Neste 8 de Marzo as mulleres da CIG denuncian estar “Fartas!” de conmemoracións hipócritas

A central sindical celebrou unha xornada nacional de loita con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora

A Coruña -

Baixo o acaído lema “FARTAS!”, a CIG realizou este venres xornada de loita nacional -con concentracións en todo o País- con motivo do 8 de Marzo; unha data na que a Secretaría da Muller da CIG denuncia que "non hai nada que celebrar" e a través da quere resaltar a loita diaria que todas as mulleres levan a cabo na defensa dos seus dereitos, fronte ás “celebracións e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas administracións e poderes que recortan os nosos dereitos”.

(Galería de imaxes)

“Estamos fartas de empresas que amparándose nunha reforma laboral e nunha lexislación inxusta tentan obter beneficios a costa do lombo das mulleres. Fartas dun sistema que xera fame, miseria, desemprego, opresión e desarraigo. Fartas das cifras de desemprego; fartas de que sexan 35.700 mulleres as que abandonaron Galiza no último lustro, sen que ningunha administración tente frear esta sangría de poboación. Por iso, hoxe, como calquera día, a CIG sae á rúa en defensa dos nosos dereitos”.

Así se expresaba a Secretaria Confederal de Muller, Margarida Corral na concentración realizada diante das oficinas de Extel na Coruña -escollida precisamente por ser unha empresa que abusa dos aspectos máis regresivos da reforma laboral- nunha xornada de mobilizacións que se sucederon ao longo das distintas cidades galegas. En Lugo a protesta realizouse diante do Gran Hotel, onde as traballadoras e traballadores están vivindo un conflito laboral dende hai semanas con despedimentos e atrasos nos pagos dos salarios; en Ourense a mobilización desenvolveuse ás portas da Confederación de Empresarios.

En Compostela fíxose diante da oficina da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, no que se rexistran despedimentos e situacións de acoso e represión sindical, como o padecido pola delegada da CIG, Berta Castaño, cuxa loita foi recoñecida pola central nacionalista co Premio 8 de Marzo.  No caso de Vigo e Ferrol, as mobilizacións leváronse a cabo diante do Corte Inglés e do Centro Comercial Odeón, en resposta ás duras condicións laborais impostas no convenio das grandes superficies comerciais, de recente sinatura.

En Vigo, o acto reivindicativo celebrouse ás portas de El Corte Inglés porque, tal e como explica a secretaria comarcal de Muller e Mocidade da CIG, Rosa Chantada, “este ano escolleuse unha empresa que vén de asinar un convenio inxusto e vexatorio que recolle unha serie de medidas como reducións salariais, aumento de xornada anual en 28 horas, contratos de formación por 400 euros, ademais de ampliar a xornada aos domingos de xeito obrigatorio e non retribuído e afianzar a flexibilidade laboral a favor do empresario, medidas que neste caso afectan maioritariamente a mulleres”.

Un século de loita

A Secretaria Confederal de Muller lembrou que malia levar máis dun século conmemorando o día 8 de Marzo, “en pleno ano 2013, as mulleres de hoxe saímos á rúa para denunciarmos a mesma opresión. Porque o sistema capitalista segue abrindo fendas entre as clases sociais, e segue artellando unha división sexual da sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes”.

Insistiu en que a defensa dos dereitos das mulleres non se pode cinguir exclusivamente a unha data e lembrou que durante o ano 2012 a patronal, escudándose na situación de crise e amparándose nun marco lexislativo que serviu para darlles carta branca aproveitou para “precarizar as condicións nas que as mulleres desenvolvemos o noso traballo, coa intención de obter máis beneficios nun tempo menor”.

Fronte a esta opresión, Margarida Corral chamou a continuar na mobilización e contestación social porque “somos as netas das avoas que conseguiron a igualdade formal, e podemos ser as mulleres que logremos a igualdade real. Por iso non imos permitir nin un só retroceso máis no avance nos nosos dereitos”.

Continúan as mobilizacións

Así mesmo, dende a Secretaría Confederal animouse a participar tamén nas concentracións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, na tarde do día 8 en Vigo e Ferrol, e na concentración cidadá prevista na Coruña contra o peche do Centro de Orientación Familiar da Coruña. E como organización convocante. xunto con outras asociacións e entidades feministas. na mobilización nacional que sairá o día 9 de  marzo ás 12:30 horas da Estación de tren de Compostela, baixo o lema Mulleres Galegas en loita polos nosos dereitos!, e nas mobilizacións comarcais convocadas pola CIG o 10 de marzo, Día da clase obreira galega.