Importante seguimento dos paros parciais no CTAG por salarios dignos e categorías xustas

Máis dun terzo do persoal da quenda de mañá e todo o da de tarde secundou a medida de presión e participacipou nas mobilizacións
O Porriño - 27 Abr 2023

Os paros parciais de dúas horas convocados pola CIG no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) para reclamar salarios dignos e categorías laborais xustas tivo un importante seguimento entre o cadro de persoal a pesar das manobras da dirección, que pactou un acordo co resto do comité xusto antes de que a central celebrase unha asemblea para abordar a posibilidade de optar pola folga. Con todo os paros, que se desenvolveron de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, foron secundados por máis dun terzo dos arredor dun milleiro de traballadores/as da empresa na quenda de mañá e polos/as 5 empregados/as da quenda de tarde.

Coincidindo cos paros celebráronse concentracións tanto ás portas das instalacións do CTAG no polígono porriñés da Granxa como diante de Stellantis, onde tamén traballan empregados/as do CTAG. Nas protestas berráronse consignas contra a precariedade e rexeitouse o acordo asinado por CCOO e o sindicato independente coa empresa, xa que contempla unha dobre escala salarial e non supón unha mellora das condicións de traballo.

Dende a sección sindical da CIG na compañía do sector da automoción explican que a xornada de folga parcial é unha continuación das mobilizacións en defensa dunhas condicións de traballo dignas e para demandar a implantación dun sistema de clasificación e promoción profesional que se axuste á realidade do traballo que desenvolve o persoal da empresa. “Mais tamén para rexeitar ao acordo asinado polo resto do comité, que non contempla ningunha medida nestes sentido”, sinalan.

Enquisa entre o persoal

A elevada oposición dos traballadores/as ao acordo fíxose evidente na enquisa distribuída entre o cadro de persoal pola CIG, que foi cuberta por 330 persoas, das que arredor dun 80% amosaron o seu rexeitamento e validaron a resposta que está a dar a central sindical.

De feito, na asemblea previa convocada pola CIG, na que participaron 344 empregados/as, rexeitouse o contido do documento e optouse pola convocatoria dos paros que hoxe se fixeron efectivos. “Decidimos facer a enquisa porque na asemblea do persoal do CTAG celebrada no local de CCOO a xente solicitou que se fixese un referendo para coñecer o respaldo co que conta o acordo”.