Envíaa ao local da CIG ou entrégalla é representación sindical da CIG no teu centro de traballo.


AFÍLIATE !

COA CIG: ORGANÍZATE PARA LOITAR. LOITA PARA AVANZAR..

Na Confederación Intersindical Galega centramos a nosa acción tanto na defensa dos dereitos laborais da clase traballadora como na loita pola transformación social de e desde Galiza.

A nosa fortaleza provén do modelo do sindicalismo nacionalista galego, baseado na solidariedade de clase, a democracia participativa, a combatividade, o autofinanciamento e a total independencia organizativa.

Un modelo que se remonta cinco décadas atrás, e grazas ao cal a CIG logrou converterse na principal ferramenta da clase obreira galega.

PRIMEIRA FORZA SINDICAL DA GALIZA

- A CIG é hoxe o maior sindicato de Galiza, con máis de 80.000 afiliados e afiliadas, o que constitúe preto dun 11,50% da poboación asalariada do noso país.

- Con máis 5.100 delegados e delegadas, somos a primeira forza en representación sindical, encabezando a maioría dos sectores.

- Non nos limitamos aos centros de traballo, senón que a través da mobilización social nos implicamos en multitude de loitas laborais e sociais.

- Gozamos da condición legal de "sindicato máis representativo" a nivel de todo o Estado español, xunto a CCOO, UGT e ao sindicato vasco ELA. Esta condición que só a temos este catro sindicatos, e permite a nosa participación nos organismos oficiais tripartitos estatais e galegos.

A CIG é o único sindicato que loita con coherencia polos dereitos dos traballadores e das traballadoras galegas no marco dun sistema económico contrario aos intereses da maioría social.

  • Loitamos para combater este capitalismo depredador que acumula os beneficios nunha minoría privilexiada mentres se apropia cada día con maior impunidade da riqueza que xeramos co noso traballo.

    Rexeitamos as políticas de recortes, precarización laboral e empobrecemento practicadas polos diferentes gobernos.

  • Reivindicamos unha Galiza soberana e sen explotación, orgullosa da súa identidade cultural e lingua propias, en pé de igualdade fraternal cos restantes pobos e nacións do mundo, conforme a nosa concepción antiimperialista.

  • Loitamos desde a nosa convicción feminista contra o machismo, a violencia de xénero e a discriminación das mulleres, e promovemos a igualdade, a diversidade, a coeducación e a corresponsabilidade.

  • Apostamos pola mobilización social como o motor do cambio e pola defensa das posicións de clase e nacionais como a única forma de dar solucións ás crises concatenadas que vivimos.

AUTOFINANCIAMENTO

  • A CIG autofinánciase mediante a achega económica dos nosos afiliados e afiliadas en preto dun 100% dos nosos ingresos.

  • Ese sustento que achega a afiliación permite que manteñamos a nosa independencia económica como base da nosa independencia organizativa.

INSTRUMENTOS COS QUE CONTAMOS

- Caixa de resistencia. É unha ferramenta exclusiva da CIG que busca compensar parte dos custos que os traballadores e traballadoras teñen que afrontar ante as convocatorias de folga. Este acto de solidariedade económica da nosa afiliación serviulles a moitos afiliados e afiliadas para resistir e acadar unha maior efectividade nas folgas, contribuíndo deste xeito a conseguir gañar os conflitos fronte á patronal.

- Departamento xurídico. Encárgase da acción xudicial e do asesoramento e defensa da nosa afiliación en casos de despedimentos, reclamacións de cantidades, vacacións, xornada laboral, pensións, prestacións por desemprego etc. É unha ferramenta imprescindíbel para facer valer os teus dereitos fronte ás arbitrariedades da patronal e como apoio á acción sindical.

- Departamentos de asesoramento económico, laboral e de igualdade. Ocúpanse de proporcionar todo tipo de asesoramento técnico e informes sobre ERE, descolgues de convenios, economía social, plans e políticas de igualdade e conciliación, informes sobre novas normativas etc. Realizan estudos e análises sobre a situación socioeconómica e laboral de Galiza e dos diferentes sectores produtivos.

- Plan de Axuda Alimentar Solidario da CIG. Que se mantén coas achegas solidarias da nosa afiliación, para dar apoio á afiliación con dificultades para poder cubrir as necesidades máis básicas de sustento. Este plan consiste na entrega mensual de alimentos non perecedoiros.

- Accións formativas. A través de diversos plans e proxectos de formación, cooperación e investigación, co fin de ofertar e desenvolver uns servizos de calidade, axeitados ás necesidades actuais e futuras da clase traballadora galega.

A CIG é, en definitiva, o teu sindicato. Un sindicato que loita polos teus dereitos, a dignidade e a liberdade. Un sindicato que é máis forte co teu apoio, coa túa forza e coa túa voz. Un sindicato onde poderás participar, debater, propoñer e actuar. Un sindicato ao que te convidamos a afiliarte e a construílo.

 

DEFENDE OS TEUS DEREITOS E A TÚA DIGNIDADE
FRONTE AOS ATAQUES DO CAPITAL, ORGANÍZATE E LOITA CONNOSCO
AFÍLIATE Á CIG

INFORMACIÓN

Se queres información ou afiliarte á CIG tes distintas opcións:

Ponte en contacto coa representación sindical da CIG na túa empresa.

Chama por teléfono ou envía un correo electrónico ao local da CIG máis próximo ao teu enderezo.

Descarga a folla de afiliación, cúbrea e envíaa ao local da CIG ou entrégalla é representación sindical da CIG no teu centro de traballo.

Cotas de Afiliación 2024
Activos/as e desemprego con ingresos (mensual):
  • Cota ordinaria: 13,45€
    (para ingresos iguais ou superiores a 1.718€ mensuais con rateo de pagas extras)
  • Cota especial: 12,00€
    (para ingresos iguais ou superiores a 860€ e inferiores a 1.718€ mensuais con rateo de pagas extras)
  • Cota reducida: 6,30€
    (para ingresos inferiores a 860€ mensuais con rateo de pagas extras)
Sen ingresos (mensual):
  • Cota simbólica: 3,20€
Pensionistas e xubiladas/os (mensual):
  • Cota reducida: 6,30€
    (para ingresos iguais ou superiores a 860€ mensuais con rateo de pagas extras)
  • Cota simbólica: 3,20€
    (para ingresos inferiores a 860€ mensuais con rateo de pagas extras)
Cotas complementarias

a) Cota Sindical Complementaria por falla de antigüidade: 160€. Esta Cota Sindical Complementaria será, en cada momento, equivalente a unha anualidade da Cota Sindical "Ordinaria".

b) Sobre contías percibidas:
Antigüidade na CIG SMAC ou reclamación previa Xulgado
Até 3 meses 12% 15%
Máis 3 meses a 1 ano 9% 11%
Máis de 1 ano a 2 anos 7% 10%
Máis de 2 anos a menos de 3 anos 5% 7%
Máis de 3 anos a 5 anos 2% 3%
Máis de 5 anos gratuíto gratuíto
c) Expedientes sen reclamación económica:
Antigüidade na CIG Cota complementaria
De 0 a 6 meses (*) (**) 90 €
Máis de 6 meses a 12 meses(*) 60 €
Máis de 12 meses(*) gratuíto

* Incrementados cos gastos que se precisaran

** Ademais, de ser o caso, engadirase á Cota Sindical Complementaria por falla de antigüidade