Xornada de mobilizacións en Lugo pola recuperación salarial e contra a presión comercial na banca

Dentro do calendario de protestas que a CIG está a desenvolver no sector financeiro
Lugo - 23 Xun 2022

A CIG-Banca desenvolveu este xoves en Lugo unha intensa xornada de mobilizacións pola recuperación salarial e contra a presión comercial e a suba dos obxectivos no sector financeiro. A mobilización, con carácter itinerante, comezou sobre ás 10:30h diante da sucursal de Caixabank situada na Avda. da Coruña nº173 para desprazarse despois ás oficinas do Banco Sabadell, BBVA e Abanca da mesma rúa.

A protesta continuou polo Caixabank da Praza de Ferrol, o Bankinter e o Santander da rúa San Marcos, as oficinas de Sabadell, Abanca e Unicaja da rúa Progreso, e o BBVA da rúa da Raíña para rematar con concentracións nas oficinas que o Banco Santander, Unicaja, Cajamar e Abanca teñen na Praza de Santo Domingo por volta das 13h.

Conxelación salarial mentres medra a carestía da vida

No contexto de precarización laboral e perda de emprego sufrida no sector na última década, a representación da CIG denuncia que o persoal dos bancos e das antigas caixas de aforro leva anos cos seus salarios conxelados, mentres a carestía da vida medra imparábel e as altas direccións veñen de subirse a retribución variábel un 29%.

E aínda que as entidades obteñen beneficios millonarios "as nosas condicións empeoran, hai menos persoal en oficina e os nosos salarios están cada vez máis recortados”. Así, a CIG-Banca subliña que no ano 2021 o IPC foi do 6,7 % a nivel galego pero as traballadoras e os traballadores só tiveron un incremento do 0,25 % no convenio dos bancos asociados á AEB e do 0,0 % nos de CECA (as antigas caixas de aforro).

Para reverter esta caída, a CIG trasladoulle unha proposta á patronal para negociar un incremento das retribucións, "pero denegaron negociar porque din que teñen os convenios pechados". A CIG tamén reclamou a nivel de empresas unha actualización dos complementos para tentar minimizar a perda do poder adquisitivo, pero a resposta foi igualmente negativa.

Pola contra, as empresas si están aumentando os obxectivos comerciais e exercendo unha presión tremenda sobre o persoal para que coloque produtos financeiros que a clientela non demanda. "É dicir as entidades sóbennos os obxectivos, reducen persoal, aplican un ERE tras doutro e recórtannos o salarios ao tempo que lle incrementan as comisións directas e indirectas á clientela e lle restrinxen os servizos", denuncian.

Por todo isto, as delegadas e delegados da CIG no sector bancario iniciaron o pasado mes de abril un calendario de mobilizacións na Coruña, que trasladaron en maio a Ourense e en xuño a Lugo e que terá continuidade nos próximos meses.