A CIG no Concello de Betanzos denuncia que o goberno local avanza na privatización do servizo de limpeza municipal

A pesar da moción aprobada no pleno contra a externalización do servizo e o despedimento de dúas traballadoras

A Coruña -

No pleno do pasado mes de xullo, o Comité de Empresa do Concello de Betanzos manifestouse contra a privatización do servizo de limpeza municipal e a inminente contratación dunha empresa privada para a limpeza de edificios e o despedimento de dúas compañeiras do servizo no aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín. Un mes e medio despois, denuncia a Sección Sindical da CIG, “o goberno decide privatizar a limpeza do centro e incumprir abertamente o acordo plenario nos tres primeiros meses de goberno”.

Cómpre lembrar que en xullo, e logo de se pór o Comité en contacto con todos os partidos políticos e manifestarlles a súa preocupación pola externalización do servizo, o Pleno da Corporación aprobou unha moción por unanimidade que indicaba que se cubrirían as baixas con empregados/as públicos/as e que os servizos de limpeza non se prvatizarían.

“Desde a Sección sindical da CIG queremos denunciar que o feito de que non se faga uso da listaxe de substitución en limpeza e contratar a varias traballadoras dunha empresa privada  pode interpretarse como un acto de represalia contra as compañeiras despedidas do aulario que, por orde, terían preferencia e lles correspondería esas contratación”, apuntan.

Así, critican que o Goberno local en xuño despediu a dúas traballadoras municipais e agora en setembro “pretende suplir os seus postos no aulario con traballadores/as dunha empresa privada de limpeza que descoñecemos, logo de que tamén nos meses de verán cubrise o traballo das e dos empregados públicos de limpeza de edificios con persoal de empresas privadas de costas ao Comité de Empresa e aos partidos da oposición”.

Desde a Sección Sindical da CIG rexeitan completamente a actitude do Goberno municipal e  consideran que “é un absoluto escándalo” que se pretenda privatizar a limpeza do colexio “con tal de non tirar das listaxes de substitucións actuais para non verse na obriga de contratar ás compañeiras que demandaron o goberno por despedimento improcedente”.

Sobre isto, alertan que a situación do servizo de limpeza municipal complicarase con esta privatización, posto que ao haber persoal dependente de empresas privadas traballando a carón de empregadas e empregados públicos desempeñando as mesmas funcións e recibindo ordes do encargado municipal “poderiamos estar ante un suposto de cesión ilegal de traballadores/as que podería ter como consecuencia a obrigatoriedade do Concello de contratar a ese persoal”.