Documento
Incapacidade Permanente - extincion contrato 10/25
Lei 2/2025: incapacidade permanente e medidas de adaptación de posto ou de recolocación
- Discapacidade e traballo
A Lei 2/2025, do 29 de abril modifica o Estatuto dos Traballadores e a Lei Xeral da Seguridade Social para favorecer o dereito á igualdade no emprego das persoas con discapacidade. A mudanza fundamental é que a incapacidade permanente (IP) xa non extingue automaticamente o contrato de traballo, senón que a empresa debe avaliar primeiro se existen medidas de adaptación do posto de traballo ou de recolocación. Só no caso de que estas medidas supoñan unha ‘carga excesiva’ pode extinguirse o contrato.
- Principais novidades
|
Antes da Lei 2/2025 |
Despois da Lei 2/2025 |
|
Extinción automática do contrato de traballo |
O contrato non se extingue automaticamente |
|
Non había obriga de adaptación por parte da empresa |
Obriga de facer axustes razoábeis no posto ou de recolocación |
|
Non había prazos claros |
Persoa traballadora: 10 días Empresa: 3 meses |
|
Pensión de incapacidade incompatíbel co emprego |
A pensión suspéndese durante o desempeño do posto adaptado (e está pendente de regularse a compatibilidade) |
- Procedemento e prazos
- Persoa traballadora: 10 días naturais para pedir manter a relación laboral.
- Empresa: 3 meses para facer axustes razoábeis ou ofrecer recolocación.
- Durante este tempo o contrato fica suspendido con reserva de posto.
A extinción só é correcta cando:
- Non é posíbel o axuste sen unha carga excesiva para a empresa
- Non hai un posto vacante compatíbel.
- A persoa traballadora rexeita unha recolocación adecuada.
- Concepto de ‘carga excesiva’
- Empresas con menos de 25 persoas traballadoras: custo superior a 6 meses de salario ou indemnización por improcedente.
- Empresas con 25 ou máis persoas traballadoras: análise de tamaño, recursos, volume de negocio e existencia de axudas.
- Non se considera excesiva se pode compensarse con subvencións públicas.
- Consecuencias prácticas
- Máis litixios: discusión sobre se era posíbel facer axustes razoábeis.
- As empresas deben documentar todo o proceso para xustificar que cumpriron as súas obrigas.
- O papel sindical é decisivo para garantir os dereitos.
- Acción sindical recomendada
- Asesorar e acompañar a persoa traballadora para que manifeste a súa vontade en prazo.
- Esixir o rexistro de vacantes adaptábeis.
- Negociar cláusulas de recolocación en convenios colectivos.
- Fiscalizar as extincións: motivación, documentación e indemnización.
- Promover estratexias xurídicas contra os abusos empresariais.
- Checklist rápida para representantes das persoas traballadoras
- A persoa comunicou no prazo de 10 días que quería seguir?
- A empresa iniciou a adaptación ou recolocación?
- Houbo consulta coa representación legal das persoas traballadoras e servizos de prevención?
- Hai documentación que xustifique a imposibilidade de adaptación?
- A extinción foi motivada e comunicada por escrito?
- Exemplos prácticos por sectores
Sector do metal
Exemplo: Un operario sofre unha lesión que lle impide realizar tarefas de soldadura con precisión.
Posíbeis axustes razoábeis:
- Reasignación a tarefas de control de calidade.
- Uso de ferramentas asistidas ergonómicas.
- Redución de exposición a ambientes de calor extrema.
Se non hai posto vacante ou os custos son excesivos para unha pequena empresa, podería extinguirse o contrato.
Sector da administración
Exemplo: Unha administrativa é declarada con IP total por problemas de mobilidade que dificultan os seus desprazamentos.
Posíbeis axustes razoábeis:
- Teletraballo parcial ou total.
- Adaptación do posto con mobiliario ergonómico.
- Horarios flexíbeis para tratamentos médicos.
Neste caso, as posibilidades de recolocación son altas e a extinción debería ser a última opción.
Sector do comercio
Exemplo: Un dependente é declarado con IP absoluta por limitacións que lle impiden permanecer de pé durante moito tempo.
Posíbeis axustes razoábeis:
- Recolocación en tarefas de xestión de stocks ou pedidos.
- Adaptación de posto con cadeira especial e pausas programadas.
- Formación en uso de sistemas dixitais de vendas.
Se a empresa alega carga excesiva sen xustificación, a extinción podería ser declarada nula por discriminación.
- Modelos de escritos
• Modelo 1: Solicitude de mantemento da relación laboral
Ao coidado da dirección da empresa [NOME DA EMPRESA]
[NOME E APELIDOS], con NIF [XXXXXXX], traballador/a desta empresa, notificado/a da resolución do INSS pola lle é recoñecida unha incapacidade permanente en grao [TOTAL/ABSOLUTA/GRANDE INCAPACIDADE], dentro do prazo legal de 10 días, manifesta a súa vontade de continuar vinculado/a laboralmente con esta empresa.
Solicita que se adopten os axustes razoábeis necesarios ou, de ser ocaso, que lle sexa ofrecido un posto compatíbel coa súa nova situación.
En [lugar], a [data]
Asdo.: _______________________________________
• Modelo 2: Requirimento da representación sindical á empresa
Ao coidado da dirección da empresa [NOME DA EMPRESA]
A representación legal das persoas traballadoras desta empresa, ao abeiro do disposto na Lei 2/2025 e no art. 49.1.n) do Estatuto dos Traballadores, require aempresa para que:
- Cree e manteña un rexistro actualizado de postos vacantes e susceptíbeis de adaptación.
- Informe a representación legal das persoas traballadoras sobre os axustes propostos para as persoas declaradas en situación de incapacidade permanente.
- Xustifique documentalmente, en cada caso de extinción de contrato, a imposibilidade de adaptación ou recolocación, así como a existencia dunha carga excesiva.
En [lugar], a [data]
Asdo.: _______________________________________