A CIG consolídase como a forza máis votada en Galiza na eleccións sindicais na banca

Acadou 31 representantes dun total de 110 e o 29% dos votos emitidos
Nacional - 16 Feb 2023

A CIG vén de consolidarse como a forza máis votada nas eleccións sindicais celebradas este mércores, día 15 de febreiro, no sector bancario. A central sindical acadou 31 representantes dun total de 110 que se escollían en Galiza, obtendo 633 votos que representan o 29% dos 2.226 emitidos.

A CIG-Banca salienta os resultados acadados no BBVA, entidade na que reforza a súa posición como primeira forza en Galiza, conseguindo 14 representantes de 36, o 38,46% dos votos, seguida da Asociación de Cadros de Banca (ACB) con 10 representantes e un 27% dos votos.

Tendo en conta a diminución do número de representantes a elixir, pola brutal redución dos cadros de persoal, que fixo que se pasara de 3.602 persoas traballadoras, que escollían representación en 2019, a 2.412 en 2023 -o que fixo que nestas eleccións sindicais se escollesen en Galiza 20 delegados e delegadas menos que hai 4 anos-, a central sindical considera que “os resultados reflicten o bo traballo realizado nas entidades financeiras, ao alcanzar un 28,18% da súa representación, perdendo menos de dúas décimas con respecto a 2019”.