as pretensións da empresa de recortar os salarios e os dereitos consolidados a través do convenio colectivo que se estaba a negociar. A escusa, unha vez máis, a necesidade de reducir custes a conta de precarizar as condicións laborais.

As negociacións iniciáranse pola denuncia que fai do Convenio a Empresa, no mes de marzo, que presenta unha proposta para o 2013 que suporía unha rebaixa salarial do 25% e un incremento da xornada semanal, pasando das 38,5 horas actuais a 42 horas semanais. Este desmantelamento do convenio implicaba un recorte salarial de 500 euros por traballador/a e o despedimento de 18 compañeiros/as, por mor do aumento da xornada.  

Fronte a esta agresión, o Comité presentou a súa propia plataforma de convenio, na que se asume a conxelación salarial mensual e se propón unha equiparación das pagas extraordinarias que suporía un desembolso económico mínimo por parte da empresa, mais manténdose os niveis de emprego.

A empresa pechouse na súa oferta e a única resposta que deu á parte social foi o despedimento de oito traballadores –a finais de maio-, asegurando mesmo que estes compañeiros ‘son moeda de cambio’ pola negativa do Comité a asinar a súa proposta. Ante isto, o comité entendeu que para a empresa, ao estar o cadro de persoal protexido pola cláusula de ultraactividade, a única forma de forzar a negociación era esta.

Tres meses de folga indefinida

Detrás desta precarización das condicións laborais, a representación do persoal advertiu de que detrás agochábase o interese de Albada por mudar o actual modelo de planta, converténdoa nunha planta de transferencia coa complicidade do Concello da Coruña, titular das instalacións.  

Na procura de buscar unha saída dialogada, o Comité iniciou contactos cos responsábeis do Goberno municipal, atopando como resposta a indiferenza, a pesares das acedas criticas do PP da Coruña contra a xestión da planta mentres estaba na oposición e dos reiterados chamamentos dende a representación do persoal a mediar.

No mes de xuño e xullo, o persoal intensifica as mobilizacións en demanda da readmisión dos 8 compañeiros e compañeiras despedidas e para reclamar da empresa que desbloquee a negociación do convenio. As protestas realízanse as portas do Concello, polas rúas da Coruña e diante das instalacións en Nostián. Alí, o 15 de xullo, os traballadores/as comezan unha acampada indefinida, reivindicando a readmisión dos despedidos. Porén, novamente, Albada teima na súa postura e o Concello continúa desaparecido. Como último recurso, o Comité acorda convocar folga indefinida desde o 28 de xullo.

Durante este período sufriron unha brutal campaña de desprestixio nos medios, criminalizando a folga e as súas demandas, mentres o Concello da Coruña eludía a súa responsabilidade como titular das instalacións (a planta está en réxime de concesión a Albada).

Unha campaña que, para a CIG da Coruña, pretendeu desviar a atención do que significa a “estafa social de cobrar na taxa do lixo aos veciños/as por unha reciclaxe inexistente, ao tempo de obviar retratar as formulacións de URBASER- Florentino Pérez, de blindar e mellorar o negocio millonario do lixo na Coruña a base de transferir lixo sen tratar aos vertedoiros que teñen en Compostela.

Ao final, e logo de múltiples e infrutuosas reunións no AGA -solicitadas pola parte social- e o rexeitamento por parte da empresa a someterse a arbitraxe -en dúas ocasións- chégase a un acordo, lonxe das pretensións de recorte iniciais de Albada e polo que se garante a readmisión dos 8 traballadores/as despedidos. Establécese un aumento da xornada a 40 horas semanais, respectándose o tempo do bocadillo e do aseo como tempo de traballo efectivo, garantía de emprego do cadro de persoal, vacacións desfrutábeis e 16 días, como mínimo, nos meses do verán.

O acto rematou co canto do Himno Nacional e uns petiscos nos que participaron as e os representantes das organizacións políticas, culturais e sociais convidadas, xunto con persoeiros da vida cultural, política e económica de Galiza.