A empresa Seguridade A1, do Grupo EME, adebédalle a nómina de xullo ao persoal

Xa fora denunciada na Inspección polo atraso no pago de salarios

Nacional -

Dende a CIG-Servizos denuncian que a empresa Seguridade A1, do Grupo EME, adebédalle a nómina do mes de xullo ao seu cadro persoal. Lembran que a compañía, pertencente ao Grupo EME, xa fora denunciada na Inspección de Traballo polo atraso no pago dos salarios, ademais de figurar na lista de grandes morosos de Facenda.

En Galiza esta empresa ten uns 120 traballadores, que prestan servizo na rede museística de Vigo, Centro Comercial A Laxe, Pazo Baión, Servizo de Doazón de Sangue (ADOS), Einsa, Puentes y Calzadas, campo de fútbol de San Lázaro, Consello de Contas da Xunta de Galiza, etc., segundo explica o responsábel de Organización de CIG-Servizos, Pedro Pérez. 

Dende a CIG fan un chamamento aos clientes da empresa para que condicionen o pago de servizos prestados ao abono dos soldos

Pérez denuncia que esta situación “xa se miraba vir dende hai tempo, xa que esta empresa sempre se atrasaba cos pagos das nóminas, tendo varias denuncias na Inspección de Traballo por este incumprimento -entre outros-, e viña arrastrando débedas con Facenda, figurando na súa lista de grandes morosos ao acumular impagos por 1.730.000 euros”.

O responsábel de Organización de CIG-Servizos sinala que na actualidade os responsábeis da compañía están a negociar cos bancos a concesión de novas liñas de crédito para facerlle fronte ás débedas coa Seguridade Social e coa Axencia Tributaria, “polo que agardan desesperadamente novos inversores que inxecten capital a unha empresa que acumula débedas e que carece de solvencia, o que nos fai pensar nun verán moi complicado para os seus traballadores/as, cun futuro incerto a respecto do pago das nóminas de xullo e seguintes”.

Diante disto, dende a CIG-Servizos fan un chamamento aos clientes privados e públicos desta empresa para que condicionen o abono das facturas pola prestación de servizos ao pago das nóminas do cadro de persoal.

Se finalmente esta empresa entra en concurso de acredores, un dos grandes culpábeis e cómplices necesarios será o propio Estado, por non exercer o debido control sobre estas empresas, ás que contrata a baixo prezo sacando cada vez concursos máis precarios e baratos, na procura dunha seguridade low cost en lugar de primar a solvencia, capacidade e calidade, e valorando só o factor económico, o que favorece a estes piratas empresariais que agora padecen os traballadores/as”, sostén Pérez.

Contratos co Concello de Vigo

Pola súa banda, o representante sindical da CIG nesta empresa en Pontevedra, Benito López, indica que “o Concello de Vigo ten contratado a esta empresa os servizos de seguridade da rede museística de Vigo -que inclúe os museos Quiñones de León, Pinacoteca, Francisco Fernández del Riego, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura-, así como as instalacións de seguridade do Verbum; o contrato ascende a 671.068,37 euros anuais, favorecendo así a este tipo de empresas que ofertan á baixa e logo os que temos sufrir as consecuencias somos os traballadores/as, mentres o Goberno local presume de aforrar cartos na contratación do servizo de seguridade”.

Polo que, segundo manifesta, en lugar de presumir o que debera facer é vixiar que este tipo de empresas cumpran cos pregos de contratación “para non ser cómplices de situacións coma esta, precarizando cada vez máis os servizos de seguridade”.

Finalmente, dende a CIG-Servizos adiantan que van estar “moi atentos/as a todas as novas que vaian sucedendo para darlle cumprida resposta tanto a esta empresa como aos seus clientes, agás que estes/as adopten unha actitude responsábel cos traballadores/as que prestan servizo neses centros de traballo, como persoal de confianza que se ocupa da seguridade destes centros”.

Volver