A CIG-Saúde esixe a dimisión do xerente da Área Sanitaria de Vigo pola súa falta de resposta ante a epidemia de gripe

A central acúsao de “incapacidade manifesta” para organizar os recursos asistenciais

Vigo -

A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de reclamar a dimisión do xerente da Área Sanitaria ante a falta de capacidade de resposta fronte aos colapsos sufridos nos servizos de urxencias polo incremento de patoloxías relacionadas coa gripe e outros procesos virais.

Dende a CIG-Saúde explican que estes repuntes de actividade nos servizos de urxencias son perfectamente previsibles e, con variacións de unha ou dúas semanas, “podemos saber cando se van a producir, e en función das cepas de virus dominantes tamén podemos adiantar a poboación que será máis afectada, que neste caso, ao tratarse do Virus H3N2, afecta máis a persoas maiores, polo que era de agardar unha maior demanda en urxencias por tratarse de poboación máis fráxil e con patoloxías crónicas”.

Diante desta situación, a Xerencia decide pechar camas e reducir recursos asistenciais, xerando demoras inadmisibles e condicións asistenciais intolerables para os pacientes e para o persoal que traballa nos servizos de urxencias.

Nestas circunstancias “só nos queda pedirlle ao Xerente que presente a dimisión por incapacidade manifesta de organizar os recursos asistenciais, garantindo a seguridade dos pacientes”. De non producirse, reclámanlle á conselleira de Sanidade o seu cese inmediato, “xa que de non facelo estaría demostrando que este xerente cumpre as súas ordes: desmantelar a sanidade pública a calquera prezo”.