A patronal estatal da conserva retira a proposta de pagamento en especies que rexeitara a CIG

As negociacións pecháronse até o mes que vén tras pactarase a actualización do léxico do convenio colectivo

Vigo -

A patronal estatal da conserva decidiu retirar da plataforma de convenio colectivo a proposta de pagamento en especies que rexeitara a CIG por “machista e retrógada”. As negociacións, que se pecharon hoxe tras dúas xornadas nas que unicamente se pactou a actualización do léxico do texto, continuarán o mes que vén de novo en Madrid.

Dende a FGAMT-CIG explicaron que as empresas do sector da conserva optaron por atender a demanda das organizacións sindicais e retiraron da proposta de convenio o pagamento en “produtos ou especies” que o sindicato cualificara como "machista e retrógrada". A intención da patronal fora denunciada publicamente pola central nacionalista, motivo polo que os empresarios/as intentaron excluír a representación da CIG das conversas celebradas a inicios de maio.

As negociacións retomáronse onte e hoxe, aínda que as dúas xornadas serviron unicamente para pactar a actualización do léxico que figura no convenio colectivo. Será nas vindeiras xuntanzas, previstas para o 13 e o 14 de xullo en Madrid, cando se aborden as cuestións importantes, como son a xornada, os salarios e a clasificación por categorías. “A patronal xa adianta que vai ser difícil chegar a un acordo nestes puntos”, indican dende a CIG.

A central pretende que o convenio teña un ano de duración e que contemple unha subida salarial lineal de 200 euros anuais para todas/os as traballadoras/es, mentres que a patronal quere que dure cinco anos e que fixe un 0% de suba o primeiro e un 0,5% os catro restantes. “Tamén pretenden incrementar a xornada 10 horas cada ano durante 2016, 2017, 2018 e 2019, polo que ao remate do convenio teríamos un total de 40 horas máis ao ano”.

Outra das propostas pasa por ir avanzando na equiparación entre o persoal de oficios varios (maioritariamente homes) e o de fabricación (maioría de mulleres), “xa que por exemplo un axudante de oficios varios cobra máis que unha mestra de fabricación, o que constitúe unha clara discriminación de xénero”.